A (contra)política cultural

OPINIÓN

OSCAR CELA

30 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Vai para dez anos (xaneiro de 2010), o daquela conselleiro de Cultura, Roberto Varela, anunciaba un concurso de ideas para o estabelecemento do Museo da Romanización no que fora cuartel de San Fernando, en Lugo. La Voz de Galicia informou amplamente do proxecto que proviña do goberno bipartito e que o do PP de entón continuou. Anunciábanse 400.000 euros no orzamento da Xunta para tal cometido, con data de inicio da reforma en 2011 e investimento de 10 millóns de euros. O Museo Galaico-Romano de Lugo sería un «fito cultural», segundo proclamaba no Parlamento o entón director xeral. O edificio, Ben de Interese Cultural, é propiedade do Concello de Lugo, a institución que custodia, tantos anos despois, máis de quince mil pezas arqueolóxicas -en instalacións diversas- que agardan a cobrar a vida que merecen: a súa musealización, posibilidade de contemplación, explicación da historia da Gallaecia, que ten na máis antiga cidade da Galiza a sede do Conventus Lucensis.

 

 

Dez anos e miles e miles de euros despois, o actual titular da Consellería de Cultura, en data que non coincide coa dos Inocentes, adianta a súa proposta: instalar un parador de turismo no citado ex-cuartel, previa cesión ao organismo do Estado responsábel destes estabelecementos hoteleiros. Adolfo de Abel Vilela, Felipe Arias, Lugo Patrimonio, o Clube Cultural Valle-Inclán, colectivos varios de toda a cidade e, naturalmente, o propio Concello, levantan a súa voz contra semellante ocorrencia. Realmente, o despropósito acada proporcións inauditas. O antigo cuartel atópase a poucos metros da Muralla, Patrimonio da Humanidade desde o ano 2000, e en pleno centro da cidade, próximo ao Museo Provincial e a outros centros de catalogación e interpretación da historia da Galiza.

A Lei do Patrimonio Cultural estabelece obrigas claras para os poderes públicos na debida protección do mesmo, protección que debe ser integral no caso dun espazo BIC, como o que nos ocupa.

Lonxe de ser un tema de exclusivo interese local, é o exemplo elocuente dunha pseudopolítica cultural que se distingue pola negación da historia do país; entreguismo ao Estado; desprezo para con institucións rexidas por partidos diferentes do que goberna (?) a Xunta; irresponsabilidade manifesta no control do diñeiro público. Consellaría de Cultura ou xestoría de destrucións varias? Que modelo se pretende imitar? O de Braga, Alcalá, Tarragona, Mérida... ou o de Las Vegas?