Patrocinado porPatrocinado por

Desmontando o mito de que os alimentos ecolóxicos son máis caros

La Voz LUGO

SOMOS AGRO

A agricultura ecolóxica ofrece alimentos de alta calidade e respecto polo seu entorno

15 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Á hora de facer a compra, debido ás diversas circunstancias persoais e/ou a distintos factores, como por exemplo o momento actual de inflación que estamos a vivir, vémonos na obriga de escoller os alimentos máis económicos, sen poder pensar noutros aspectos tamén importantes coma o sistema de produción, a súa proximidade, o respecto polo medio ambiente ou incluso a propia saúde das persoas. Con todo, imos reflexionar sobre o custo real dos produtos convencionais e a comparalo co dos alimentos ecolóxicos certificados.

O contexto

Aínda que cada vez somos máis as persoas conscientes de que os sistemas convencionais de produción de alimentos de maneira intensiva non son sustentables, segue sendo unha idea popular a que considera que, se un produto se vende por un prezo concreto no supermercado é porque é o xusto, entendendo que todos os elos da cadea de valor saen beneficiados, incluídos, como é lóxico, os propios consumidores. Porén, como veremos, a realidade indícanos que non sempre é así.

A grandes trazos, a agricultura convencional é un modelo de produción que busca a máxima rendibilidade tendo como base seis prácticas fundamentais: labranza intensiva, monocultivos, irrigación, aplicación de fertilizantes de orixe química, control químico de pragas e manipulación xenética dos cultivos. Estes procedementos conseguen aumentar de xeito abundante o volume de obtención de alimentos.

A agricultura tradicional xera un 60 % de perda de biodiversidade terrestre, un 33 % de solos degradados, un 24 % de emisións de gases de efecto invernadoiro e un 20 % de sobreexplotación de acuíferos.

No caso dos alimentos ecolóxicos certificados, os produtores con prácticas ecolóxicas teñen, en moitas ocasións, unha menor produción por superficie e uns maiores custos de man de obra que non lles permiten competir co prezo no punto de venda, aínda así, ofrecen un alimento de alta calidade, axustado no seu importe final, que respecta o cultivo e o entorno onde se produce.

Outro dato a ter en conta é que a produción ecolóxica e o consumo destes alimentos pode supoñer un aforro importante de miles de millóns de euros en custos climáticos, ambientais e de saúde. De feito, a Unión Europea busca que no ano 2030 o 25 % da terra cultivable sexa ecolóxica, co cal aforrariamos como sociedade millóns de euros.

Con respecto á situación que estamos a vivir agora mesmo de suba de prezos nos produtos, a inflación dos alimentos ecolóxicos teñen picos menores que os convencionais, polo que os primeiros colaboran en frear o incremento dos prezos.

Beneficios

Independentemente do debate sobre o prezo, un dos aspectos máis relevantes para escoller os produtos ecolóxicos certificados, como xa se comentou, baséase na nosa propia saúde: ao producilos sen pesticidas nin herbicidas tóxicos, resultan ser mellores para o noso corpo pero, tamén, para o medio ambiente, garantindo así unha explotación dos recursos a longo prazo, a non contaminación de acuíferos e un aforro de auga. Ademais, coa agricultura ecolóxica aplícanse prácticas sustentables que axudan na economía das comunidades locais que a practican, fixando e asegurando un futuro na poboación do rural. Son alimentos que presentan maior contido de proteínas, vitaminas e minerais e dispoñen dun selo que o garante, o selo dunha autoridade de control, no caso de Galicia de carácter público, como é o Craega.

Pódese apoiar a agricultura ecolóxica cultivando, consumindo e cociñando alimentos eco para así asegurarnos un futuro cheo de alimentos limpos, saudables e de calidade.

Os custos ocultos dos alimentos convencionais

«Os consumidores pagamos tres veces cando mercamos un alimento: ao compralo, ao pagar as axudas que reciben os agricultores e cando tentamos arranxar os efectos ambientais e de saúde que provocan estes sistemas convencionais de produción», explican desde a asociación de produtores e consumidores ecolóxicos Subbética Ecolóxica.

Certo é que o prezo que o consumidor paga polo alimento convencional, de primeiras é máis barato en comparación co dun alimento ecolóxico certificado, pero se lle sumamos o restante das facturas, a descontaminación do entorno polas prácticas agrícolas dun sistema tan agresivo ou o gasto sanitario para paliar a baixa calidade de consumir ese tipo de produtos, atopámonos con que o prezo aumenta considerablemente.

Observamos tamén estudos que confirman que a problemática que estamos a vivir coa produción convencional vai en aumento. Un deles vén da man da organización Sustainable Food Trust; no seu traballo, calcularon que o custo real dos alimentos producidos convencionalmente é o dobre do prezo de mercado.

As dificultades

Unha das maiores dificultades á que se enfronta a produción de alimentos que predomina actualmente é o uso reiterado de praguicidas, que provoca danos a nivel ambiental e na saúde das persoas, tal e como explicou Hilal Elver, a ex relatora das Nacións Unidas sobre o Dereito á Alimentación, nun informe do ano 2017.

Ecoloxistas en Acción, en España, alertaron precisamente sobre a alta presenza de residuos de praguicidas que observaron nos nosos alimentos no ano 2015, unha cifra que, de feito, xa aumentara con respecto ao ano anterior. A exposición que temos como sociedade a estes tóxicos pode desembocar, nalgúns casos, en serios problemas de saúde.

Os prezos

Afondando nos prezos, El Pa Sencer Cooperativa tamén realizou un estudo sobre este tema, Mapeo sobre o prezo e o valor dos alimentos en Cataluña. Nel, levaron a cabo unha comparativa do gasto anual dunha persoa que adquire produtos convencionais con outra que opta por produtos ecolóxicos certificados. O resultado final expuxo que a cesta da compra con produtos de proximidade e ecolóxicos non foi máis cara que a efectuada con produtos convencionais, senón que resultou ser practicamente igual.

En definitiva, cando mercamos un alimento convencional a un baixo prezo pagamos posteriormente os custos ocultos que este leva consigo. Porén, no caso dos produtos ecolóxicos certificados, xa abonamos o seu prezo ao completo unha vez que o adquirimos.

Polo tanto, se analizamos todos os factores, ao final, podemos deducir que a compra de alimentos convencionais resulta máis custosa e é máis prexudicial para o planeta e, polo tanto, para a nosa saúde.