En defensa do marisqueo a pé de Galicia
SOMOS MAR

«Explíquennos, se é posible, como é que cada vez sexamos menos xente no mar se, coma din, vivimos tan ben das axudas»
01 mar 2025 . Actualizado a las 14:10 h.Os presidentes e presidentas das agrupacións de marisqueo a pé abaixo asinantes queremos expresar o noso malestar pola mala imaxe que, do noso sector, se está a transmitir dende algúns ámbitos. Acúsasenos reiteradamente de querer vivir de axudas en vez de traballar… Compre aclarar, sobre este punto, que as prestacións por cese de actividade non son «axudas», son retribucións ás que temos dereito como calquera outro traballador autónomo. E non se nos conceden porque si: os ceses de actividade veñen precedidos por informes da Consellería do Mar e, para seren aprobados, teñen que estar motivados en causas de foza maior: baixadas de produción, riadas, toxinas… Non entendemos a mala intención de quen afirma que as mulleres e os homes dos colectivos de a pé estamos parados, a esperar tranquilamente que o marisco volva aos nosos bancos, gozando de axudas que pagamos todos e todas. Porque, malia estar en cese de actividade, seguimos facendo limpezas nas nosas autorizacións, facemos vixilancias, acondicionamos os terreos para volver sementar neles unha semente que, por certo, pagamos nós poñendo cartos dos nosos petos. Algúns chanzos da cadea Mar-Industria parecen pensar que o noso é un modelo caduco e poñen como exemplo o traballo de Parquistas de Carril.
Pois miren. Mentres a xente das agrupacións estamos indo ao mar e volvemos del sen conseguir un salario digno, a organización á que se refiren si ten aprobadas dúas axudas: unha por valor de 160.839 euros e outra de 485.321 euros, segundo se pode constatar no DOG dos días 25 de setembro de 2024 e 19 de febreiro de 2025. Esas mesmas voces nos acusan de estar a matar a galiña dos ovos de ouro; de que deixamos morrer o marisco para cobrar axudas; de que teñen que mercar as ameixas fóra… Por desgraza, non é novo que se compre marisco foráneo. E, se ben é certo que estamos no libre mercado e todo o produto ten cabida se ven legalmente, tamén o é que o que non debería ter cabida é que haxa algúns que se dediquen a traer ameixa de zonas contaminadas de Portugal e a comercialicen como marisco galego, porque iso non é legal, e iso si é matar á galiña dos ovos de ouro! Deixen de compararnos con empresas e colectivos, como o dos parquistas, que teñen as súas particularidades e que están suxeitos a unhas normas ben distintas ás nosas. Deixen de difundir calumnias sobre o sector marisqueiro, séntense a reflexionar e explíquennos, se é posible, como é que cada vez sexamos menos xente no mar se, coma din, vivimos tan ben das axudas.