Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

O albergue de Quiroga inicia un programa de actividades extraescolares

quiroga / la voz

AGRICULTURA

04 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Os novos responsables do albergue municipal de Quiroga elaboraron un programa de actividades extraescolares que está sendo presentado por correo electrónico a numerosos centros educativos de Galicia e Castela e León. O programa porase en marcha o mes próximo coa colaboración de dúas empresas especializadas en actividades de tempo libre e turismo de aventura.

O programa comprende, por unha parte, unha serie de actividades educativas repartidas en catro módulos que se dedican, respectivamente ás ciencias da natureza, o patrimonio xeolóxico, a minería da época romana e os oficios tradicionais. A oferta compleméntase con actividades relacionadas co Camiño de Inverno, os ríos e as práticas agrícolas e apícolas, os deportes de aventura e os obradoiros recreativos.

Os módulos de actividades terán unha duración de entre dous e tres días, pero tamén poderán limitarse a unha única xornada. O programa comprenderá unha serie de visitas guiadas a diversos lugares de interés natural e histórico da comarca, así como aos museos municipais de xeoloxía e etnografía.