Patrocinado porPatrocinado por

Ánxeles Vázquez: «Galicia é a vítima, e o responsable da vertedura é a navieira»

X. Gago / E. Abuín REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

Senén Rouco

A vicepresidenta segunda da Xunta e conselleira de Medio Ambiente di que a Xunta actuou con celeridade en canto tivo información e que agora é preciso buscar o colector e selalo por se queda dentro material

14 ene 2024 . Actualizado a las 17:31 h.

Podería ter sido o vicepresidente primeiro, Diego Calvo, con competencias no 112. Ou Alfonso Villares, conselleiro de Mar. Pero o presidente galego optou por poñer á fronte da crise derivada pola chegada de milleiros de pélets ás costas galegas procedentes do buque Toconao á vicepresidenta segunda e responsable de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez (Melide, 1972). Insiste en que, aínda que a Xunta non ten as competencias, está a traballar dende o primeiro día en que tivo coñecemento oficial de que un barco liberiano perdera seis colectores á altura de Viana do Castelo, que nun deles había 1.050 sacos de 25 quilos de granulado de plástico, e que eran precisamente isos que estaban chegando ás praias de Galicia.  

—Como están as praias? Non nos diga que esplendorosas

—Non. As praias están afectadas por unha vertedura. No día de hoxe [polo venres] había 55 areais de 32 concellos. En moitos deles os pélets son testemuñais, pero iso non quere dicir que non teñamos que actuar. Non é doado facer a planificación, aínda que si procuramos tela o día anterior, para que o día seguinte o dispositivoestea en cada unha delas de maneira áxil, porque tamén se está a expensas das mareas. E, ademais, respondemos a avisos, que poden chegar polo 112, polos concellos ou por Gardacostas ou os axentes medioambientais. Estase a recoller de todo, porque non podemos ter un operativo de unhas 300 persoas e adicalos só aos pélet, porque tamén son nocivos o resto dos plásticos. Así, temos recollido 1.197 quilos de este material e o equivalente a un 70,7 sacos de boliñas.

—Despois de días de batalla dialéctica, finalmente se entrou no terreo da colaboración co Goberno. Cal foi o punto de inflexión e como está sendo esa coordinación?

—Tiña que haber colaboración dende o principio. Non a houbo por falta de información. Dende o 8 de decembro nós tiñamos que ser coñecedores do que acontecera. Así poderiamos planificar mellor e informar á poboación, sobre todo, á xente do mar, que estaría máis pendente de si había sacos no mar. Alguén terá que dirimir responsabilidades, pero agora toca traballar en conxunto. Agardo que o punto de inflexión fora a reunión que mantivemos o xoves o comité executivo do Camgal (Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña de Galicia) onde convidamos ao delegado do Goberno, Pedro Blanco, e ao presidente da Fegamp, Alberto Varela. Mostraron moi boa vontade, pero é certo que hai moita información que o delegado do Goberno non tiña e imos ter que darlla nós. Non a tiña a ficha do produto, non soubo dicir que xestións fixo o Goberno español co luso, coa aseguradora, coa navieira... Vaise informar agora. Está ben porque alguén se ten que facer cargo de todo isto, do gastos que supón ter este operativo para nós, para os concellos, pero incluso para o propio Goberno de España, porque detrás de este accidente ou incidente hai un buque e unha navieira que ten un seguro e terá que facerse cargo do mesmo.

—Cal é o custe diario de ese operativo?

——Non sabería cuantificalo, porque non está pechado. Depende da evolución da vertedura e do persoal que se precise. Agora mesmo non está cuantificado porque o que hai que facer é traballar.

—E hai unha colaboración real? Se sabe cantos barcos do Estado están traballando, en que zonas?

—Pedimos coñecer o dispositivo a véspera, sobre todo para coordinarnos, pero o delegado nos dixo que non era quen de anticipalos. O lóxico sería anticipalos e que se faga de xeito coordenado co director do plan Camgal, que en este caso é o subdirector de Costas, Lino Sexto.

