Sri Lanka: o «eco-tsunami» perfecto

Gaspar Méndez ECONOMISTA. PROFESOR DE XEOGRAFÍA E HISTORIA NO IES LUCUS AUGUSTI DE LUGO

OPINIÓN

CHAMILA KARUNARATHNE | EFE

14 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A historia recente de Sri Lanka, a antiga Ceilán, non está exenta de calamidades. As presencias árabe e portuguesa deixaron exiguas minorías que manteñen esporádicos enfrontamentos coa maioría cingalesa, de relixión budista. Ao norte e nordés da illa viven os tamiles eelam, de relixión hinduísta.

Sería esta última minoría maioritaria a que protagonizaría un longo conflito armado, de vinte e seis anos de duración, co Estado cingalés, que só rematou, no 2009, coa derrota militar, en medio dun baño de sangue, dos Tigres de liberación do Eelam Tamil.

Tamén haberían de sufrir o tsunami de 2004, que deixou as costas devastadas e milleiros de mortos e desaparecidos. Pero un dos cataclismos máis importantes da súa historia como país está a suceder nestes momentos, e non foi provocado polas forzas da natureza, senón polas conviccións dos seus dirixentes políticos. Foron as ideas dos membros do movemento Viyathmaya, que se definen a si mesmos como «tecnócratas con principios espirituais», as que provocaron o actual estado de catástrofe alimentaria.

Sri Lanka vén sendo gobernada, dende o 2005, pola familia Rajapaksa, que se consolidou no poder por mor da súa vitoria sobre os Tigres Tamiles. Mahinda Rajapaksa foi presidente entre 2005 e 2015, e seu irmán, Gotabaya, foi elixido presidente, por ampla maioría, en 2019, pasando Mahinda a ser o primeiro ministro.

Con el entraron, como ministros, varios membros de Viyathmaya, e no seu programa electoral levaban, como proposta estrela, a transición a unha agricultura ecolóxica nun período de dez anos, o que implicaba prohibir os fertilizantes sintéticos e substituílos por orgánicos.

Ambicioso programa para un país no que a cuarta parte da poboación vive da agricultura e no que o té representa o 10 % das exportacións. A crise do covid afectou de cheo a o outro sector estratéxico da a illa, o turismo, o que veu a agravar o dobre déficit crónico que vén padecendo o país: fiscal e comercial.

Nestas condicións, en maio do 2021, o Goberno decidiu matar dous paxaros dun tiro, prohibindo a importación e uso de fertilizantes sintéticos. Dado que os fertilizantes, tradicionalmente, estaban fortemente subvencionados polo Estado, así aforraban as subvencións e atallaban o déficit comercial. Esta medida supoñía adiantar a transición a unha agricultura ecolóxica dez anos sobre o inicialmente previsto.

Os resultados foron catastróficos: a produción de arroz caeu máis dun 40 %, e a de té ata un 20 %. A medida foi levantada en novembro dese mesmo ano, pero o mal xa estaba feito. Sri Lanka viuse abocada a importar enormes cantidades de alimentos, co que empeorou o, xa avultado, déficit comercial. O país quedou sen reservas de divisas e, por vez primeira, suspendeu pagos en abril deste ano. A inflación desbocouse ata o 33,8 %, e o malestar social traduciuse en violencia.

A través das redes sociais puidemos ver ás turbas tirando a un lago o coche dun político, e soubemos da dimisión do primeiro ministro o 9 de maio. Entre o 9 e o 11 deste mes foron asaltadas e incendiadas 38 residencias de políticos, entre elas a de Mahinda Rajapaksa, quen tivo que ser evacuado en helicóptero, xunto coa súa familia.

O caos é total, a pesar dos esforzos do novo Goberno de Ranil Wickremesinghe por reconducir a situación. O 28 de maio reabriu, despois de dous meses pechada por falta de petróleo, a única refinería da illa.

Sen petróleo e sen visos de solución, o derradeiro episodio da crise foi o recente asalto polas masas do palacio presidencial e da sede do Executivo, coa fuxida do presidente. Postos a tirar de refraneiro poderíamos dicir que o Goberno «puxo o carro antes que os bois», algo moi similar ao que estamos a facer nós cando dinamitamos unhas centrais térmicas que, tal e como se están poñendo as cousas, e segundo declaran os políticos de Bruxelas, é posible que volvamos  necesitar. Queimar as naves pode resultar mesmo poético, pero quen as manda queimar non sempre pensa nos demais.

Como tuiteaba o líder da oposición, Sajith Premadasa: «Este é o custo real do desastre económico. Xunto con todos os demais dereitos básicos, algúns poden perder incluso o seu dereito á dignidade».