«Mea culpa», o libro de relatos co que Toño Núñez, escritor de Navia de Suarna, celebra a xubilación

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Toño Núñez presenta un novo libro de relatos
Toño Núñez presenta un novo libro de relatos Alisa Smirnova

O mestre presentará a súa obra este xoves no IES Lucus Augusti

12 jun 2024 . Actualizado a las 17:44 h.

Xoves 13 • 20.00 horas • Salón de actos do IES Lucus Augusti • Lugo • 

O escritor e mestre Toño Núñez (Navia de Suarna, 1959) celebra os seus 65 anos cunha nova publicación. Trátase de Mea culpa, editado por Medulia Editorial, un libro de 33 relatos escritos ao longo da súa vida, de moi diversa temática, estilo e extensión.

A presentación terá lugar na tarde do xoves 13 en Lugo, ás 20.00 horas no IES Lucus Augusti, e acompañarán ao autor Xulio Valcárcel, poeta e editor; e Armando Requeixo, crítico literario e autor do epílogo, no que o mindoniense realiza unha radiografía literaria da obra do naviego.

Vivencias persoais e ficción mestúranse nestes relatos, nos que o autor aborda temas moi recorrentes na literatura: amor e desamor —especialmente centrado na etapa adolescente e primeira mocidade—, a morte, a soidade, o suicidio, as inxustizas sociais, a influencia do azar ou do destino na vida das persoas, o machismo, os malos tratos, a timidez, os complexos, a felicidade...

Tamén lles rende homenaxe a algúns autores que son referencia para Núñez: Ánxel Fole, Xosé Neira Vilas, Álvaro Cunqueiro... Por este motivo, na obra aparecen algunhas páxinas de realismo máxico, outras cunha clara influencia da literatura oral, do realismo sociolóxico ambientado no rural...

Trátase, segundo explica o propio Toño Núñez, dun libro moi heteroxéneo na temporalidade dos relatos, no oficio, na forma, na temática, na extensión... Aínda así, o autor confía en que, a pesar desa heteroxeneidade e desa inequívoca influencia dos seus mestres literarios, os lectores atopen nel algo que lles faga pensar que a literatura de Toño Núñez ten personalidade propia.