Patrocinado porPatrocinado por

A importancia das enxeñerías agroforestais no campus de Lugo

Francisco Maseda LUGO

SOSTENIBILIDAD

Imagen de uno de los pabellones de la Escola Politécnica Superior de Lugo,
Imagen de uno de los pabellones de la Escola Politécnica Superior de Lugo, Óscar Cela

O catedrático da USC e exvicerreitor lucense expón a necesidade de seguir potenciando as titulacións específicas da Escola Politècnica Superior

24 nov 2023 . Actualizado a las 14:21 h.

Os responsables do ensino universitario galego teñen dúbidas sobre a conveniencia de manter a continuidade das titulacións dos campus que non acaden unha demanda alta ou, polo menos, suficientemente alta. Esa demanda, que se mide pola cifra de alumnos que se matriculan no primeiro curso é a mesma para todas as titulacións de todos os campus galegos, un anaco máis baixa nos periféricos que nos centrais.

Con ese criterio, está a resultar difícil manter activa algunha das titulacións do campus de Lugo e mostran debilidade as máis técnicas, enxeñería agrícola e enxeñería forestal, imbricadas certamente no desenvolvemento do sector primario e no cerne mesmo do campus como indica o seu apelido de «terra» ben acertado o meu entender, xa que indica a orientación única da finalidade deste campus que persigue a «racionalización do traballo naquel sector».

Por outra banda é preciso resaltar que, aínda que aquelas titulacións tiveron cambios nos currículos, mantiveron sen embargo intacto, nas súas andainas, dilatadas xa pois naceron a finais do século XIX, o espírito da súa creación: «O apoio técnico ao desenvolvemento da produción da terra».

Hoxe resulta ben necesario, tal vez máis que nunca, continuar nesa liña de innovación curricular e ademais esa innovación debe conquistarse de maneira moi rápida pois os cambios que están a ter lugar, tanto na tecnoloxía como na técnica, son fondos e vertixinosos. O que se actualiza hoxe perde valor case que de maneira inmediata, e así o dinamismo é o proceder normal de traballo na enxeñería.

Mais ocorre que eses cambios, xa de por si enrevesados e difíciles, tórnanse confusos en tanto en canto a súa incorporación o mundo académico, pois o camiño a percorrer rebota a cada pouco na propia estrutura universitaria, atrancándose no proceder daquela institución esencialmente democrática e inimiga das decisións precipitadas e áxiles. Todas e cada unha das propostas de cambio curricular teñen que ser necesariamente consensuadas e debatidas para obter así o respaldo das comunidades científica e docente.

Unha vez conquistados os pactos, deben ser capaces de substituír os xa establecidos na docencia teórica e nos laboratorios para a docencia práctica, que teñen tamén custe económico e de tempo. Finalmente deben efectuarse ademais os cambios correspondentes nas responsabilidades docentes, e estes só poden ter lugar de xeito anual cando se prepara o plan de organización docente (POD).

Persoal docente e investigador

Por outra banda, a preparación de esas innovacións han de percorrer primeiro un camiño por parte de persoal docente e investigador (PDI) que debe cubrir varias e ineludibles etapas de deseño; esas etapas, no caso das titulacións que se comentan, abranguen as necesidades: 1) Da enxeñería. 2) Do sector agroforestal. 3) Da bioloxía lóxica ligada as plantas e os animais. 4) E finalmente, e non menos importantes, ligadas a ingresos económicos.

As etapas aludidas, certamente farragosas, e de áreas de coñecemento diferentes, necesitan tamén dun consenso e ralentizan necesariamente a súa incorporación curricular, pois é imprescindible a colaboración moi estreita de investigadores científicos e técnicos de áreas, por demais, moi diversas. Así pois resulta imprescindible un campus, un lugar, no que poidan traballar e convivir as persoas capaces de definir e percorrer aquelas etapas. Considero que resultan case que imposibles os acordos a distancia (en liña) entre o PDI implicado neses procesos.

