A popular «tiktoker» en galego que axuda a dinamizar un centro cultural de Santiago e ensina a como triunfar con vídeos nas redes: «Hai un erro que nunca se debe cometer»

Olalla Sánchez Pintos
Olalla Sánchez SANTIAGO

VIVIR SANTIAGO

Prado Rúa, que suma case 50.000 seguidores nas redes, estuda Pedagoxía en Compostela e as prácticas do grao fainas no Centro Cultural do Ensanche, que dinamiza con distintos obradoiros, como un de edición de vídeo para Instagram ou Tiktok

22 feb 2025 . Actualizado a las 09:56 h.

Será o vindeiro luns pola tarde cando a popular creadora de contido María Rúa, coñecida nas redes como Prado Rúa, impartirá no Centro Cultural do Ensanche de Santiago, cidade onde reside e estuda Pedagoxía, un obradoiro de edición de vídeo coa aplicación do móbil Capcut. «Esta é unha ferramenta que, desde hai anos, está moi en auxe, con moitas posibilidades, e hoxe en día, saber editar vídeo para as redes é unha habilidade que cada vez se reclama en máis contextos profesionais», explica a ourensá, de 24 anos, aclarando que na actualidade ela compaxina os seus estudos na USC coa súa intensa actividade nas redes, como Instagram ou TikTok, ás que se adica profesionalmente, tamén promovendo e cubrindo obradoiros para este centro do Ensanche compostelán.

View this post on Instagram

A post shared by Centro sociocultural do Ensanche (@cscdoensanche)

 

«O pasado curso, en terceiro de Pedagoxía, tiven que elixir unha institución onde facer as prácticas do grao e decanteime por ese centro cultural. Tras facer unha análise da súa vinculación co barrio e da xente que acude ao mesmo —maiormente, familias e xente xubilada—, no actual curso, en cuarto, tiven que desenvolver nel varias actividades, nun intento tamén de fomentar que máis grupos de idade, como os universitarios, sexan partícipes do mesmo. Os mozos demandan espazos de ocio accesibles, e preto de onde viven. Comprobámolo nos obradoiros que xa organizamos no centro, como un que convidaba a facer pulseiras e a que os máis novos se coñecesen, e que tivo gran acollida... Este próximo obradoiro de Capcut tamén levantou expectación, aínda que nese caso, non só entre os de menor idade...», sinala.

«A anteriores obradoiros que impartín sobre isto en sitios de Santiago, como na Escola Unitaria ou no Centro de Almáciga, acudiu moita xente de entre 40 e 60 anos que quere saber como usar esa ferramenta. Esta semana, estando no Centro do Ensanche, vimos que chegaban para anotarse ao curso do luns unha muller con dúas mozas. Nun primeiro momento podíase pensar que eran as rapazas as que se ían apuntar ao curso, pero en realidade era a nai», explica sorrindo María Rúa, sen negar o plus que supón que ela, coa súa ampla experiencia no ámbito de creación de vídeos, sendo mesmo recoñecida recentemente nos galardóns Youtubeiras+ na categoría de Premio á Creación de Contidos, sexa quen o imparta.

María Prado, co galardón dos Premios Youtubeiras+
María Prado, co galardón dos Premios Youtubeiras+

¿E cales son as claves para unha boa edición de vídeos para Instagram e Tiktok? «Eu nese obradoiro do Ensanche, que conta con non moitas prazas para que os asistentes poidan recibir maior atención, explico tanto as posibilidades que ten Capcut en canto a efectos de son, recortar imaxes ou de animacións, como a gran utilidade que supón esa ferramenta, moi intuitiva, para diferentes sectores. Cada vez máis, serve para facer recursos educativos», reafirma.

«Aos asistentes sempre lles incido na importancia de que nos vídeos que vaian publicar nas redes se saiba e se entenda nos primeiros segundos de que van a tratar. É necesario captar o interese dos usuarios que o ven», subliña sen titubeos. «Tamén é básico crear unha narrativa interesante, atraente, que envolva ao relato; que estea traballada… Outro truco é o de non excederse na duración do vídeo», engade, tendo presente o que considera como o maior fallo. «Hai un erro que nunca se debe cometer, que é o de comezar o vídeo de forma moi aburrida, ou con saúdos clásicos, como ''Bos días'' ou ''Como estades?’' Agora mesmo os vídeos para ambas redes teñen a súa propia linguaxe, de hábitos de consumo actuais», explica a popular creadora de contido, que suma case 50.000 seguidores entre os seus perfís de Instagram e Tiktok, redes ás que deu o salto trala pandemia.

 Foi a partir dese 2020 cando María Rúa se fixo rapidamente un nome entre os mozos, tamén da emigración, achegándolles de forma atractiva e sen complexos vídeos sobre os costumes, tradicións ou nomes propios da cultura galega, así como encadeando gravacións sobre a importancia da lingua. «Algo fermoso que fixemos ultimamente no Centro do Ensanche é convidar a que a xente deixe escrita a súa canción favorita en galego para conformar o mural ''A Playlist do barrio''», remarca sen deixar nunca de dinamizalo.

«Nos meus perfís vou combinando vídeos para as distintas institucións, como o que fixen para a Asociación Galega de Ilustradores lembrando quen eran Xosé Vizoso, como moitos que fago pola miña conta. Unha das publicacións que en ambas redes tivo máis éxito nos últimos meses foi un vídeo do pasado verán sobre os apelidos galegos máis frecuentes en Arxentina… Viuse moito sobre todo alí. Moitos dos meus seguidores, supoño que fillos de galegos, son de Buenos Aires», comenta con orgullo, tamén polo feito de potenciar o idioma galego.

«Algo fermoso que me pasou ultimamente en TikTok é que se me presentan un montón de vídeo en galego. Nos que che suxire a propia rede na categoría “Para ti”, presentoume dez seguidos eran na nosa lingua», acentúa.