Chega a Sarria o «Circo de Pinocho»: «Somos o único circo de carpa da historia que naceu en Galicia e que se fai en galego»
SARRIA

Xandre Vázquez, produtor de Educateatro Producións, presenta o novo espectáculo familiar que estará na vila entre o venres e o domingo
05 mar 2025 . Actualizado a las 11:52 h.Educateatro Producións chega esta fin de semana a Sarria co Circo de Pinocho, o seu novo espectáculo en carpa, para todos os públicos, que estará instalado na rúa Castelao, fronte ao pavillón. Trátase dunha montaxe que combina o teatro musical cunha escolma dos números máis tradicionais do circo, empregando como fío condutor a Pinocho, un dos personaxes máis coñecidos da literatura universal. E todo iso, en galego.
Durante as dúas horas de función, cun descanso incluído, o público acompañará ao protagonista, Pinocho, a cumprir o seu soño de montar un circo. Para iso, Gepetto construirá aos bonecos que, coa maxia da Fada Mimadriña, se volverán de carne e óso para ofrecer números de corda frouxa, malabares, suspensión capilar, acrobacias, trapecio... aderezadas por unha banda sonora orixinal composta por vinte cancións. Co que non contaba ninguén é que ese feitizo fará que Pinocho se transforme de novo nun boneco de madeira.
As funcións terán lugar este venres ás 18.30 horas, o sábado ás 17.00 e o domingo ás 12.00 e as 17.00 horas. As entradas pódense adquirir por 15 euros para a grada e palcos laterais e por 20 para o palco central. O día da estrea, as localidades terán un desconto de 5 euros, e para o resto de funcións poderanse ter 2 euros de rebaixa en cada entrada presentando os descontos que se repartiron pola vila. As entradas están á venda en entradas.ataquilla.com, en circodepinocho.gal e na billeteira física do hall do circo desde unha hora antes de cada función.
Este é o proxecto de maior envergadura de Educateatro Producións. O espectáculo realízase nunha carpa de circo con calefacción e aforo para 450 persoas, con butacas individuais. Ademais, o ambigú conta con servizo de cafetería, photcall e instalacións adaptadas para cadeiras de rodas. Xandre Vázquez, produtor de Educateatro Producións, explica todos os detalles desta montaxe.
—Como xurdiu a idea de crear este espectáculo?
—Pois a verdade é que o soño da miña vida sempre foi montar un circo. E cando empezamos a encargarnos da dirección do Circo Tamberlick recuperei esa idea. A nosa montaxe ten capacidade para 450 persoas, polo que se pode mover por cidades, pero tamén por vilas máis pequenas, que era o noso obxectivo. Contamos con oito artistas en pista, ademais dos técnicos, persoal de sala... que chegan ata quince persoas.
—E todo en galego, verdade?
—Si, somos o único circo de carpa da historia que naceu en Galicia e que se fai en galego. Pero tamén temos unha versión en castelán para comezar unha xira por fóra de Galicia a vindeira tempada. Pero, en Galicia, sempre actuamos en galego. Levamos once anos facendo teatro infantil, familiar e en galego e temos tres musicais infantís en galego: Os tres porquiños, Carapuchiña Vermella e O mundo máxico de Pinocho.
—O espectáculo segue o formato de circo tradicional?
—O espectáculo conta a segunda parte da historia que todos coñecemos de Pinocho. Unha vez que é un neno, ten outro soño: montar un circo. Pero o conxuro fai que Pinocho se converta outra vez nun boneco de madeira. E aí empeza outra aventura. Está estruturado en formato de circo, pero cunha dramaturxia e números xustificados e integrados dentro da trama. Hai malabares, cancións de composición propia e orixinal, teatro musical... En canto aos animais, non os hai nin salvaxes nin domésticos, só humanos. Contamos coas nosas mascotas, pero non participan no espectáculo.
—A xente segue interesándose polo circo hoxe en día?
—A xente ten ganas de ver cousas diferentes, e este é un espectáculo novidoso. Está tendo moi boa acollida. Despois de pasar por Sarria, iremos ata Monforte, onde estaremos do 14 ao 16 de marzo.