Patrocinado porPatrocinado por

A Consellería do Mar inviste 186.000 euros na sementeira de ameixa babosa e xaponesa no concello do Grove

La Voz O GROVE / LA VOZ

SOMOS MAR

cedida

A directora de Desenvolvemento Pesqueiro mantivo unha reunión de traballo coa patrona maior

27 jul 2025 . Actualizado a las 10:11 h.

Nun encontro de traballo entre a directora de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángela Suárez e a patrona maior da confraría do Grove, María Besada, analizáronse as necesidades do sector e estudouse o desenvolvemento de novas iniciativas. No encontro tamén estaba presente a delegada territorial da consellería en Vigo, Elena Suárez, que puxo en valor o proxecto de rexeneración das zonas produtivas.

A este campo destináronse case 186.000 euros. e dentro do proxecto levouse a cabo a remoción do substrato nunha superficie de 6.500 metros cadrados. A maiores realizouse a sementeira de ameixa babosa en puntos como o banco de Vía Norte, onde se sementaron 3,5 millóns de bivalvos; o banco de Correlo, con 2,4 millóns de ameixa postas ou Meloxo II con 1,5 millóns de unidades. A maiores tamén se sementaron 350.000 unidades de ameixa xaponesa no banco de Lombo das Ostras.

Ángeles Suárez destacou a importancia do traballo de vixilancia e de asistencia técnica das zonas produtivas, labores ás que a Consellería do Mar destinou máis de 163.000 euros. A maiores, a confraría do Grove colaborou coa Xunta de Galicia na realización do curso de formación ForMar, no desenvolvemento do proxecto Mar sen lixo III e na retirada de algas.

Neste último campo realizouse un convenio coa empresa pública Seaga, cun valor de 47.000 euros, no que se procedeu á retirada de algas dos bancos marisqueiros de a frote e restauráronse os bancos marisqueiros de Meloxo, Vía Norte e Correlo.

Este ano a confraría do Grove recibe unha axuda autonómica para a mellora de infraestruturas portuarias onde se desenvolverán tres proxectos por valor de 340.000 euros entre os que se prevé a adquisición dunha plataforma remolcable con grúa para facilitar o movemento de cargas dende os barcos ao porto. Tamén se modernizará o sistema de pesaxe de bivalvos e realizaranse melloras na lonxa coa instalación dun tellado desmontable sobre o dispensador de xeo, xunto coa colocación de estantes e armarios nos almacéns e a renovación de puntos de luz, entre outras obras.