
Isa Fernández, leonesa afincada en Arzúa, recolleu o galardón
25 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) viviu onte unha das xornadas máis destacadas desta edición. O Premio Abrente de textos teatrais, que naceu no marco da mostra, cumpre vinte anos como apoio e fomento da creación galega. Serviu neste tempo de axuda a numerosos dramaturgos con diversa traxectoria e experiencia, dende valores emerxentes a figuras xa consolidadas. Este ano o galardón recaeu na leonesa, afincada en Arzúa, Isa Fernández, polo texto O Miradoiro. A peza presenta unha conversa íntima entre dúas persoas que reflexionan sobre a súa relación e os seus desencontros. Un diálogo que se expande cara a un espazo máis amplo e metafórico, como retrato dunha sociedade cada vez máis individualista. «O texto salta habilmente do persoal ao colectivo, nun cruce de xuízos críticos que aborda temas de actualidade dende o contraste de posicións, deixando entrever as dificultades de activar a empatía e recordando a importancia da escoita para a vida en comunidade», valorou o xurado, que estivo composto por Ana Romaní, Arantza Villar e Sara Rey. As tres destacaron a profundización dos personaxes e a intelixencia dos diálogos como espello das relacións humanas actuais.
A autora, que recolleu o premio nun acto na Igrexa da Madalena, define a súa traxectoria e a súa relación co teatro cun ton literario: «Son orixinaria dunha pequena aldea leonesa, desas que no verán se enchen de trigo seco e no inverno conxelan o alento. Medrei ao quente do braseiro, escoitando á miña avoa contar historias doutros tempos e xogando a contalas no grupo de teatro da escola rural. Para min, o teatro é encontro». Engadiu: «Escribo dende que teño memoria. Poesía, teatro, ensaio e, sobre todo, textos sen xénero. Un bo potaxe, que diría a miña avoa. Sempre buscando o xeito de diluír os límites, gústame tanto ler a Becket como bailar unha boa bachata na verbena. Por iso valoro tanto os proxectos culturais que conectan o teatro e as artes vivas coas vivencias da xente de a pé».
Instalada en Galicia desde hai oito anos, Isa González contou que chegou a un recuncho arzuán onde aprendeu o galego das veciñas e se reencontrou co teatro da man da Gentalha do Pichel e da Escola Espazo Aberto. Actualmente forma parte da compañía Alomais Teatro, creada este mesmo ano, que está a piques de estrear a súa primeira montaxe.
O Premio Abrente conta cunha dotación económica de 4.000 euros, o apoio na edición do texto gañador e a posibilidade do acompañamento do festival para a súa posta en escena.
A MIT prosegue e a xornada comeza cun obradoiro de clown impartido por Roi Borrallas. Ás 20.00 horas, Ítaca Teatro levará á Casa da Cultura Profetas, con texto de Ernesto Is, gañador precisamente dun Premio Abrente. Ás 21.30, a rúa da Alameda acollerá Hit (out), das italianas Parini Secondo, mentres que o peche da xornada será ás 23.00 horas no auditorio do castelo, onde a creadora Luz Arcas e a súa compañía La Phármaco presentarán a obra Tierras raras.