—Saíron os helicópteros e as lanchas da Xunta foron a buscar ao mar por si atopaban algún saco?

——O operativo da Xunta está sempre en marcha. Teñen que facer unhas horas de voo e se aproveita para facelas na zona na que pode haber pélets. Iso estase facendo, pero non quere dicir que teñamos as competencias no mar, senón que tendemos é a man para a aquel que si as ten, que é o Goberno central.

—Esta cooperación co goberno central vaise facer co delegado do Goberno, non con responsables de Mariña Mercante ou Salvamento? Houbo comunicación con eles?

—Vaise facer directamente co delegado. Así se decidiu. El vai obter toda a información e despois determinará que persoa ten esa comunicación co Camgal. No noso caso é o director do plan, como así está establecido, sempre funcionou ben, e hai que deixar traballar aos que saben.

—Ao dicir que o Goberno tiña que ter avisado o día 8 da caída dos colectores en Portugal, non lle están a pedir un exercicio de adiviñación? Teñen que avisar a Galicia de cada colector que cae, porque é unha media de 4 ao día?

—Teñen que comunicalo por seguridade marítima e porque hai unhas correntes que, en función de onde veña o vento, arrastran eses pélets para Galicia. Por tanto, ten que facerse esa comunicación, máis sabendo de que nos podía afectar a Galicia.

—Por que o presidente a elixiu a vostede? Que lle dixo cando lle encargou ser a voceira, porque hai máis conselleiros afectados?

—Porque tes cargos e tes cargas. Eu teño cargos e teño unha carga. Son a vicepresidenta segunda e son a responsable de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e como estiven á fronte da Lei de Ordenación do Litoral, pois unha cousa arrastra á outra… Bueno, estouno facendo porque é a miña obriga.

—Pediulle algo específico, o presidente?

—Que siga os criterios técnicos, que non escatime en recursos, se así son necesarios, e, por suposto, sempre co aval científico. E esa é a liña que estamos seguindo.

—Non vota de menos ao vicepresidente primeiro, que, ao fin e cabo, é o responsable do 112? Non se lle ve moito estes días?

—Ten que haber unha voz, eu levo a parte medioambiental, e aquí estamos falando dun problema de carácter medioambiental, que son os riscos que entraña ter no territorio, ter nas praias os plásticos, e este é un plástico máis, e, por suposto, que hai unha colaboración de todo o Goberno. Todo o mundo está traballando, pero acontecen máis cousas en Galicia, non só estamos no ámbito pélet.

—E non se puxo ao de Mar porque está moi verde ou hai outro motivo?

—Non, en absoluto. Aquí hai unha vertedura, hai varios colectores, o contido chega a terra… Cando elaboramos a lei de ordenación do litoral (que foi recorrida polo propio Goberno central), faciámolo por varias causas, entre elas ser aínda máis proteccionistas con o noso territorio. E aí é onde entro eu, na parte medioambiental.

—Se eu contamino, un axente da orde me multa. Vostedes din que o Goberno empeorou o vertedura ao non actuar con rapidez, non sería lóxico esixir responsabilidades pola vía xudicial?

—Aquí Galicia é a vítima, e a nosa costa é outra vítima, pero igual que tamén o é a costa asturiana ou a costa cantábrica ou incluso a vasca. E hai un responsable,que é quen perde eses containers, que neste caso son 6, dos cales parece que se abriu un. Os entendidos din que é moi complicado que se abra un container, pero tivo que acontecer, porque senón non podían saír de eses sacos, que son máis de mil de 25 quilos. E por suposto que hai unha responsabilidade, responsabilidade que pola nosa parte estamos esixindo o Goberno central: que faga todo o exercicio necesario para que sexa a propia navieira a que se faga a cargo. Pero é algo que ten que facer o propio Goberno central, primeiro porque son augas portuguesas e porque aí ten as competencias. Eu agardo que canto antes que nos des información o respecto. Onte preguntamos cales son as xestións que fixo España con Portugal, que coa navieira e o delegado díxonos que aínda non se fixo ningunha. Eu creo que vai sendo horas. Falamos do día 8 de decembro e estamos na datan na que estamos.

