![Los huertos urbanos del Paseo do Rato, una opción cada vez más demandada](https://img.lavdg.com/sc/E1EuFdtVBaFz8YMoo-wvOrK-LjE=/480x/2024/02/03/00121706959681912932813/Foto/LF4C6F1_122649.jpg)
O exvicerreitor do Campus de Lugo analiza a chegada de novos habitantes ao rural galego ou como o paso de tempo libre traballando no campo permite a este manterse vivo
03 feb 2024 . Actualizado a las 20:14 h.Pasar as vacacións no campo gaña cada vez máis adeptos, e aínda gaña máis a posibilidade de ter alí unha segunda vivenda. Todo está a favor desa orientación, pois o descanso é completo. E digo isto fundamentalmente por que, ademais da baixa densidade demográfica e as paisaxes con contornas tradicionais moi relaxantes, todas as actividades están relacionadas coa natureza, que nos mostra sempre a cara máis empática da nosa existencia.
Parece como se na natureza fora todo máis auténtico, máis harmónico e, pola contra, a vida no traxín das cidades fora un pouco ficticia e imposta por riba de nos. Cando un vai o campo parece como si sentira máis preto a propia existencia.
O comentado no parágrafo anterior pode ser reforzado si se dispón dun pequeno anaco de terra para cultivar. Non fai falla moito xa que a idea é cambiar de actividade respecto a labor cotiá.
Nese senso, existe un grupo de palabras para referir unha agricultura algo diferente da tradicional. Refírome á familiar, ecolóxica e rexenerativa, como expoñentes actuais máis importantes. Teñen en común o laboreo mínimo. Polo ademais todas valen para obter unha colleita que afiance nosas vacacións ou nosa estancia no campo.
O cambio co pasado
A tradición era traballar a terra cun laboreo, ás veces excesivo, que tiña non cabe dúbida as vantaxes derivadas de conseguir o tempero con certa axilidade. Pero para iso era necesario, a máis do labor, o aporte de abono orgánico e abono mineral e, mais adiante, demandaba tamén fertilizante. Todo iso requiría fortes cantidades de auga. En definitiva, había que alimentar a terra para que ela nos alimentara a nós.
Esa idea cambiou ultimamente e naceu, como sistema de defensa contra o quentamento climático, unha nova forma de cultivar. A pretensión é que a terra nos alimente sen que pida a cambio nada material, soamente atención e coidados.
Por atención enténdese o aproveitamento dos abonos verdes, que moitas das veces xa existen nas propias colleitas, o mantemento das cubertas vexetais e a diversificación dos sistemas de cultivo. Por coidado debe evitarse a roturación do solo, polo menos con maquinaria pesada e control manual ou biolóxico de malas herbas.
A dixitalización pode axudar moito e, para o caso de parcelas algo máis grandes, pode axudar moito, tamén, un robot cos brazos intercambiables, que quizais vale a pena, tamén, no caso de froiteiras. Ademais do anterior é preciso almacenar os produtos obtidos. Máis iso non ofrece gran problema, si se dispón dun espazo ou local adecuado, ventilado e sen humidade.
Mención especial merece a apicultura. É a explotación animal máis rendible que existe é a que máis beneficia a contorna. En moi pouco tempo as plantas amosan uns cambios verdadeiramente chamativos, xa que estes animais colaboran arreo coa fotosíntese.
Non paran de traballar para nosoutros e non necesitan nada, soamente que lles deixen traballar. Non ofrece dificultades. Unicamente vixiar as colmeas, é dispor dun obradoiro onde extraer o mel dos paneis. Os beneficios dietéticos e da saúde do mel son ben coñecidos e, algún inconveniente tamén. Como é sabido, gañan con moito os primeiros.
Non é preciso sinalar que a explotación de abellas leva algún gasto pero é unha sola vez, e son gastos non importantes. Os máis fortes, a máis das colmeas, son os aparellos do obradoiro. Aínda con todo son destacables os beneficios económicos.
As abellas axudarán moito tamén no establecemento dun xardín e de plantas ornamentais. Son case que indispensables no establecemento e mantemento das plantas con flores e tamén nas árbores, para obter os froitos. Estes animais son básicos na polinización é resulta o método máis fiable, seguro e rápido de propagación.
A xestión dos montes
Noutra orde de cousas, deben terse en conta os montes. Cando medran dende a plantación, as árbores, sexan frondosas ou non, son extremadamente beneficiosos para combater o quentamento climático xa que a fotosíntese está en pleno apoxeo.
Posteriormente son tamén moi beneficiosos para a nosa saúde e podemos aproveitar, así mesmo, os pequenos froitos do bosque, de gran valor dietético na loita contra moitas enfermidades. Hai que lembrar as amoras e os amorodos, doados de recoller, e mellor aínda, de bo comer. A marmelada de amoras dá algo de traballo pero é un alimento cun «bouquet» impresionante.
Non quero deixar de mencionar os cogomelos, tamén dun valor extraordinario, aínda que sexa preciso levar precaución na súa recollida.
Os ríos e a pesca
Unha actividade produtiva e relaxante é a pesca de río. É certo que ten épocas de prohibición pero, na época permitida, resulta moi tranquilizante, ademais de dispor de peixes extraordinarios.
Non quero concluír sen mencionar algo de moito interese e moi práctico: facer pan no forno de leña. Sae moi rico, sobre todo se utilizamos masa madre, é moi doado de facer e moi san.
Podemos dispor de fariña sen refinar, polo tanto, non mala para a saúde e, ao mesmo tempo escoller a clase de cereal que imos usar. Non é preciso facelo de xeito cotiá, pois ese pan gárdase fresco sen neveira e sen nada especial, varios días.
Para rematar referir algo cheo de moitas e moi boas características para a saúde. Refírome o sendeirismo onde todo é bo: gózase da paisaxe, en moitos casos inigualable, o ambiente resulta moi san e camiñar é unha das mellores, senón a mellor práctica deportiva que se pode practicar. O único requisito é escoller rutas de interese.
En definitiva e para concluír, as vacacións no campo permiten axudar en algo, na miña consideración, fundamental: a conservación e incluso recuperación dos traballos de sempre, que o desprazamento das persoas cara ás cidades fixo esquecer.
En Lugo, dentro do Campus Terra, impártense disciplinas específicas sobre todas estas cuestións. Moitas delas no cuarto ciclo.
Francisco Maseda. Catedrático da USC e vicerreitor do Campus de Lugo de 1994 a 2002