Oliver Laxe trae a «rave» de «Sirat» á Praza da Quintana: «Seduciríame a película sen diálogo, únicamente con sons e música»

CARMEN NOVO SANTIAGO / LA VOZ

VIVIR SANTIAGO

Oliver Laxe e Kanding Ray, autor da banda sonora de «Sirât».
Oliver Laxe e Kanding Ray, autor da banda sonora de «Sirât». Tamara de la Fuente

Reinterpretará as imaxes da película xunto a Kangding Ray, responsable da banda sonora, e Adrián Canoura

04 jul 2025 . Actualizado a las 16:22 h.

Oliver Laxe pensa que Sirat funcionaría mellor sen as conversacións entre os personaxes que sen música. «Seduciríame a película sen diálogo, unicamente con sons», explica o director. O espectáculo gratuíto que presenta esta noite na Praza da Quintana de Santiago rema nesa dirección. Xunto ao músico francés Kangding Ray, responsable da banda sonora, fará que o filme sexa mudo. Reinterpretarán, coa axuda do cineasta Adrián Canoura, as imaxes e os ritmos que estruturan a cinta. Laxe descríbeo como unha maneira de alargar os límites entre cinema e música: «Non vexo diferencia entre o traballo que facemos con imaxe, sons e relato. As tres dimensión operan igual e, ás veces, hai relevos. Van xuntos, da man. A proposta estética é a mesma».

Conta que escribiu Sirat bailando e que o seu obxectivo era que o fixese tamén o espectador no cinema. «As imaxes fecundáronse con techno, con ambient, con trance e con outros estilos musicais. Nos guions, que son moi descritivos, sempre poño links ás miñas referencias musicais. Cando os les, escoitas música», explica Laxe. Mentres que en O que arde soaban cancións de Leonard Cohen, o texto de Sirat enchíano as de Kangding Ray. Había secuencias da película que tiñan xa a música do francés antes de que o cineasta contactase con el. 

«Facendo esta peli dinme de conta de que, dalgunha maneira, son músico. Gústame expresarme a ese nivel. Para a banda sonora quería un músico, non un compositor de música. Como un actor non profesional, digamos. A composición de cinema non é música. É algo que ornamenta, que subliña, que completa. Eu quería unha proposta musical que decide ser áinda máis radical», explica o cineasta, que describe o encontro con Letellier como algo «único».

Laxe viaxou a Berlín, onde escoitaron música e intercambiaron referentes, e Letellier estivo nos Ancares. Para conseguir o son traballaron nun estudo certificado pola tecnoloxía envolvente de Dolby Atmos: «Buscabamos un equilibro entre o nivel de percepcion co que vemos as pelis, pensando e tentando entendelas, e excitar outros nieis de percepcion, como a pel, ou corpo, ou estomago, as tripas ou e corazon. Sirat é unha película moi física».

O punto de partida xa é a música. Pona en valor na primeira escena, con esas torres de altofalantes retumbando no deserto. A partir de aí, camiña desde o melódico ata algo máis ambiental e etéreo. Na Quintana, con todo, teñen pensado facelo ao revés. A viaxe musical comezará polo final da película e, «para ter unha media hora un pouco máis movida», terminará coa festa. «Na Praza da Quintana imos pegar imaxes dunha maneira na que non cinema sería imposible: con fundidos, transparencias, realentizandas, e insistindo moi nelas. Imos facer algo que non ten nada de narrativo, se non que é moi febril e sinestesico», adianta Laxe, que asegura a presencia protagonista dos camións cos que os personaxes percorrían o deserto, unhas imaxes primordiais para el cando comezou coa película.

É a primeira vez que fan un espectáculo deste xeito, pero non será o único. Con isto, danlle un novo percorrido aos sons que deseñaron man a man. «Foron os momentos máis bonitos, cando compuxemos as secuencias xuntos. Hai unha parte que é capital, —continúa Laxe—, case a máis importante dá película. Chamámoslle catarse e é como unha sorte de cerimonia bailada ao final. Foi bonito compoñela os dous e David tivo a xenerosidade de acreditarme no tema». Conta, como curiosidade, que estiveron apunto de quedar cunha das versións que fixeran como referencia. Tamén que o tema final, o da marcha, tíñao o francés gardado no seu caixón desde tempo atrás. «Levaba moitos anos traballando nel e non atopaba localización, pero lle viña moi ben a escena. Fixemos unhas trinta ou corenta versións, pero lembro emocionarme e chorar ao escoitala».