—A navieira non pode ser responsable da inacción do Goberno ou da ocultación. Hai unha responsabilidade gobernamental que non se entende ben por que non se pide. Por cálculo electoral? Porque hai eleccións?

—Non sabería dar resposta a esa pregunta porque eu non teño esas competencias, quen a debería estar dando é o Goberno central. E é un exercicio de responsabilidade que lle temos que pedir. Non só ao Goberno, senón a todos os grupos parlamentarios. Eu hoxe dicíallo ao BNG e ao PSOE: non entendo como se toma isto tan á lixeireza, como non hai unha maior esixencia. Dicíallo á portavoz do BNG, porque entendo que está co-gobernando en Madrid. Cando digo co-gobernando é porque critica, pero á hora de dar o voto dallo a un presidente, o presidente Sánchez, e todos deberíamos esixir a responsabilidade pertinente. Abriu dilixencias a Fiscalía; nós considerámolo positivo, porque é bo que a Fiscalía vexa que é o que aconteceu, quen é o responsable e que algo así non volva a acontecer.

—No Prestige, aparte da navieira e do capitán, o outro investigado era o director de Mariña Mercante. Non sería lóxico buscar se houbo abandono de funcións?

—Abertas as dilixencias por parte do Ministerio Fiscal dirimirá as responsabilidades necesarias. Nós agora o que lle temos que pedir é información e que non sexa a través de titulares e que non nos comuniquemos a través dos medios de comunicación. Existen outras vías e hai algo que se chama respecto institucional. Hai datos que deberíamos poñer enriba da mesa: o 5 de xaneiro, o conselleiro de Mar esíxelle ao ministro Óscar Puente que active o plan de contaminación mariña e que active o plan Ribera e a día de hoxe aínda non se nos dou contestación. É certo que hai algo no ambiente que a min non me cadra… Non sei se porque creran que non era relevante e ao final si que é relevante ou se por parte de alguén se actuou de un xeito un pouco lixeiro. Pero iso, máis pronto que tarde agardemos que alguén poña a orde necesaria e agora nós o que lle pedimos é esa sintonía que precisan os galegos e as galegas e recoller cantos máis sacos mellor no mar porque un saco son 25 quilos, pero cada quilo son moitísimas partículas. Nas últimas horas recolléronse tres, e son 75 quilos menos que temos na nosa costa. (Aínda non aparecera o cuarto que recuperou onte o Pesca 2)

—A Xunta actuou de forma áxil e coa merecida celeridade?

—Entendo que si. A actuamos no momento en que temos unha comunicación oficial de que un barco perde 6 colectores e un leva máis de mil sacos. Aí xuntámonos cos técnicos do Camgal que analizan onde está o barco, cales son as correntes, canto nos pode seguir chegando, e facémolo o día 3 de xaneiro. A partir de aí seguimos incrementando o nivel.

—Cando chegou a comunicación oficial… É preciso que lle diga o Goberno a Galicia que hai pélets nas praias para actuar? Porque cidadanía estaba dando conta do que pasaba nas redes sociais e este xornal informou do que pasaba

—Pero non tiñamos as praias cheas de pélets. Son unhas toneladas limitadas, que, sobre todo se non se recuperan os sacos, fan moito dano dende o punto de vista da ecotoxicidade. Antes do 3 de xaneiro recibíronse tres chamadas ao 112 e nesas comunicacións o que fai o 112, porque é así o protocolo, é pórse en contacto coas autoridades competentes. Neste caso, unha vertedura que ven de mar a terra, trasládaselle ao organismo pertinente, que lle quitou total importancia e non se dou ningún tipo de información, polo que en ningún momento a Xunta de Galicia tiña a dimensión de que eran mil sacos. Non é a primeira vez que chegan pélets ás praias —aínda que non en tal cantidade—, se por iso fora teríamos que ter activado o Camgal reiteradamente e iso non se pode facer. 

