A agricultura 5.0 xa chega ao rural galego

Francisco Maseda LUGO

AGRICULTURA

Alumnos del campus de Lugo del grado de Robótica realizan modelos que se pueden aplicar en la agricultura
Alumnos del campus de Lugo del grado de Robótica realizan modelos que se pueden aplicar en la agricultura ALBERTO LÓPEZ

O exvicerreitor do campus de Lugoi analiza a revolución tecnolóxica e a chegada da robótica ao agro

06 ene 2024 . Actualizado a las 20:42 h.

Xa levamos uns anos vivindo a revolución dixital. A moda e a necesidade, xa imperiosa, da conexión a internet resulta case que imprescindible ata nos mínimos detalles. Tes internet? ¡É a pregunta!. Por iso resulta básica a dixitalización que nos permite convivir cós sistemas informáticos e, con eles, chegar a aquela rede de información.

Algúns de nós aínda lembramos a época da non existencia de enerxía eléctrica nalgunha zona rural. Hoxe que o tendido eléctrico chega, practicamente, a todos elas, a pregunta é ¿tes fibra óptica?. Necesitamos a conexión por fibra óptica para conseguir velocidade e calidade na internet. Queremos comunicarnos de xeito instantáneo, enviar e recibir datos, visualizar un mapa dende o noso teléfono móbil… Iso non ofrece dificultade grazas ós sensores e servidores situados non importa onde.

Aínda que sexa de xeito moi sucinto, convén sinalar o camiño que ten percorrido a evolución da tecnoloxía.

1. Primeira revolución industrial, o vapor.

Durante a segunda metade do século XVIII, tivo lugar en Gran Bretaña un importante avance tecnolóxico, o máis grande dende a idade da pedra, uns 4000 anos a.C., o Neolítico. Tal vez o expoñente principal foi James Watt coa máquina de vapor. Foi un cambio que induciu non soamente unha nova tecnoloxía que permitiu o movemento de maneira autónoma, senón que a maiores, agora na distancia, comprobamos como esa tecnoloxía foi quen de cambiar as nosas vidas e os nosos aspectos socio-económicos.

A aquel enxeñeiro mecánico escocés, témolo sempre presente ao falar da magnitude potencia, que medimos en vatios. Todos nós manexamos esa magnitude continuamente, por exemplo no contrato coa compañía eléctrica, dicimos temos contratados tantos W (mellor kW), para fixar o termo de potencia. Durante anos traballouse con cabalos de vapor (CV), debido á forma de medir usando cabalos no arrastre dun peso. Hoxe pódese facer unha equivalencia, pero o normal é medir en vatios.

2. Segunda revolución industrial, a electricidade.

É certo que esta revolución, segunda metade do século XIX, tivo moitos expoñentes tanto en avances técnicos e tecnolóxicos como nos aspectos socio-económicos, incluso diría moitísimos, e sobre todo nos últimos. Non obstante eu quédome coa electricidade e as súas aplicacións industriais e domésticas. Soamente a iluminación eléctrica fai pequenos os outros. Por falar dun nome, eu poñería o croata Nikola Tesla. Sempre defendeu a corrente alterna en contra das ideas da época que lle tocou vivir e, ao final, tivo razón absolutamente. A máis da iluminación con alterna, cambiouse a de Nova York, que estaba en continua, tal vez o motor de indución foi o seu aporte estrela. Dende fai unha morea de anos, todo xira en torno ao uso da enerxía eléctrica, que é, por outra banda, moi sinxelo: basta conectar os circuítos activando un interruptor. Ademais non pasa tempo dende que se activan os circuítos ata que funcionan os receptores, pois esa enerxía propagase á velocidade da luz e esa é a velocidade que mide o tempo.

3. Terceira revolución industrial, a electrónica.

Destacou a automatización dos procesos produtivos grazas ás máquinas-ferramentas de control numérico, isto é, cos ordenadores e sobre todo os robots. Trátase do terceiro gran cambio de prototipo produtivo dende a revolución Industrial do século XVIII, e baséase na informática e na dixitalización. Esta terceira transformación produtiva coñecida como a «Sociedade da Información», xurdiu a mediados do século XX aínda que o auxe foi algo posterior, nese senso pode dicirse que nace co século XXI.

A medición pasa de analóxica a dixital, que todos nós lembramos. Aínda que ese aspecto é importante, eu destacaría o transistor e microprocesador que permitiron o impulso enorme das telecomunicacións.

Sería moi longa a lista de cambios que se produciron con esta nova tecnoloxía pero, por destacar algún, o paso do control con automatismos mecánicos os automatismos dixitais, e sobre todo que aparece, aínda que en lontananza, a enerxía nuclear.

