Como se despiden dos defuntos en Meira?

Laura López LUGO / LA VOZ

MEIRA

A mostra quedará de xeito permanente na igrexa
A mostra quedará de xeito permanente na igrexa M DE LA T

A exposición «Os adeuses eternos. Palabra e memoria» mostra unha selección de epitafios dos cemiterios locais, nos que abunda o uso do galego. As fotografías das mensaxes, cheas de sentimento, pódense ver na igrexa de Santa María

02 ago 2023 . Actualizado a las 12:59 h.

As palabras que se escollen para despedirse dun ser querido que faleceu teñen o poder de permanecer, de facerse eternas. Porén, a delicadeza do momento e o feito de que moitas funerarias dispoñan de modelos xa feitos en castelán fai que moitos opten por colocar nas lápidas palabras nesa lingua. A meirega María García Jartín expono así: «Se na vida falamos galego (...) por que non na morte? (...) Por iso, cando lles tivemos que deixar partir, fixemos tamén a despedida en galego». Ela é bisneta de Amalia Casanova, cuxa necrolóxica publicada en galego, hai trinta anos, marcou un antes e un despois no municipio. Sobre todos os que escolleron o galego como lingua para dar o último adeus versa a exposición Os adeuses eternos. Palabra e memoria, que se inaugurou hai uns días na igrexa de Santa María de Meira, onde quedará de xeito permanente. A mostra está composta por 21 fotografías e composicións procedentes do cemiterio parroquial de San Roque e do cemiterio municipal da Salgueira.

Acto de inauguración da exposición
Acto de inauguración da exposición M DE LA T

A exposición inspírase no Modelo Burela: «A idea xurdiu polo profesor Bernardo Penabade, que fixo unha exposición de epitafios en Lourenzá, e chamoume a atención, así que me puxen a estudar os catro cemiterios que temos no Concello de Meira e vin que dous deles teñen unha elevada concentración de epitafios en galego», explica Yoani Jartín, técnico de Turismo de Meira. Ela ocupouse do traballo de localización dos epitafios, da realización das fotografías e, xunto co sacerdote, Miguel Asorey, da montaxe da exposición. «Con esta mostra queremos render homenaxe a quen, nun momento delicado, escolleu o galego para os epitafios, pero tamén reivindicar ese uso do galego, porque son palabras eternas, que quedan para a posteridade, e deberiamos recordar igual que falamos», apunta.

«Quererte foi moi fácil e olvidarte será imposible», di o epitafio dedicado a Merche, que morreu no 2022
«Quererte foi moi fácil e olvidarte será imposible», di o epitafio dedicado a Merche, que morreu no 2022 M DE LA T

Por que elixen o galego

Pero, por que é maior a presenza do galego nos epitafios de Meira? «O anterior cura, don José, celebraba as misas en galego, o cal era bastante revolucionario daquela, e o actual sacerdote tamén o fai. Ademais, as funerarias da zona facilitan ese traballo porque contan con modelos en galego», continúa Jartín.

Entre as mensaxes expostas, hainas curtas e sinxelas e outras con textos máis elaborados. A máis antiga é a que está inscrita no sartego de Dona María de Bolaño, na mesma igrexa, no lateral norte, a carón da Porta dos Mortos. Mandouno facer a nobre para acoller os restos do seu pai, Pedro de Miranda ou Bolaño e a súa muller Inés. Data de 1518 e reza: «Ano de mil quinientos XVIII (1518) se acabo a deus gracias. Fizolo a senora dona Maria de Bolano. Aqy iaci senor Pedro de Myranda e sua muller dona Yns».

Epitafio que pode verse na exposición
Epitafio que pode verse na exposición M DE LA T

Visitas guiadas

Por outra banda, a área de Turismo do Concello de Meira realizou esta semana unha visita ao cemiterio parroquial da localidade, coa colaboración do profesor Bernardo Penabade. A actividade, incluída dentro do ciclo de visitas guiadas, buscaba unha posta en común das historias que se agochan detrás de cada epitafio, e servir tamén coma homenaxe aos veciños falecidos. «Houbo moita xente que xa nos preguntou se imos organizar máis visitas deste tipo porque están interesados en asistir, así que non descartamos repetir», sinala Yoani Jartín.

Á marxe diso, con motivo do vixésimo aniversario da Oficina de Turismo de Meira, ademais das visitas guiadas que se organizan a diario, pola mañá e pola tarde, ao mosteiro, tamén se leva a cabo unha visita guiada especial os martes pola tarde.