Faia presentou disco en Lugo: «As mulleres sufrimos moitas violencias machistas ao longo das nosas vidas; a violencia obstétrica é unha delas»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Faia acaba de publicar novo disco, «Alvela»
Faia acaba de publicar novo disco, «Alvela» Sara Traba

O seu novo traballo, «Alvela», transita entre a experiencia da maternidade e a música tradicional galega. A artista, con raíces nas Nogais, tamén actuará esta semana con Fuxan os Ventos

04 jun 2025 . Actualizado a las 09:11 h.

A experiencia da maternidade e a música tradicional galega son os dous piares que sustentan Alvela, o novo disco da cantante, creadora e historiadora da arte Faia Díaz Novo (Compostela, 1988), e que acaba de presentar en Lugo. Na cidade tamén subirá ao escenario do Auditorio Fuxan os Ventos os días 5, 7 e 8, como unha das artistas convidadas nos concertos especiais que ofrecen esta semana Fuxan os Ventos.

Alvela é un disco complexo e sutil con dez temas que transitan pola experiencia da maternidade, desde a crueza, a rabia e o amor, pola memoria do corpo e as violencias que o atravesan, pero tamén pola forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer. Faia revisa arrolos, cantigas tradicionais e romances de distinta procedencia: algúns parten da memoria familiar e outros de arquivos sonoros: Dorothé Schubarth, Antón Santamarina, Alan Lomax, o arquivo familiar de Doncos e Quinzán (Taboada), o repertorio de Erminda Miramontes... O disco está producido por Hevi e conta coas colaboracións de Bleuenn Le Friec, Antía Ameixeiras, Antía Muíño, De Vacas ou Suelen Estar Quartet. O concepto visual foi elaborado xunto con Melania Freire e as acuarelas e as animacións que acompañan as cancións foron obra da artista plástica Blanca Gracia. A poeta Antía Otero acompañou na conceptualización xeral e no seguimento do proceso do disco.

—Como nace «Alvela»?

— É un proceso de varios anos despois do primeiro disco, Ao Cabo Leirín, do 2018. Trátase da revisión dunha serie de cantigas que seleccionei e observei desde a experiencia coa maternidade, e máis concretamente, co parto. As mulleres sufrimos moitas violencias machistas ao longo das nosas vidas, a violencia obstétrica é unha delas, á que se lle comeza aínda agora a poñer nome. Xera feridas moi profundas, moita dor. No disco doulle voz ao enfado, á rabia, como unha forma de coidado e de denuncia feminista. A expresión artística é un lugar desde o que reflexionar, posicionarse e xerar discurso crítico, ou así a sinto eu.

—Por que ese nome?

— Polo romance de Dona Alvela, o tema central do disco. Parte dunha peza do romanceiro tradicional que foi recollido en Quinzán, Taboada. A peza está acompañada polo violín de Antía Ameixeiras. Curiosamente, este mesmo romance fora adaptado por Fuxan os Ventos, co nome de Malveliña.

—Cal é a importancia dos arrolos na música?

—Os arrolos foron considerados como un xénero menor e non se investigaron moito. A min parecíame importante poñelos en valor e destacar as melodías melancólicas que nos levan a un lugar bastante duro e íntimo.

—Eran os arrolos o momento onde as mulleres se podían expresar con máis liberdade?

—Pode ser que nese espazo previo ao sono dos nenos, as mulleres se puideran permitir cantar o que lles apetecera, sería interesante investigar que pasa nese escenario, porque non está suficientemente estudado. É interesante pensar que os arrolos foron, dalgún xeito, as únicas pezas que tradicionalmente as mulleres podían cantar en «soidade». Isto probablemente lles permitía expresarse desde outra liberdade, incorporar na letra e na melodía todo aquilo que doutro xeito non se podía cantar: falar do seu anoxo, da súa carga, da súa culpa, do seu cansazo, da súa frustración e ata da súa felicidade.

—Que peculiaridades teñen os arrolos galegos?

—Non difiren moito dos do resto da Península, e máis concretamente, da parte norte, compartindo mesmo letras e melodías. O tratamento dos arrolos no disco está moi influenciado pola conferencia de Lorca sobre as nanas ibéricas, na que reflexiona sobre o carácter melancólico destas melodías antigas e sobre a crueza das súas letras; por exemplo, coa figura do cocón. Ese é un fío do que tirei. No resto de Europa, os arrolos son máis alegres e non son tan escuros nin teñen letras tan duras.

—Que peso ten a provincia de Lugo no novo disco?

—Pois moito, porque eu son de Lugo, teño as raíces na montaña luguesa, aínda que levo anos en Compostela. Este disco ten moito de historia familiar, e aí todo me leva a Doncos, ás Nogais, á montaña, onde está a miña infancia. Ademais, moitas das cantigas están sacadas de arquivos de Doncos ou de Quinzán.

—Esta semana compartirá escenario con Fuxan os Ventos. Como serán estes concertos?

—Fuxan os Ventos quixo compartir palco con parte da súa familia e aí entramos Manu (de De Ninghures) e eu, que somos fillos dalgúns dos compoñentes. Hai, por tanto, un vínculo moi directo, ao que se suma esa querenza pola música tradicional que nos transmitiron. Van ser uns concertos moi especiais, e é unha honra facelo na cidade de Lugo e no auditorio que leva o seu nome. Para min é un orgullo que o auditorio se chame Fuxan os Ventos, e sentir ese cariño da xente cara ao grupo ponme moi contenta.