Patrocinado porPatrocinado por

Porto do Son despide a José Torrado Mariño, patrón maior da Confraría San Telmo durante 15 anos

Manuel Mariño del Río

SOMOS MAR

José Torrado Mariño nunha imaxe tomada hai dous anos
José Torrado Mariño nunha imaxe tomada hai dous anos MARCOS CREO

Foi un dos maiores impulsores do sector marítimo no municipio

06 mar 2025 . Actualizado a las 20:39 h.

Deixounos José Torrado Mariño (Porto do Son, 1931) neste punto da costa onde salpicaban os salseiros, aferrado ao chicote das ondas, compartindo o salitre do mar de Terranova. Agora fica en lugar seguro, aboiado coma un bourel no axexo, esculpindo os baixos de Baia coa mestría dun ourive na procura de pintos e maragotas pescados con liña. Que lonxe aquel tempo que compartía con nós longas conversas sobre barcos, aparellos e as agullas de madeira de buxo para atar redes coas que cosían as feridas que o mar deixaba nos panos. Porque hai xente que vivindo unha vida soa, nos fai vivir varias aos demais coas súas vivencias.

Podemos dicir con férrea convicción que Torrado é parte da historia marítima de Galiza. El, que aprendeu a ir ao mar case antes de aprender a andar, de estirpe de vellos navegantes movíase polos portos coñecidos como só a xente de mar o sabe facer, case a escuras. Experto sacador de espiñas de bacallaus en Terranova, enrolouse para ver se era certo aquilo que se dicía, que un non é home de mar ata que vai a Terre Neuve.

Logo xa en terra, pero sempre cun pé sobre o líquido elemento, foi patrón maior da Confraría San Telmo de Porto do Son dende 1981 ata 1995, período no que este porto viviu un dos seus maiores florecementos a nivel de infraestruturas e loitas: un depósito de combustible, ampliación do molle, cambio de ubicación da lonxa e a construción dun dique.

A buguina da igrexa con badaladas lastimeiras anunciou a saudade da derrota cando é imposible poñerlle a proa ao abeiro do peirao, lembrando os sinais que deixaron na pel as profundas cicatrices da vida no mar. Nalgún lugar da ría fican esparexidas as súas bágoas. Deixounos o ronsel da vida para que herdemos a súa bonhomía e o seu amor ao profundo azul. Foise o patrón, o sonense orgulloso, o loitador incansable polo seu pobo e pola vida mariñeira. Marcha tamén o vicepresidente entusiasta da Confraría da Paixón do Noso Señor, o membro do coro masculino Aturuxos da Atalaia e do coro parroquial de San Vicente de Noal.

Marcha José Torrado Mariño un home bo, cabal, xeneroso e de carácter. Nalgún lugar deste océano ficarán as súas bágoas e as dos que o botaremos en falta.

Os restos mortais de José Torrado Mariño están sendo velados no tanatorio de Porto do Son de onde partirán mañá venres, ás 10.45 horas, cara a iglesia parroquial de San Vicente de Noal, onde se celebrará o funeral e logo será enterrado no cemiterio municipal.