Os comentarios anteriores tentan poñer de manifesto a actualidade das titulacións que estamos a considerar, hoxe máis que nunca, fundamentais na produción agrogandeira e forestal.

Esas titulacións teñen plans de estudios que implican a áreas de coñecemento distintas e, que agrupadas baixo un título común cumpren atinadamente coa formación dos técnicos agroforestais. Cara a concreción das notacións feitas, continuarei o exemplo ao que aludín nun artigo publicado en La Voz de Galicia, edición de Lugo, o pasado sábado 18 deste mesmo mes.

Na robotización do muxido do gando vacún, ademais de desenvolver o labor de muxir, é dun gran interese coñecer as variables fisiolóxicas e produtoras propias da especie gandeira, xa que, os valores de esas variables acumuladas nunha base de datos, axudarán o gandeiro a conquistar o benestar dos animais, unha produción de leite racional, rendible economicamente e cumprindo as esixentes condicións de mercado. Por poñer un exemplo, coñecer como se está a facer a alimentación dos animais non é doado sen saber a cotío como é o nivel de produción e a calidade do leite producido; esa información permite alimentar e racionar os animais de maneira óptima. Así, un listado longo de informacións, que sería prolixo e tedioso de enumerar aquí, axudarán a coñecer as particularidades do traballo feito e, hoxe resultaría difícil rendibilizar ese traballo sen un sentido empresarial apoiado naquel coñecemento.

Velaí porque é necesario definir e satisfacer as necesidades: 1) Técnicas de robótica. 2) Agrarias de produción de forraxe. 3) Biolóxicas dos animais produtores de leite. 4) Finalmente, económico. Velaí pois como, unha vez máis, xurde a obriga de xuntar investigadores das distintas áreas de coñecemento implicadas na robotización que se está a comentar.

Velaí pois como debe funcionar un campus agrícola, agrogandeiro e agroforestal se se quere conquistar persoas cun abano de coñecementos amplo que permita loitar por un futuro que non agarda por nos, senón que xa é presente e nós debemos estar nel. O campus lugués, tal e como está deseñado, é un eslabón clave dese futuro.

Os anteditos comentarios son apenas un apunte dos centos de funcións e traballos que é preciso mecanizar e robotizar para producir cos estándares actuais nos aspectos ambientais, de benestar animal e económicos. Pensen vostedes en calquera traballo, é igual onde o sitúen, comprobarán que non se pode desenvolver de costas as novas tecnoloxías e desaproveitar todas as vantaxes que se ofertan xa e, sobre todo, as que están xurdindo.

Non é posible outra opción.

O alumnado formado e titulado polas escolas agroforestais en Lugo, debe coñecer os derradeiros avances tecnolóxicos, e o seu funcionamento, cara a transmitilos os empresarios agroforestais. Eses técnicos son, xa que logo, totalmente necesarios, e hoxe máis que nunca, xa que eles son quen de visualizar todos os aspectos produtivos e facer a análise que recoñeza as debilidades e ameazas, por unha banda e as fortalezas e oportunidades pola outra, dun xeito fiable, cara a fixar: 1) A estratexia mais adecuada en cada situación concreta e 2) A implementación da estratexia escollida.

Permítaseme sinalar, finalmente que, por motivos de querenza coas titulacións en que me formei, tentei razoar e transmitir as inquedanzas que me asaltan ante a situación complexa que atravesan, e que me atrevo a resumir na posibilidade de admitir certo grado de dinamismo na variación dos currículos cara que o alumnado coñeza e aproveite os fitos que se alcancen no eido da tecnoloxía aplicada á produción agroforestal.

Prego comprensión pola miña ousadía en opinar e desexo a mellor das solucións posible para a problemática do campus lugués onde pechar titulacións non debe ser unha opción a ter en conta.

Francisco Maseda. Catedrático da USC e Vicerreitor do campus de Lugo de 1994 ao 2002