A asociación de cooperativas organiza unha xornada sobre o cultivo de flor como alternativa produtiva no rural galego
AGRICULTURA

O evento será en liña o 15 de xullo e abordará oportunidades económicas no sector ornamental
04 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias, no marco das axudas da Rede Eusumo e en colaboración con cooperativas, convoca a Xornada sobre Oportunidade de Negocio de Cultivo de Flor en Galicia. O encontro celebrarase o vindeiro martes 15 de xullo de 2025 en formato online.
A xornada ten como obxectivo «informar, posibilitar, avaliar, asesorar e orientar ás persoas no cultivo da flor en Galicia». Tamén, a aquelas con inquedanzas nesta produción e interesadas en obter ingresos económicos do agro, ou en buscar unha saída económica ou laboral no medio rural, «ou mesmo para complementar ingresos e actividades que xa están a desenvolver no mesmo ocupando terras e mesmo temporadas de baixa actividade», explican nesta entidade.
Durante o evento intervirán persoas expertas no sector, así como cooperativas que compartirán a súa experiencia no cultivo de flor en Galicia. Abordaranse datos produtivos do sector en España, os principais cultivos en Galicia, a Estratexia da planta ornamental e a flor cortada impulsada pola Xunta de Galicia, a organización produtiva nunha explotación de flor e as novas variedades de verdes de floristería. Tamén se tratará o control biolóxico como ferramenta para un cultivo sostible. A inscrición é obrigatoria e pode realizarse aquí.