A conselleira de Mar afirma que o máis preocupante do acordo para Galicia é o do xurelo, «porque deixa o cerco do Cantábrico Noroeste moi tocado»
14 dic 2022 . Actualizado a las 04:45 h.Chegou onte pola tarde «cansadísima» tras un consello de ministros de Pesca «longuísimo». Dos máis longos dos últimos anos, que se prolongou dende primeira hora do domingo ata ás oito e media da mañá do martes. E hoxe ten cita co Consello Galego de Pesca para analizar todos os resultados.
—Todos falan de sesión maratoniana, que foi o que atrancou o acordo?
—Un pouco de todo, o xurelo do Cantábrico, o plan do Mediterráneo, o da anguía que afectaba a moitos países, Francia tiña problemas coa robaliza...
—A anguía... Di que Galicia ten que pagar os pratos rotos do que non fixeron outros países.
—En Galicia temos dende 1993 un plan de xestión da anguía no que non se incrementou o número de persoas que a explotan, os topes están regulados e non houbo baixada da produción. Outros países non o fixeron e a situación empeorou. Agora, nós teremos que asumir as medidas que se van impoñer. Novas vedas que haberá que pactar co resto das comunidades autónomas afectadas.
—Que é o máis preocupante para Galicia do acordo?
—O máis preocupante é o do xurelo, porque deixa o cerco do Cantábrico Noroeste moi tocado, ao só poder pescalo de maneira accidental. Iso supón que se vén algún xurelo na rede, os barcos deberán abrir o aparello e soltar as capturas, porque non se pode facer pesca dirixida. E iso non é o peor. É que ademais se eliminan as flexibilidades que se permiten con outros stocks. Nós pediamos que se puidese pescar ata un 25 % do xurelo da 9a (do sur de Fisterra ao golfo de Cádiz) á 8c; en lugar do 3 % que se permitía ata o de agora, pero non se aceptou. E tamén se prohibiron os traspasos interanuais, que eran do 5 %.
—Está constatada esa mala situación biolóxica que recomendaba o peche?
—Que un ano se pesque pouco xurelo non quere dicir que sexa pola mala situación biolóxica, pode ser polas condicións climatolóxicas. O que non pode ser é pasar de fixar un ano 70.000 toneladas e propoñer o peche para o seguinte. Ademais, non é a mesma xestión a que se fai aquí que en Noruega; os científicos deberían avaliar con diferentes modelos no Cantábrico e no norte do Atlántico.
—Prevé despezamentos? Como se vai afrontar este problema?
—Haberá que buscar a mellor forma de poder pescar, analizaremos a situación mañá [por hoxe], no Consello Galego de Pesca.
—Fixo unha valoración negativa dos resultados...
—Non, unha valoración negativa da negociación. Esta vez partíase dun escenario moito mellor que outros anos grazas a que os recursos estaban en boa situación. Pero só se tiveron en conta os datos científicos e non os socioeconómicos. Non se mellorou moito o que xa propoñía a Comisión en base aos datos científicos. Só se melloraron as posibilidades de pesca un 25 % cando tiñamos unha expectativa mellor.
—En xeral, a pesca galega terá problemas para superar o ano.
—Non debería, pero nunca se sabe. Aí están as 87 vedas e xa levamos moitos golpes así.
—En breve virá a estratexia de Biodiversidade da Comisión...
—Si, os ataques veñen por todos lados. Parece que o que sobra neste planeta son humanos. A Unión Europea xa importa o 70 % do peixe, se seguimos despezando a frota como salvadores dos océanos imos depender aínda máis dos terceiros países.