Patrocinado porPatrocinado por

A busca de novos envases, o reto do mexillón para gañar ao consumidor que vén

Rosa Estévez
r. estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

SOMOS MAR

Durante a xornada tamén se homenaxeou a un dos fundadores do que hoxe é Opmega, Antonio Juncal. Este non asistiu ao acto (recolleu o premio a súa filla) pero enviou unha mensaxe de ánimo aos socios de Opmega: «Que sexamos menos non significa que teñamos menos razón»
Durante a xornada tamén se homenaxeou a un dos fundadores do que hoxe é Opmega, Antonio Juncal. Este non asistiu ao acto (recolleu o premio a súa filla) pero enviou unha mensaxe de ánimo aos socios de Opmega: «Que sexamos menos non significa que teñamos menos razón» Martina Miser

Os galegos seguen a preferir o mexillón fresco presentado da forma tradicional, pero noutros mercados xa o demandan pasteurizado ou en pratos preparados

17 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Un bo cubo de mexillóns de Bruxelas véndese no mercado por 145 euros, unha cantidade impensable para o mexillón galego. Por que? Esa foi a pregunta que onte formulou Carolina Najar, a directora de mercado alimentario do centro de investigación AZTI, durante a súa intervención na xornada sobre Tendencias de comercialización e consumo da Organización de Produtores de Mexillón de Galicia, Opmega. Unha posible resposta esbozábaa o presidente desta entidade, Ricardo Herbón, cando indicaba que o sector do mexillón leva moitos anos traballando e innovando no eido da produción: «Somos moi bos producindo, pero tamén temos que aprender a vender», dixo.

E para cumprir ese obxectivo, xornadas como a de onte, que arrincaron cunha mesa sobre as tendencias do mercado no que atinxe ao consumo do mexillón. O responsable de compras das peixerías de Eroski, Gorka Azkona, e o xerente de Pescamar-Grupo Gadisa, Darío Rodríguez, expuxeron o que a eles lles ten ensinado a experiencia. En Galicia, o peso da tradición fai que siga sendo maioritario consumir mexillón fresco coma sempre se fixo: compralo vivo, nunha malla, para lavado e cocelo na casa. Así o apuntaba Darío Rodríguez, quen indica que nos centros de Gadisa na nosa comunidade, o 80 % das vendas son por mostrador. Malia todo, empeza a percibirse tamén aquí un cambio que xa está consolidado noutros mercados nacionais. Segundo os datos facilitados por Gorka Azkona, no que vai de ano a facturación do grupo Eroski, no que a mexillón se refire, repártese entre un 45 % xerado por pratos preparados e pasteurizados, e un 55 % derivado do produto na presentación de toda a vida. «Simplificando mucho, hay dos tipos de cliente: el que busca precio y el que busca soluciones, formatos que, aunque sean algo más caros, permiten liberar tiempo», sinalou Azkona. Rodríguez comparte esa visión: «El consumidor que viene está demandando ese producto preparado», máis rápido, máis cómodo. Por iso, «ser competitivo también en ese ámbito, en ese segmento del mejillón envasado es fundamental. Es verdad que abre muchas posibilidades para el mejillón gallego, pero también abre puertas para el mejillón de otros orígenes, hasta ahora más lejanos», sinalou Azkona.

A busca deses novos formatos, adaptados aos tempos que corren, é un dos camiños polos que debe transitar a innovación aplicada ao mundo do mexillón, segundo indicou Carolina Najar. Ao seu xuízo, o mexillón ten moitos puntos fortes, e nese sentido citou ao biólogo Xabier Irigoien, que ten publicado un artigo sobre as propiedades organolépticas deste molusco titulado Los mejillones son los salvadores de la humanidad. Non é un mal reclamo.

Durante a sesión celebrada onte en Vilagarcía, pasaron tamén o subdirector de Acuicultura do Ministerio de Agricultura e Pesca, José Pellicer, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares.