Sés explica o seu «Ata nunca Compostela!!»: «Bromeaba porque cría que ía morrer sen tocar na Quintana»

VIVIR SANTIAGO

Unha publicación en redes da coñecida cantautora galega, tralo concerto do luns en Santiago, sorprende aos seguidores. «Non sei canta xente me escribiu preguntando se deixaba a música!», comparte asombrada
24 jul 2025 . Actualizado a las 14:04 h.Foi hai 20 horas cando a cantautora María Xosé Silvar, Sés, unha das voces máis representativas da música galega contemporánea, recolleu na súa conta de Instagram unha valoración sobre o concerto que deu este luns dentro das Festas do Apóstolo e co que encheu a praza da Quintana. Xunto a varias imaxes que recollían a emoción sentida no escenario, Sés quixo continuar coas bromas que fixo durante o evento e así publicou: «Foi un pracer tocar na Quintana por primeira e última vez. Agardo de todo corazón que o desfrutásedes. ATA NUNCA, COMPOSTELA!!». Unha frase, en maiúscula, que sorprendeu a moitos seguidores e que, admite, non todos entenderon, principalmente aqueles que non estiveron o luns na monumental praza compostelá.
«Eu durante toda a noite estiven facendo bromas. Eu son moi bromista… Bromeaba porque cría que ía morrer sen tocar na Quintana», comenta de novo con sarcasmo.
«O certo é que, aínda que dende o chiste e o humor, todo parte dun feito, de que ata o momento nunca deramos un concerto no marco dunha programación municipal en Compostela, un dato que, partindo da humildade, pode sorprender tanto por unha longa traxectoria como por encher anteriormente, en sitios pechados de Santiago, e sempre con entrada, desde que comecei a sacar discos. Ata este Apóstolo, e salvo dous temas que cantara hai moitísimos anos convidada por Lila Downs ou a excepción das veces que me subín ao escenario nalgunha manifestación, o certo que nunca antes dera un concerto nun espazo aberto en Compostela», recalca, non obviando as que entende como razóns deste esquecemento.
«Polo Concello pasaron partidos de distinta cor política… Hai unha frase en castelán que o pode resumir: ''Clavo que sobresale, pide martillo''…Falar, expresarse ou non ser compracente no escenario ás veces pasa factura e a xente debe tomar conciencia diso… Aínda así, repito, todo foi en ton de humor. De feito o luns dixen varias veces ‘'Como non vou volver tocar aquí…'' e a xente escarallábase de risa», refrenda.
«Este ''Ata nunca Compostela!!'', que de feito foi a frase coa que me despedín no concerto, antes de baixar a saudar, escribino pensando na xente que fora o luns á Quintana. Eu nas redes, que non emprego moito, son natural. Creo que estamos tan afeitos ao medo, e non ao humor e a naturalidade, que xa todo sorprende, e ninguén entende nada», reflexiona, admitindo que tralo comentario en Instagram non cesaron de chegarlle mensaxes.
«Non sei canta xente me escribiu preguntando se deixaba a música!», comparte con asombro.
Confirma, iso si, que a longa espera pagou a pena. «O concerto foi moi emotivo, e así nolo transmitiu tamén moita xente, e non só de Galicia. Houbo varios comentarios de turistas e xente de fóra que nos dicían que pasaban pola Quintana, e que, sen coñecernos antes, quedaron e lles encantou. É importante recalcar como a música galega enche prazas», subliña. «Ver a todos os nenos que había; ver a todo o mundo cantando en galego, nun momento no que a lingua esmorece, temas como Tempestades de sal, claro que emociona.. Claro que foi un pracer tocar en Compostela», recalca.