Agustín Fernández Paz, unha figura da literatura galega recente e unha razón para visitar Vilalba

LUGO

O Concello deseña unha ruta por Lanzós partindo de «Aire negro», unha das obras do escritor
16 may 2024 . Actualizado a las 17:54 h.As razóns para visitar Vilalba poden atoparse no patrimonio histórico: velaí a torre dos Andrade, pero tamén, por exemplo, os cemiterios neogóticos de parroquias coma Román, Goiriz ou Alba e o Camiño do Norte. Tamén se poden procurar no medio ambiente: un paseo á beira do río Magdalena entre a ponte dos Freires e o muíño do Rañego achega tranquilidade nun entorno natural. Pero hai ademais motivos literarios, pois na capital chairega naceu un premio nacional de literatura e un dos grandes nomes da literatura galega actual dirixida a nenos e a rapaces.
Agustín Fernández Paz, nado en Vilalba en 1947 e falecido en Vigo no 2012, deixou unha ampla obra, pero tamén razóns para achegarse á súa terra de orixe na procura de pegadas súas. Ese vencello é algo co que está a traballar o Concello, interesado en deseñar un itinerario por lugares nos que a obra do escritor está presente.
O proxecto xa está en marcha. A idea da concelleira de Comercio, Turismo e Promoción da Lingua, María Xosé Fernández Pardo, consiste en ofrecer un percorrido baseado en «Aire negro», unha obra de Fernández Paz na que aparecen lugares vilalbeses. O plan é elaborar unha ruta que pase por lugares de Lanzós e que non ofreza grandes dificultades, de maneira que sirva como aliciente, por exemplo, para familias.
«Lanzós é unha zona chá, e pódese ir con nenos sen gran esforzo», afirma a concelleira. O que se tenta é establecer un percorrido circular, cun lugar sinalado como comezo e como remate.; polo medio, a escola habaneira, construída por iniciativa de emigrantes en Cuba, ou o cemiterio, no que tamén hai cruces neogóticas, serán sitios de parada obrigatoria.

En canto á sinalización, a concelleira di que a creación de códigos QR pode ser unha solución axeitada, pois así os visitantes poderán acceder a información sobre os alicientes da ruta. Non rexeita a instalación de carteis, pero engade que acaban tendo o problema da conservación e que cómpre estudar ben onde se poñen para non causar impactos visuais na contorna.
Se as previsións se cumpren, o itinerario estará completado este ano, igual ca outro que a concelleira de Turismo quere potenciar: en colaboración coa Asociación de Amigos da Liga Santaballesa, quérese crear un itineario circular na parroquia de Santaballa que comece e remate na escola habaneira e pase por lugares de interese arqueolóxico coma Pena Grande.
Un proxecto no que xoga un papel importante o IES Basanta Silva
Fernández Pardo subliña que nas actividades dirixidas a salientar a figura de Fernández Paz xoga un papel importante o IES Basanta Silva, onde o escritor ten unha presenza importante: por exemplo, a biblioteca do centro leva o seu nome. Un caso recente de atención ao autor de «Aire negro» viuse a finais de abril coa celebración dunha excursión por Lanzós e por San Simón da Costa que foi organizada por persoal do instituto. A concelleira afirma que deseñar un percorrido que inclúa tamén esa parroquia ten menos sentido porque aumentarían os quilómetros e a necesidade de empregar automóbil; pero quere acadar máis información sobre algúns lugares porque, di, poden ser merecentes de artellar unha ruta.