Permítanme que faga referencia de novo a Tesla, que predixo que chegaría unha época en que cada un de nós teriamos un sol na ventá. Pensaba, obviamente, nun micro-reactor nuclear. Estou certo, que unha vez máis, non errou e ese futuro chegará.

Un robot xa é capaz de aproveitar as froitas que valen para recoller e deixar as que non

4. Cuarta revolución industrial, a dixitalización.

Coñecese como sistema ciber-físico, e pode definirse polo concepto de industria intelixente. A característica máis sobresaínte é a conexión mediante un fluído de información das máquinas no propio emprazamento de traballo có exterior (ben con mercados ou ben con outras industrias intelixentes). Está xa avanzado o primeiro terzo do século XXI.

Destaca algo que é preciso sinalar, refírome a aprendizaxe das máquinas (Machine Learning) e a intelixencia artificial. Pero a realidade é que hai moitas outras cousas que debe terse conta como expoñentes claros de esta cuarta revolución.

Así as persoas cedemos o protagonismo á conexión da maquinaria o través de internet, isto é, o internet das cousas. Os robots colaboran con nosoutros no traballo e non hai erros nin riscos. Xurdiu unha palabra nova, o metaverso espazo virtual compartido onde podemos relacionarnos como avatares.

5. Quinta revolución industrial, a robótica.

Neste caso a economía faise máis humana pois a persoa é o centro do desenvolvemento; o crecemento convértese en ferramenta, o mesmo que a tecnoloxía, e deixa de ser o obxectivo final. A enerxía, mobilidade, educación, consumo, traballo e ocio, operan de forma integrada grazas o uso de inxentes cantidades de información do mundo real e en tempo real. Iso permite tomar decisións nó apoio do benestar.

Mediante o «edge computing» a información procésase in situ. É dicir, realízase a análise dos datos e o control «augas abaixo» (nos puntos de subministro e nos centros de transformación, por exemplo).

Ocorre que un número inmenso de datos obtidos por dispositivos con sensores, envíanse xa procesados e depurados (destilados) aos servidores, neste caso a nube, e así evítase saturación, acelerando e asegurando á toma de decisións.

Un dron xa pode analizar as necesidades hídricas dun cultivo

Se ben as transformacións comentadas naceron no eido industrial e, en consecuencia falase de revolución industrial, a produción agroforestal, como non podía ser doutra maneira, utiliza os avances producidos.

É certo que por características inherentes a este medio posiblemente aparecen atrancos que non se dan nas fábricas: distancias de traballo grandes, obstáculos como pode ser unha plantación arbórea; o persoal entende de produción pero non está tan especializado no uso da tecnoloxía dixital, este medio é frecuentemente hostil, e ten condicionantes ligados a falta de coñecemento e recoñecemento de cada situación concreta.

Si me permiten un exemplo tentarei explicarme. Xa se falou aquí do muxido de gando vacún. Seguindo co exemplo, coñecemos a situación dunha sala de muxir. É un medio hostil, pois a humidade é moi alta e non boa para os aparatos eléctricos e electrónicos; iso implica que pode haber perigo de descargas eléctricas a máis os golpes contra eses aparatos de medición poden danalos, por calquera causa os animais poden impacientarse e a resposta non se fai agardar.

Sabemos que a situación ten eses condicionantes pero en moitas ocasións négase a evidencia, non recoñecemos a situación e estamos expostos a accidentes. Así, é unha mágoa que salten os automáticos e se borre información. Cara a evitalo, simplemente pontéase o diferencial. Obviamente todo segue a funcionar, pero as persoas quedan desprotexidas.

Non obstante o comentado, hai multitude de situacións que permiten cumprir os obxectivos da PAC. Vexamos algúns exemplos extraídos da difusión nun buscador de internet. Un dron pasa, en voo rasante, sobre un cultivo e obtén datos das plantas. Detecta, por exemplo o estrés hídrico e non soamente comunica a necesidade da rega, senón que mesmo conecta a rega. Isto aforra auga, xa que fai a conexión cando convén. Un robot opera nunha colleita coa delicadeza que require a contorna. Por exemplo, opera sobre as árbores froiteiras e colleita as que valen para recoller, deixando o resto. Non se despreza ningunha froita. 

Semellante é a vendima. Sobre dunha plataforma móbil articúlanse brazos dotados de sensibilidade para a recollida da uva. En definitiva quérese dicir que, aínda que queda moito camiño por percorrer, estamos xa a tratar con máquinas con capacidade cognitiva que lles permite a toma de decisións. Estamos, xa que logo, na agricultura 5.0.

Francisco Maseda. Catedrático da USC e vicerreitor do Campus de Lugo de 1994 a 2002