—Que melloraría da reacción?

—Sen dúbida, a comunicación. Simplemente cumprindo a lei e os protocolos xa se tiña que ter feito. É lóxico comunicar cando un barco perde colectores. Dende o primeiro momento tiñamos que saber que se perderan eses colectores. Pero é máis, agora mesmo estamos demandando ao Goberno que utilice o robot e que sele ese colector e en caso de que aínda teña pélets dentro…

—Un mes despois sería útil un operativo de tal dimensión? Pode prosperar? Atopar agora no medio do océano?

——É imprescindible ter a información para que nós podamos facer una planificación. Non sabemos si van seguir chegando, se non... É imprescindible ter a información, e tamén saber que pasa co alumíneo ou con esas xantas que ían noutros colectores. Dise que é imposible… Tamén tería que ser imposible que se derramase o pélet de ese colector...

—Melloraría algo se as competencias no litoral foran da Xunta? Seguen querendo telas?

—Sen dúbida, seguimos querendo ter as competencias.

—Será o momento de pedir tamén as de Salvamento Marítimo como tantas veces se reclamou no Parlamento?

—Nós, sen dúbida nós poñeríamos o operativo en marcha cos medios necesarios. Que unha comunidade autónoma como Galicia, que ten 2.500 quilómetros de costa, un sector moi potente que é o pesqueiro, con unha parte do noso PIB depende da pesca, pero tamén do turismo ligado á costa, teña as competencias supón unha seguridade para os galegos. Teriamos unha maior protección dos nosos ecosistemas e un equilibrio natural para que tamén as empresas sigan medrando se instalen e dean vida.

—Helicópteros e lanchas ten Galicia...

—Temos helicópteros, avións e lanchas, pero o que non temos son unhas competencias. A policía local non pode multar nunha autoestrada. Nós aí, non temos as competencias. Nos poñemos o carón do Goberno central, que exerza as súas competencias e todo o sistema operativo que nos temos en relación co mar por suposto que nos unimos para ser máis fortes.

—Despois do sucedido non pensa que a poboación galega sempre estará intranquila co que pasaría se viñera un barco cargado con 77.000 toneladas de fuel e tivera un accidente na costa?

—Hai riscos e hai que minimizalos. O transporte por mar ten que habelo. Isto debe facer repensar ás comunidades autónomas o que debemos de esixirlle ao Goberno central que presione a Europa para que lexisle de maneira máis férrea e que o transporte non se pode tomar tanto á lixeira.

—Por que se tardou tanto en elevar o nivel da alerta?

—En realidade non se tardou, porque nós tivemos coñecemento oficial o día 3 e aí cando nos di que hai mil sacos e entón dis, coidado con estes mil sacos, e xa a posteriori pasouse a unha fase de contratación do persoal e. O Goberno central nos esixía pasar ao nivel 2 para prestar medios. Non é real que o tivéramos que facer e pódese comprobar. Temos como exemplo Canarias, onde rapidamente se habilitou o sistema e se puxeron a disposición medios incluso por mar. Dáse a casualidade de que, aparte desa exixencia do goberno central Meteogalicia e os especialistas que temos en correntes do Intecmar nos dicían que ía haber un cambio propio destas datas e podía traer máis pélets no caso de que houbera. Entón valoramos por un lado o criterio técnico e por outro a esixencia do Goberno central, e elevar para que montaran o operativo en mar.

—Saber que eran mil sacos non era suficiente para elevar o nivel de alerta?

—Nos esquecemos de que a día de hoxe e de que fai un mes por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica temos unha ampla zona nova de protección e que hai unha obriga que nin sequera lla teríamos que pedir, que debería poñer en marcha dende día 8 ese plan de continxencia contra a contaminación marítima e o plan Ribera. Nós actuamos e fixémolo desde o minuto cero. Se temos que elevar o nivel 2 para que vostede faga o seu traballo, facémolo.

—Traballar dende o minuto cero con un... 

