Patrocinado porPatrocinado por

O Goberno anuncia para esta tarde a marcha da expedición do Villa de Pitanxo e os familiares din que sairá sin o visto bo do xulgado

A. Pascual / J. R. VIGO / LA VOZ

SOMOS MAR

M.MORALEJO

O buque Ártabro está listo en Vigo para partir en canto embarquen os peritos; os familiares suxiren que Transportes decidíu a data unilateralmente. O pesqueiro de Marín naufragou en Terranova o 15 de febrerio do 2022 e tan só sobreviviron tres tripulantes

17 may 2023 . Actualizado a las 13:51 h.

O Goberno avanzou que a expedición para baixar ao Villa de Pitanxo arrincará esta tarde. A delegación do Goberno informou de que o Ministerio de Transportes comunicou a data aos distintos axentes implicados na procura do pesqueiro afundido en augas de Canadá, ademais de aos familiares das vítimas. O buque multipropósito Ártabro, da compañía galega ACSM e adxudicatario da misión, xa está listo en Vigo para partir cara a Terranova en canto embarquen os peritos, que esperan que sexa ao longo desta xornada.

As mesmas fontes dixeron que Transportes notificou esta mañá á Audiencia Nacional que o barco sairá hoxe mesmo desde Vigo. Emitiron o anuncio a pesar de que o Xulgado Central número 2, que instrúe a causa por 21 homicidios por imprudencia e outros tantos delitos contra a seguridade dos traballadores, notificou por escrito a semana pasada que a data de inicio da viaxe tíñaa que decidir este xulgado. Os familiares suxiren que non foi a Audiencia Nacional a que puxo a data, pois tiña pendiente de decidir se permitía embarcar a peritos de parte. A portavoz do colectivo, María José do Pazo, manifestou que están «desagradablemente sorprendidos» polo que está a ocorrer. Recorda que a Audiencia Nacional estableceu que a saída debería realizarse de acordo co xulgado, con intervención dos peritos xudiciais e das partes, aínda que esa cuestión era algo sobre o que decidiría posteriormente. Sen embargo, «a CIAIM, facendo caso omiso dos requerimentos do xuíz, decidiu unilateralmente que o barco sae hoxe e comunicoullo onte pola noite, cando obviamente non había ninguén na Audiencia Nacional», sostén.

De Pazo acusa á investigación técnica de boicotealos con esta forma de actuar, con todo o que custou conseguir que se baixara ao pecio, unha operación que, recorda, conta co respaldo da Comisión de Peticións da UE e da alta comisaria de Seguridade Marítima da UE.

A bordo do Ártabro teñen previsto viaxar 38 técnicos e tripulantes da compañía ACSM, líder global en servizos submarinos e que recentemente acudiu á procura de pesqueiros afundidos en Francia e Italia. Acompañaranos peritos da Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos e da Audiencia Nacional, pero aínda non transcendeu cantos serán.

A viaxe ata Terranova para baixar ao buque durará unha semana. Unha vez alí, tal e como figura nos pregos, a tripulación do Ártabro terá quince días para localizar o pecio e lanzar un ROV de alta tecnoloxía que filmará o seu estado. A gravación podería servir para lanzar luz sobre o fatal accidente que sufriu o arrastreiro da pesqueira Nores o 15 de febreiro do 2022. Cada unha das escenas que se obteñan son confidenciais. Hai escasos referentes globais nunha expedición deste estilo. Trátase dun proceso xudicializado polas 21 vítimas que se cobrou este accidente.