A Deputación oferta 2.957 prazas para familias en balnearios, talasos, spas ou hoteis

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

SANXENXO

Deputacion

Cada beneficiario só terá que abonar 30,80 euros; 15,40 euros no caso de menores de 12 anos

13 nov 2024 . Actualizado a las 12:14 h.

Co trasfondo da taberna do Gran Talaso Hotel Sanxenxo, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou a posta en marcha dunha «ferramenta novidosa e pioneira» para mellorar a calidade de vida da veciñanza e dinamizar a actividade turística en tempada baixa. Deste xeito, investiranse 180.000 euros en Lecer en Familia para financiar estancias de unidades familiares en balnearios, talasos, spas ou hoteis da provincia.

Dende a Deputación destacaron que é «un novo impulso do goberno provincial ao benestar e ao turismo» que se desenvolverá en doce establecementos de sete concellos, entre eles o propio Gran Talaso Hotel Sanxenxo. «Falamos dunha iniciativa que busca apoiar ás familias con menores poñendo á súa disposición unha fin de semana de relax e aos establecementos hoteleiros da provincia», destacou Luis López, quen estivo acompañado polos deputados Sandra Bastos e Marcos Guisasola, así como polo alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e o director deste hotel, Óscar Fontán.

Deputacion

Lecer en Familia porá a disposición dos pontevedreses un total de 2.957 prazas, das que o organismo provincial financia 60 euros do custo, polo que cada beneficiario só terá que abonar 30,80 euros. Ademais, contémplanse tres excepcións. Por unha banda, os menores de 12 anos pagarán só 15,40 euros, mentres que para os menores de dous anos será gratuíto. Do mesmo xeito, resérvanse 50 prazas en réxime especial para aquelas persoas que reciban a axuda do Risga ou o Ingreso Mínimo Vital , que tamén serán gratuítos.

E, en canto aos requisitos, para ser beneficiario destas axudas é necesario formar parte dunha unidade familiar con menores a cargo e que teñan a residencia fixada na provincia de Pontevedra. 

Así, os interesados poderán facer as súas reservas nalgún dos doce establecementos adheridos ao programa, que pertencen aos concellos de Sanxenxo, Pontevedra, Vigo, Vilagarcía, Lalín, Baiona e Moaña, a través da sede electrónica da Deputación a partir do 8 de novembro, cando está previsto que se publiquen as bases do programa no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra. De igual modo, no caso de que a demanda supere á oferta, a concesión de prazas realizarase por sorteo.

Deputacion

«Estar hoxe neste Concello de Sanxenxo, a capital do turismo nas Rías Baixas, neste Gran Talaso Hotel, que tantas experiencias 100 % Rías Baixas ofrece a hóspedes de todo o mundo, para presentar un programa para mellorar a saúde e a calidade de vida da veciñanza e dinamizar a actividade económica e o turismo en tempada baixa confirma que vivimos nunha provincia extraordinaria», engadiu o presidente da Deputación.