A oración rebuzno de Bergoglio

Adolfo de Abel Vilela LUGO

LUGO

Ramón Vilela González na súa estadía en Alcalá de Henares
Ramón Vilela González na súa estadía en Alcalá de Henares ARCHIVO ADOLFO DE ABEL VILELA

22 abr 2025 . Actualizado a las 20:11 h.

Quizais o titulo lle pode parecer a alguén irrespectuoso, e mais nestas circunstancias, pero como veremos non é unha ocorrencia miña, se non o sentido do humor que tiña Bergoglio.

Ramón Vilela González era tío de miña nai. Naceu en Cadoalla (Becerreá) en 1897 e morreu en 1989 no convento ou casa, como eles lle chaman, en Alcalá de Henares. Cando tiña 6 anos morreu seu pai, e como tiña catro irmás que había que sacar adiante, a necesidade fixo que aos 13 anos, sendo un neno, como moitos dos que hoxe proceden de África, emigrase a Bos Aires como fixeron milleiros de galegos, onde estivo de 1910 a 1918, tendo que regresar para facer o servizo militar no Corpo de Artillería, na categoría de cabo artificieiro, tomando parte na campaña de Marrocos.

En Arxentina naceu a súa gran afección á ópera, e máis aínda á zarzuela, gusto que lle acompañou toda a vida. Na última etapa, cando estaba retirado en Alcalá, non só lle permitían os superiores senón que o alentaban para que fóra a Madrid a ver algunha que outra representación no Teatro de la Zarzuela.

Ainda que morreu co segredo, contaba que o Señor lle concedera en Arxentina unha graza notable en orde á súa salvación, a cal lle servía para adquirir unha gran confianza na eficacia da oración, especialmente se ía encamiñada ao ben espiritual e eterno, máis que a alcanzar bens temporais do mundo. Como veremos mías abaixo, o mesmo pensaba Bergoglio.

Ramón Vilela González, na parroquia de la Ventilla en Madrid
Ramón Vilela González, na parroquia de la Ventilla en Madrid ARCHIVO ADOLFO DE ABEL VILELA

Despois de lincenciarse do Exército foi para Madrid servindo como mordomo dun importante matrimonio que non tiña fillos e que quería que permañecese con eles, pero nese momento foi cando decidíu consagrar a súa vida na Compañía de Xesús entrando como novicio en Aranxuez, pasando despois á Casa Profesa de Madrid, que ao ser queimada en 1931, pasou de novo ao Noviciado.

O decreto de expulsión da Compañía de Xesús, promulgado pola República o 23 de xaneiro de 1932, fai que o Noviciado teña que saír de España para establecerse en Chevetogne (Bélxica), e alí vai tamén. Incorporado á Compañía cos votos chamados do Bienio, o día de San Ignacio de 1934, pasa ao ano seguinte a Lles Avins (Bélxica), ata 1937 en que é destinado como sancristán a Toledo, cidade xa liberada, onde estivo vinte anos.

O cardeal Enrique Pla e Deniel, dixo del nunha ocasión ao superior da residencia de Toledo: «Tienen ustedes un sacristán muy solemne». Despois pasou á parroquia de la Ventilla en Madrid, onde estivo oito anos antes de ir para o Colegio de San Estanislao de Aranxuez. En 1968, xunto cun bo grupo desta comunidade, pasou a incrementar a de Alcalá, a onde eu o ía visitar e a xantar con el nun comedor privado, onde falecerá o 14 de febreiro de 1989.

Entre 1970 e 1971 o arxentino Jorge Mario Bergoglio fai ali a Terceira Probación, facendo amigos co noso tío, co que posteriormente mantén correspondencia. O 27 de xullo de 1982, con motivo dos 50 anos na Compañía que cumpría o día 30, Bergoglio escríbelle desde o Colegio Máximo de San José, Facultade de Filosofía e Teoloxía, anunciándolle que a misa dese día será por sus intenciones, y le aseguro que será con mucho fervor, porque no puedo quitarme el recuerdo de usted, con todo el bien que me hizo con su ejemplo en Alcalá.

E engadía: «Dios lo quiso llamar dándole una pasada por Argentina, mayor compromiso para con esta provincia. Ese día pídale al Señor por nosotros. Él no suele negar lo que se le pide con motivo de las bodas de oro».

Despois de agradecerlle o seu servizo á Compañía como simple hermano suyo, cóntalle que a 20 cuadras do Colegio Máximo está construíndo un santuario en honor de san Alonso Rodríguez, do que lle facilita as medidas, en agradecemento pola gran cantidade de vocacións de irmáns que quixo mandar á provincia, rogándolle que lle pedise ao santo que os asistise na empresa e que pedise por el á Virxe, san Xosé e a san Ignacio.

Na carta de felicitación do 19 de abril de 1984, ao cumplir 87 anos, dalle conta de que hai moitas vocacións e boas, que están rematando as obras do santuario dedicado a san Alonso, que na portería puxeran unha imaxe e adxúntalle unha estampa do santo coa xaculatoria que rezaba a xente de ali.

O 18 de abril de 1988, escribelle desde o Colegio del Salvador, tamén de Bos Aires, para felicitalo polos 91 anos, dalle conta de que hai 20 novicios, dos que 4 eran coadxutores, e que tamén estaban facendo a Terceira Probación 5 coadxutores que levaban dez anos de Compañía, qu eran os primeiros da nova época. Pídelle que se anime e que siga rezando por eles, e engade:

«Yo pediré especialmente por usted, aunque le soy franco que confío más en las oraciones que usted hace por mi que en las pobres que yo hago por usted. Pero confío en que Jesús también me escuchará un poquito … pues, como decía aquel misionero, si se dignó hablar por la lengua de un burro, cómo no lo hará por medio de un burro entero. Así que confío escuchará mi oración rebuzno».

Sendo xa Papa, o 7 de agosto de 2023, tivo un recordo para o noso tío Ramón Vilela, do que dixo: «Dios permitió que lo cruzara en mi juventud para que su ejemplo me ayude a intentar ser buen sacerdote y jesuíta».

Non hai dúbida de que no seu momento o Espíritu Santo elixiu ben.