O artista de Sarria Abraham Cupeiro grava coa Filharmonía de Galicia material didáctico para os institutos

Laura López LUGO / LA VOZ

SARRIA

Abraham Cupeiro, coa Real Filharmónica de Galicia
Abraham Cupeiro, coa Real Filharmónica de Galicia XAIME CORTIZO

O multiinstrumentista propón unha viaxe sonora por cinco continentes para pór en valor a diversidade cultural a través da música

12 mar 2021 . Actualizado a las 11:24 h.

O mulitiinstrumentista de Sarria Abraham Cupeiro gravou coa Real Filharmonía de Galicia material didáctico para os centros de secundaria e bacharelato de Galicia. O artista sarrián propón unha viaxe sonora por cinco continentes para pór en valor a diversidade cultural a través da música. A iniciativa forma parte do proxecto da Filharmonía de ofrecer recursos didácticos aos centros de ensino para achegar a orquestra e a música clásica aos máis novos. O primeiro espectáculo dispoñible é precisamente «Pangea», gravado con Cupeiro, e que inclúe o vídeo e unha guía didáctica.

A Real Filharmonía de Galicia tivera que suspender os dous espectáculos didácticos previstos para esta temporada debido á situación sanitaria. Co fin de dispoñer deste material didáctico para os centros educativos, a orquestra gravou en xaneiro o espectáculo «Pangea: a paisaxe sonora do noso planeta» co multiinstrumentista Abraham Cupeiro, baixo a batuta do mestre Rafael Agulló e en colaboración con diversos músicos. Fará o mesmo con «O grande Beethoven» en abril, xunto ao Serviço Educativo da Casa da Música de Porto, para conmemorar o 250 aniversario do xenial compositor. A partir destas gravacións estanse a crear unha serie de recursos que se van poñer a disposición dos centros educativos de secundaria e bacharelato de toda Galicia.

Os recursos didácticos desenvoltos con Abraham Cupeiro arredor do seu espectáculo «Pangea» xa están accesibles para a comunidade educativa. Trátase dunha viaxe sonora que percorre os cinco continentes e que descobre a extraordinaria diversidade cultural a través da música. O multiinstrumentista sarrián introducirá aos rapaces na máxica sonoridade de diferentes instrumentos de vento como o hulusi, propio das minorías étnicas de China; o kuisi ou «gaita colombiana», de orixe indíxena; o duduk, cuxas raíces se remontan aos tempos do rei armenio Tigran o Grande (95-55 a. de C.); o shofar, do que se ten constancia desde hai uns 3.000 anos; a corna, un instrumento que na segunda metade do século XX xa estaba extinguido; ou o kárnix, unha trompeta celta da Idade de Ferro, entre outros. Abraham Cupeiro recupera estes e outros instrumentos perdidos no tempo e emprégaos para crear novas sonoridades e imbricalos en músicas alleas a eles. Ofrece así, xunto á Real Filharmonía de Galicia, un marabilloso mundo de novos sons.