Patrocinado porPatrocinado por

Demandan medidas de apoio a granxas como as que teñen que sacrificar as vacas por tuberculose

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

GANADERÍA

Vacas, nun prado.
Vacas, nun prado. Europa Press

A Xunta lembra que o titular da explotación ten dereito a indemnización cofinanciada e conforme ao baremo que fixa o Ministerio de Agricultura na normativa estatal, e a outras axudas complementarias

11 mar 2024 . Actualizado a las 22:50 h.

O Sindicato Labrego Galego demanda medidas de apoio para as granxas que teñen que facer fronte ao sacrificio das vacas por un brote de tuberculose. É o caso dunha explotación do concello de Manzaneda que —lamenta— atópase ás portas dun baleirado sanitario previsto para finais desta semana e terá que asumir perdas superiores aos 32.000 euros (ao estimarse un custo de 800 euros por cada animal). «Isto non só implica un prexuízo económico para as persoas gandeiras, senón tamén un impacto emocional», subliña. A calquera granxa lle pode pasar, aínda que se cumpran tódalas medidas hixiénico-sanitarias, advirte o sindicato: «Na tuberculose, a doenza está aí, encapsulada, de forma latente, e unhas condicións ambientais favorables poden desencadear o seu desenvolvemento». No caso desta granxa de Manzaneda de vacún de carne de alto rendemento, as axudas prometidas e a reposición e lucro cesante non cobren a perda total.

A Xunta lembra que o titular da granxa ten dereito a indemnización cofinanciada e conforme ao baremo que fixa o Ministerio de Agricultura na normativa estatal. A maiores, en Galicia, existen dúas liñas de axudas complementarias para compensar o lucro cesante mentres estea inactiva e outra para a reposición de animais. Por outra banda, anota, os gandeiros tamén perciben o valor da carne dos animais sacrificados no matadoiro, así como os importes dos seguros agrarios subscritos (tamén subvencionados) se inclúen a liña das perdas ocasionadas pola campaña de saneamento. Como actuación complementaria, os labores de limpeza e desinfección das instalacións son asumidas pola propia Administración.