Rosa Quintana: «Non se trata dun ''papeliño'', trátase de non perder competencias»
SOMOS MAR

A conselleira do Mar confésase satisfeita polo fallo, pero apenada por ter que chegar aos tribunais
21 ene 2023 . Actualizado a las 08:56 h.Como non podía ser doutro xeito, a conselleira de Mar alégrase dun triunfo xudicial que deixa o mar en calma, pero tamén confesa a súa tristeza por ter que chegar a ese extremo.
—A Xustiza dálle de novo a razón a Galicia: non ten que pedir permiso a Madrid para ordenar o seu marisqueo. Satisfeita?
—Alégrome moito, pero é unha mágoa ter que chegar a isto porque a ministra [de Transición Ecolóxica] se encaprichou. Creo que actuou máis a nivel persoal que xurídico. Nunca entendín que despois dunha sentenza tan demoledora coma a do TSXG tivera o valor de presentar un recurso de casación. É moi difícil explicar isto a todo un sector e que este siga con ánimo cando hai algunhas Administracións que queren acabar con el. Non sei. Foi unha temporada complicada.
—Dixo dende un primeiro momento que era un ataque político, en que se basea?
—Díxeno eu e a sentenza do TSXG así o manifesta. Galicia sempre foi leal e fiel á Constitución e ao Estatuto de Autonomía. Os representantes do PSOE e do BNG no Parlamento galego dicían que era un capricho meu non mandar un papeliño a Madrid para que se resolvese o problema. Non se trata dun papeliño, trátase de non perder as competencias exclusivas que ten Galicia e iso non estou disposta a xogarmo. Vimos traballando deste xeito dende hai máis de 30 anos e nunca se nos deu este caso. Estamos planificando a actividade, Europa ponnos como exemplo do que é facer unha boa xestión dos recurso e vostede vénme dicir aquí que non lle pedín un informe previo perceptivo e vinculante que non aparece recollido por ningún lado?
—O Goberno galego levaba anos sen reclamar competencias, isto animará a pedir máis para que non se repitan cuestións así?
—Nós non necesitamos pedir máis competencias no que ten que ver coa xestión da pesca e do marisqueo. Xa están no Estatuto de Autonomía. O que agora estamos a facer coa Lei de Ordenación do Litoral son competencias que xa temos atribuídas e aínda aí, antes de tirarnos á piscina, Medio Ambiente e Mar pedimos un informe ao Consello Consultivo de Galicia e este avalou o que di o Goberno: que Galicia ten esas competencias. Esta lei poderá arranxar algunhas cousas, pero non todas. Nós sempre imos entender que a Lei de Costas é unha lei básica e debe selo para todo o Estado. Polo tanto, se o Estado non modifica a vixencia das concesións, nós nunca poderemos facelo. Pero o que é absurdo, e non sei o que se lles pasa pola cabeza, é que a un bateeiro, por exemplo, que estea traballando legalmente e explotando a súa batea dende hai anos haxa que quitarlle a concesión para sacala a concurso. Non son capaz de entendelo nin de explicalo.
—Que cre que pretende Costas?
—Deshumanizar a costa. E queremos sacarllo da cabeza. Nós os galegos temos unha forma de entender a nosa vida que está vinculada á costa, e na costa prodúcese unha actividade social e económica. E somos quen de estar en Fitur presentando unha Galicia natural e sostible porque respectamos o noso medio ambiente e somos tamén capaces de realizar unha actividade económica que produza postos de traballo e alimento. Polo tanto, o que queremos e precisamos todos é que á ministra Teresa Ribera se lle vaia da cabeza esa idea tola que ten de deshumanizar a costa. É compatible manter a biodiversidade e ter unha costa rica.