—Non, nós dende o día 3. Cántas chamadas recibimos de residuos que veñen de mar a terra? Unha barbaridade. A pesares de ter a calidade excelente das nosas augas, o mellor marisco, o mellor peixe, bandeiras azuis… E que son 1.500 e pódeste atopar dende troncos queimados, pneumáticos ata pequenas cousas. Non se pode activar o plan Camgal continuamente, non é posible.

—Sábese xa o que hai nas praias ou o laboratorio aínda está a ler a etiqueta?

—A min chamoume moito a atención que o delegado do Goberno nos dixera que aínda non tiña a ficha técnica. É o primeiro que ten que ter, saber que tipo de mercadoría, porque se é tóxica e perigosa sería unha neglixencia... Como non tiñamos ningún tipo de información, mandamos pélets a un laboratorio que fora dilixente para saber con que produto tratábamos. Quedamos tranquilos porque nun primeiro mostraxe di que é polietileno, plástico común, e despois están os aditivos, que non superan en ningún caso aqueles establecidos por lei. Pero queren seguir investigando e necesitan un tempo. Si que nos fixeron as conclusións que son parciais e o fundamental é que non se trata de ningún material perigoso independentemente de que todo o plástico é nocivo para o medio ambiente. Tamén lle pasamos a ficha para que viran se ía coincidindo co que eles ían facendo e si está sendo coincidente e tamén recorremos a químicos expertos nesta materia e, por suposto, estamos entregando o produto ás universidades. Pero chama atención a relaxación por parte do Goberno central. Por un lado, o ministro Planas, ao que lle agradecemos que saíra a dicir que os produtos do mar son seguros, e por outro a ministra Teresa Ribera tamén dixo que non se trataba de ningunha materia material perigoso nin tóxico, pero o día 10 de xaneiro recibimos un correo no que Consumo lle pide a Transición Ecolóxica mostras do produto e este responde que non é o responsable e o dirixe a Galicia. Por suposto que llas imos pasar, pero que tipo de entendemento é este entre dous ministerios? Eles deberían ter a ficha dende o minuto 0. Nós velamos por Galicia, polos galegos e anticipámonos a facer o traballo.

—Que lle pareceu escoitar ao patrón maior de Muxía dicindo que o Prestige foi o mellor paro biolóxico que houbo ou ao conselleiro de Mar que non pasa nada por comer plástico porque entra por onde entra e sae por onde sae?

—Houbo moitísimas declaracións ao longo de todos estes días e eu supoño que tamén son un pouco o froito do nerviosismo. Os patróns están enfadados e non me estraña. É certo que houbo moita irresponsabilidade na información. Houbo moitas noticias falsas, imaxes falsas comparando o de Sri Lanka con Galicia. Os patróns xa teñen problemas bastantes, polo prezo do peixe, polo IVE que non llo baixan, que saian esa imaxes dana. Levan moito encima. Que si Rede Natura, que non sae a lei do litoral, que chegan os pélets a Galicia…

—Como se vai organizar o traballo? Se espera unha marea de voluntarios e pode que de pélets.

—Aprobouse un protocolo para que haxa un dos voluntarios. Por un lado están o que pertencen a algunha organización, que teñen formación e saben cómo actuar nestes casos. Ese voluntariado fixo posible que recolléramos en catro anos máis de 400 toneladas de plástico nas nosas praias e mares. Cando se trata de zonas protexidas, como Corrubedo, teñen que pedir o permiso a Patrimonio Natural, porque as praias só poden ter unha carga determinada e sobre todo porque se se xunta moita xente o que fai é pisar e acaba enterrando o pélet. Despois, pedímoslle ao ministerio que formase aos voluntariosos, aos que queren axudar. Se lles vai dar un curso moi rápido para que se faga con un control porque hai que diferenciar entre as praias urbanas e entre as praias naturais e os lugares protexidos. No Parque Nacional só vai persoal propio da Xunta, coa sorte de momento de que a incidencia foi mínima.