
Reportaxe | Promoción dos produtos locais Quiroga celebrou a quince edición da Mostra do Mel, unha produción tradicional da comarca amparada hoxe en grande parte polo selo de garantía ecolóxica
10 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.?uiroga celebrou onte a décima quinta edición da Mostra do Mel, un festexo dedicado á promoción dun dos produtos máis característico da comarca, que está a experimentar nos últimos anos un notable proceso de modernización. Dos once produtores que participaron na mostra, nove contan desde o ano pasado co selo do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e oito forman parte da cooperativa Cauru, fundada en tempos recentes. As condicións en que se desenvolve a produción do mel nesta comarca animaron aos apicultores quirogueses a solicitar o certificado do Cragea. «Para ter o selo oficial esíxese que os colmeares estean situados a un mínimo de tres quilómetros das zonas habitadas e nós podemos cumprir perfectamente ese requisito», explica José Ángel Rodríguez Raposo, presidente da cooperativa. «A maioría das colmeas da zona encóntranse en pleno monte, a 600 ou 700 metros de altura, lonxe das áreas de cultivo onde se utilizan insecticidas e pesticidas», engade. O selo de garantía ecolóxica supón un valor engadido para un produto tradicional que debe boa parte da súa calidade e do seu prestixio á riqueza biolóxica da comarca. A cor escura que caracteriza ao mel de Quiroga e do Courel procede sobre todo dos castiñeiros, unha das principais fontes de alimentación das abellas autóctonas. Mais as colmeas nútrense tamén en grande parte das múltiples especies arbustivas que crecen nos montes da zona. A creación da cooperativa, hai tres anos, favoreceu un forte incremento da produción. Cando Cauru iniciou a súa andaina, os socios producían en conxunto 5.000 quilos de mel, unha cifra que hoxe ascende a 15.000 quilos. Entre os apicultores quirogueses tamén está a estenderse a elaboración de pole. De momento son dous os apicultores -un é membro da cooperativa e outro traballa á marxe desta entidade- que producen e comercializan este caro produto. «O pole é moi custoso porque a súa elaboración dá moito traballo», apunta a este respecto o presidente de Cauru. A actividade diversificarase máis en breve prazo coa produción de cera. A cooperativa xa dispón de maquinaria para fabricala, pero os seus socios aínda non están en condicións de manexala. «Temos previsto organizar un cursiño formativo para o próximo outono e despois porémonos a producir», sinala Rodríguez Raposo.