Veciños de Córgomo engalanan o pobo para recibir as visitas polo Día das Letras Galegas

VILAMARTÍN DE VALDEORRAS

Na aldea de Florencio Delgado Gurriarán, en Vilamartín de Valdeorras, teñen todo decorado e preparado cara o martes
12 may 2022 . Actualizado a las 18:33 h.Fai meses que Valdeorras comezou a encher a súa programación con actividades que homenaxean, recordan e afondan na vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán. Música, exposicións, teatro e presentacións literarias son algunhas das opcións que máis se repiten para festexar ao autor valdeorrés, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. De forma especial estanno a celebrar en Córgomo, a súa aldea natal, en Vilamartín de Valdeorras. Un pequeno pobo do interior de Ourense, que ronda os douscentos habitantes. Entre eles están xurdindo iniciativas para engalanar a vila e preparala para recibir as visitas que agardan cheguen xa durante toda esta fin de semana con motivo do festivo do martes.

Unha das máis vistosas é a da Asociación de Mulleres Rurais de Córgomo. Levan dende febreiro creando as pezas que xa decoran o pobo. Trátase de botellas de viño recicladas, nas que pintaron con cores diferentes palabras que teñen relación con Delgado Gurriarán. «Pareceunos que era unha boa idea xa que Florencio ten moitos poemas dedicados ao viño e á vendima. Escribimos nelas títulos dos seus poemas, pseudónimos que utilizou... todo moi representativo», afirma Soledad Figueroa, presidenta da asociación. Botellas prateadas, amarelas, vermellas... formando palabras coma bebedeira, casoiro ou Nadel lucen en distintos puntos da vila valdeorresa. «Queremos que a memoria deste poeta tan noso perdure no tempo e nos represente, así que a decoración vai quedar posta», explica.
Todos os veciños están participando na decoración de Córgomo. Algúns doando o material, outros pintando e dándolle forma, outros colocando... «Hai moitísima unión e moitísima ilusión», admite Soledad. Tamén están montando unha exposición cos carteis das Xornadas de Teatro Florencio Delgado Gurriarán de fai vinte anos, cando comezaron a reclamar un Día das Letras para o autor.
«Florenciada»
Ademais o Concello de Vilamartín de Valdeorras, coa axuda dos veciños da comunidade de montes de Córgomo, están organizando unha alborada especial que percorra a aldea para o xantar do Día das Letras Galegas. Chámase florenciada. Despois do acto oficial e sobre as dúas do mediodía arrincará unha especie de roteiro polo pobo natal de Delgado Gurriarán. O goberno municipal colocará en distintos puntos unhas mesas con comida e bebida para que os visitantes se divirtan. Tamén haberá charangas e moita música en directo. «Queremos revivir o espíritu que se vivía en Córgomo cada vez que Florencio viña de América, cando se xuntaba cos seus veciños para cantar, recitar e degustar o viño dese ano», explica Enrique Álvarez, alcalde de Vilamartín.