Patrocinado porPatrocinado por

Xaquín Rubido: «Temos que estar alerta co tráfico marítimo»

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

SOMOS MAR

Martina Miser

O voceiro da plataforma Nunca Máis cre que os medios e as normas que se lograron a raíz do Prestige deben ser activos

11 ene 2023 . Actualizado a las 18:33 h.

Entre o propio poder contaminante do fuel que viaxaba nas súas tripas e a calamitosa xestión que se fixo do seu naufraxio, todo canto hai vinte anos rodeou a catástrofe do Prestige configurou, para ben e para mal, unha parte fundamental da conciencia colectiva de Galicia no contemporáneo. Naquel tempo tivo un papel predominante unha plataforma que xurdiu o 21 de novembro do 2002, tan só dous días despois de que o cargueiro fose a pique, lanzando sobre a costa galega as peores mareas negras das que se teña lembranza. Nunca Máis soubo sintonizar co desconcerto, primeiro, e co aberto enfado, a continuación, de toda unha sociedade diante do que estaba a suceder e como se estaba a manexar. Da falta de medios e previsión. Do tráfico marítimo que, como unha sombra apenas intuída, configuraba un constante fluxo fronte ás rías, a saber en que condicións. Choveu xa, pero non tanto como para que o país se poida permitir o luxo de prescindir, senón desta ferramenta, si de calquera outra que manteña o nivel de esixencia social imprescindible para garantir a protección colectiva, vén dicir Xan Rubido, Xocas, que segue a prestar a súa voz ao símbolo da franxa azul sobre o fondo negro.

Cando nace Nunca Máis, Xocas (Pontevedra, 1951), biólogo, investigador e docente, conta cunha longa experiencia reivindicativa. O movemento cidadán que dende Carril defendeu a illa de Cortegada fronte á voracidade urbanística ou a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), que pelexou contra a instalación dun parque de almacenamento de hidrocarburos no porto de Vilagarcía, foron dúas das experiencias previas que prepararon o terreo para a activación social fronte ao Prestige. «A verdade é que nós chegamos a Nunca Máis a través da PDRA, basicamente coma ponte cara aos sectores do mar, cos que traballaramos moi unidos ben pouco antes, nas mobilizacións contra os depósitos de Vilagarcía», explica o voceiro do colectivo.

Sobre a politización

Xocas subliña que, lonxe das acusacións de politización ou dirixismo que ao cabo dos primeiros meses do conflito caeron sobre ela, Nunca Máis «sempre funcionou por consenso, coma unha especie de funil para recoller iniciativas e sensibilidades, e foi un instrumento transversal e útil para o país, que era do que se trataba». O que non quere dicir que non recoñeza o papel impulsor que unha determinada formación desempeñou no seu nacemento: «Somos plurais, pero tamén hai un feito real. O BNG posibilita o fenómeno e pon a súa estrutura á disposición dos colectivos. Deu o primeiro empurrón, pero creo sinceramente que non existiu ningunha vontade de monopolizar Nunca Máis dá súa parte». Os tres sindicatos principais, UXT, CIG e CC. OO., intégranse nela, ao igual que entidades como Adega.

 Aquel 1 de decembro

Con respecto ao fito principal daqueles días, poucas dúbidas caben acerca da manifestación que o 1 de decembro do 2002 puxo nas rúas de Compostela a unhas 250.000 persoas. O 23 de febreiro, a mobilización chega a Madrid. «Traballouse moito e seguímonos reunindo, aínda que o ritmo foi baixando logo de que no 2013 se aprobase o Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Camgal)», relata Xocas, que pon no acento en todo canto se conseguiu: «No 2004 entran en vigor as dúas canles para mercadorías perigosas, todas as medidas normativas da UE recollen as nosas reivindicacións, portos de acollida, inspeccións en alta mar, a posibilidade de penalizar os sentinazos. Daquela non había barreiras, non había skimmers, apenas había medios no mar nin sistemas de protección. Once dos catorce buques do plan nacional de salvamento constrúense logo do Prestige. O cambio foi enorme e debeuse á presión social. Isto dá unha idea do impacto».

MARTINA MISER

Porén, 35 buques seguen a pasar cada día fronte ás costas galegas con mercadorías perigosas. O risco certo das bandeiras de conveniencia, que representan arredor do 43 % da flota mundial e son impermeables a importantes esixencias sobre as condicións de seguridade coas que deberían navegar. A globalización e o incremento do movemento de mercancías por mar. O cambio climático que augura crecentes temporais e, polo tanto, problemas inevitables. Son factores que fan evidente a necesidade de manter os ollos abertos.

«É importante que a sociedade sexa consciente de que debe estar alerta. Hai medios e normativa, agora é un problema de execución, de exercer a nosa soberanía, que non quere dicir outra cousa que empregar os mecanismos que están aí e facer que se executen, de detectar os puntos febles e facer todo o que estea na nosa man para disuadir tráficos como os que propician esas bandeiras de conveniencia». Xocas pide, ademais, transparencia e independencia fronte ao poder político para quen deba xestionar este tipo de ameazas en contraste co modelo que pivota no director xeral da Mariña Mercante. «Os ingleses, por exemplo, teñen esa figura. Non hai razón para que nós non». Para tomar nota.