A firma de Cotío, tralo deseño do conxunto de Goretti Sanmartín para o Apóstolo: «Hai anos que defendo que o traxe galego ten vida máis alá do folclore»

Olalla Sánchez Pintos
Olalla Sánchez SANTIAGO

VIVIR SANTIAGO

XOAN A. SOLER

Rosa Segade, ao fronte da coñecida tenda compostelá, amósase feliz polo resultado do traxe confeccionado. Tamén comparte o seu asombro polo rebumbio que a aparición da alcaldesa de Santiago provocou nas redes sociais

09 ago 2025 . Actualizado a las 14:47 h.

A tenda compostelá de Cotío, con Rosa Segade ao fronte, está detrás de dous dos deseños que máis eco tiveron en Santiago durante o Apóstolo. Un deles foi o casco confeccionado con ferreñas de pandeireta que luciu Felisa Segade, a súa irmá e voz de Tres Pesos, a formación que cativou na Quintana durante a celebración do Trad Fest. «Ela déixame facer e eu fago», afirma sorrindo Rosa Segade, e admitindo que para o outro conxunto, o escollido para a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, para o Día de Galicia, e que tampouco pasou desapercibido, si tivo máis presión. «Para nós era importante, máis alá de pola importancia da xornada e polo feito de que a rexedora defendese coa súa escolla ao comercio de proximidade, porque tamén co conxunto elixido se expoñía de novo unha convicción coa que levamos anos comprometidos», reflexiona, aludindo a un debate que suma voces dentro do mundo do traxe tradicional.

«Este ano foi a primeira vez que de Cotío vestiu a alcaldesa para esa destacada xornada. Ela veu a tenda sobre finais do mes de maio para preguntar pola posibilidade de facerlle un traxe para ese día sen ter unha idea previa. Deixouse totalmente aconsellar. Pese a que non restaba moito tempo, fíxonos ilusión o encargo. Aínda así, tiven certas reservas ao adicarme eu dende sempre a facer traxes tradicionais, tanto para particulares como asociacións, e ao non saber como resultaría ao saírme un pouco do patrón establecido. Propuxémoslle catro opcións a medida e, entre elas, quedou coa que finalmente levou, composta, entre outras pezas, por un conxunto de pantalón e chaqueta», detalla Rosa Segade, quen, dende mediados dos anos 90 é a propietaria do comercio que conxuga na rúa Xelmírez, no corazón do casco histórico, moda, complementos, artesanía, decoración e produtos da cultura galega.

«Por comentarios que lin, puido transmitirse a sensación de que nós queriamos poñerlle pantalón ao traxe galego ou que queriamos reinterpretalo, pero esa non foi a nosa idea. Neste caso nós non pretendiamos que a alcaldesa fora vestida de forma tradicional —algo que ademais pode contar co hándicap das elevaduras temperaturas previstas para un 25 de xullo— aínda que si buscabamos, sobre todo tendo en conta que eu sempre me adiquei ao traxe tradicional, inspirarnos nel. E creo que iso se apreciou a simple vista... O pantalón, por exemplo, inspirouse, no tecido e nas cores, nas saias de pano do traxe tradicional con cintas de veludo», apunta. «A chaquetiña que levou, con bordado ao aire, xa era totalmente tradicional, aínda que ao vestila soa, sen camisa debaixo nin pano no corpo —como adoita poñerse no traxe tradicional—, adquiría neste caso tamén un carácter de prenda de vestir actual», realza.

«Eu levo anos defendendo que o traxe galego ten vida máis alá do folclore. Por que unha saia de raso fermosísima, das do traxe tradicional, ou un pano ou un xustillo, non se poden mesturar con prendas de diario e ir vestidos de forma marabillosa a calquera evento? Por que limitar a que esas pezas só se luzan en tres ou catro actos ou festas ao ano? Para nós é unha mágoa ter fermosuras como as dos nosos traxes tradicionais sen aproveitar todo o que se pode», reafirma. «Creo que coa aposta do traxe que fixemos para Goretti en certa forma fixemos visible tamén iso, aínda que haxa xente que poida pensar que se deturpa o traxe», analiza, incidindo nunha idea que sostén no tempo.

«Dentro dos actos polo Día do Traxe, na programación do Apóstolo, se organizaba o desfile da Feira de vestir de onte a hoxe, no que De Cotío sempre participaba con traxes que entendemos que amosaban que é posible traer o traxe ao presente, darlle unha vida paralela a certas pezas. Moitos venres, a mestra de baile tradicional e pandeireteira Montse Rivera, participa na sección Vai de Baile de Luar con conxuntos ou prendas tradicionais, tanto nosas como que ela ten, e que mestura con roupa de diario, e que para moitos inspiran… Ela amósaos nas redes sociais con hashtag #euvistotradi ou #sacaatuaroupatradiarua, que nós compartimos. De Cotío tamén vestiu, na última parte da súa traxectoria, á formación Leilía e sobre o escenario, en certa forma, tamén amosamos xa esa idea», repasa, volvendo ao traxe confeccionado para Goretti Sanmartín.

«Quedamos contentos porque vimos que a ela lle gustou e así nolo fixo saber tamén tralo 25 de xullo. Aínda que tampouco leo moitos comentarios nas redes sociais, e pese a que houbo a quen non lle gustou ou mesmo non dubidou en escribir mensaxes pexorativas persoais, algo que si rexeito, o feedback, por ampla maioría, foi moi moi positivo. O rebumbio entendo que en parte se debeu a actual politización de todo», defende.

XOAN A. SOLER

Xa sobre a peza para a cabeza que elaborou para Felisa Segade, e que a voz da formación Tres Pesos luciu na Quintana durante o Apóstolo, lembra que xa hai anos fixera pezas con ferreñas. «No caso de Tres Pesos, os seus tres integrantes sempre se caracterizan por ir coa cabeza tapada. Felisa un ano levou unha monteira, unha peza do traxe tradicional.Neste 2025, e nun cambio de vestiario por un novo álbum, pediume un novo deseño de gorro e eu non dubidei. Ela é voz e ferreñas; cubrinlle a cabeza con elas. Creo que é unha aposta coherente e de moita personalidade», prosigue. «Eu véxoa como unha guerreira. Quedei tamén moi satisfeita», resalta.