Diego Pereiro, biólogo mariño emigrado en Irlanda: «Embarcado non tes que pensar nas preocupacións que tes en terra»
SOMOS MAR
Este home de Cornazo leva seis anos traballando no Marine Institute de Irlanda, en Galway
08 nov 2025 . Actualizado a las 20:28 h.Para o que coñece a Diego Pereiro faise raro imaxinalo a bordo dun navío rodeado de aguerridos mariñeiros. A súa amabilidade e humildade contrastan co carácter que un ten que desenvolver para plantar cara ás inclemencias do océano, pero a súa dilixencia fan del un grumete fiable. Diego non é pescador, nin mariñeiro. Natural de Cornazo, medrou máis preto das pitas que dos anzois. Pero iso non impediu que se formase como biólogo mariño, un campo do que sempre que ten oportunidade fala con paixón e co pouso de quen, sen ánimo de presumilos, posúe amplos coñecementos.
Un brillante percorrido académico permitiulle dar o paso, ao pouco de rematar a carreira, de facer a súa tese doutoral na mesma Universidade de Vigo na que estudou Ciencias do Mar. Un período durante o cal participou en dúas ocasións nas proxeccións pesqueiras do Instituto Español de Oceanografía que percorren as augas atlánticas dende o Miño ata o Bidasoa. A bordo do Miguel Oliver, Diego tivo a súa primeira experiencia real en mar —na carreira so fixeron un par de saídas curtas pola ría—, xunto con outros vinte especialistas e a tripulación, profesionais ben curtidos que, iso si, atesouraban estar traballando nun navío científico: «Estaban contentos, tiñan unha vida moito máis agradable que nun pesqueiro, sen tantas esixencias». Boa proba disto é o tempo libre do que gozaban: «Alí tiñamos ximnasio e espazo de ocio, lembro unha vez que botamos tódolos tripulantes un torneo de futbolín. É moi difícil xogar co vaivén da marea».
O seu traballo consistía na toma de mostras co fin de analizar o estado da fauna: talla media, madurez sexual, presenza de ovos... Datos que poden servir para xestionar e controlar as capturas. De paso, tomaban tamén mostras de auga mariña coas que medir a súa temperatura e salinidade ou a presenza de plancto —indicador da abundancia dos mares—, máis próximo ás tarefas que acabaría facendo anos despois no seu traballo.
A soidade e illamento propios da alta mar non supuxeron un problema para el: «Como son introvertido, non o levo mal». Se cadra por ese carácter, Diego non tomou a iniciativa de afastarse da casa ata os estudos de posgrao: «Nunca me animara a un Erasmus, nin nada polo estilo. Así que cando chegou o momento da estancia no estranxeiro decidín marchar lonxe». E tan lonxe. Tres meses pasou en China, traballando para a Universidade do Océano do país, analizando o papel que os remuíños mariños teñen no afloramento de lixo á superficie.
O que Diego non sabía é que todos estes pasos ían encamiñándoo ao Marine Institute de Irlanda. En 2019, a un paso de rematar a súa tese e sen o seu futuro moi claro, chegoulle por medio dun colega de profesión a noticia dunha vacante nesta institución, á que decidiu presentarse. Dende entón, estuda o Atlántico do outro lado do Canal da Mancha e traballa e reside, coma moitos outros españois, en Galway: «É unha cidade moi cosmopolita, vive moita xente de Italia, Francia, a India...».
O Marine Institute é unha institución na que traballan uns 200 investigadores, entre eles, tres galegos. Boa parte da súa labor dedícase á predición do estado do mar. Tamén Diego, que se encarga da manutención dos modelos operacionais que tratan de predicir a presenza de fitoplancto nas augas irlandesas durante a próxima década. De cando en cando aínda sae ao mar a facer medicións, pero con menos frecuencia que cando estaba en Galicia. Esta liña de investigación emprégase en Irlanda para apoiar a acuicultura, unha disciplina tan asentada como na nosa comunidade. Tamén alí son de marisco —mexillóns e ostras—, aínda que non tanto coma nesta beira do Atlántico.
Tan similares na forma, tan distintos no fondo. Galway, con algo máis de 90.000 habitantes, é a cuarta cidade máis grande de Irlanda. A maioría delas —Dublin, Cork, Limerick—, a pesar de estar na costa, levantáronse a unha prudente distancia das inclemencias oceánicas. Non é habitual atopar paseos marítimos: «Parece que construíron as vilas con medo ou respecto ao mar. O centro das cidades costeiras afástanse cara o interior, o de Galway está a dous quilómetros e debe ser o que está máis preto». Outra particularidade desta cidade é o seu porto. Bañado polas augas da baía que leva o mesmo nome que a urbe, ten tan pouco calado que conta cunhas comportas que deben pecharse cando baixa a marea para que os barcos non encallen. A ría de Arousa, a máis grande das galegas, apenas pode rivalizar en tamaño con esta baía. Para chegar ao seu posto de traballo, Diego ten que rodear parte da mesma. A pesar da distancia, faino a pé ou en bicicleta sempre que pode —nada novo para quen un día pedaleou a distancia que separa Vigo de Vilagarcía so para visitar aos seus amigos de toda a vida—. Sen embargo, o tempo non adoita poñer da súa parte: «Aquí vai máis frío. A xente sorpréndese ao descubrir que en Galicia chove máis que en Irlanda. E en cantidade, é certo, pero aquí chove máis días, poalla case sempre. E se non é iso, temos néboa».
A pesar de estar ben integrado na vida da vila, recoñécese nel un desexo irrefreable de regresar a Galicia, de volver estar preto dos seus familiares, que agora residen en Vigo, e dos seus amigos. Tamén de poder recuperar unha das súas paixóns: o xadrez. Mentres en Vilagarcía quedáballe sempre a man, en Irlanda debe percorrer o país e desprazarse ata Dublin para poder disputar competicións. «Hai oportunidades. Hai convocatorias públicas, para o Instituto Oceanográfico, para o CSIC, nas universidades... Se non atopei antes foi quizais por desidia. Tamén é certo que hai máis competencia e que os contratos son de curta duración. Pero iso non me importa se podo estar máis preto dos meus», expón co seu habitual optimismo. A ría de Arousa estalle agardando. Non será tan grande coma a baía de Galway, pero si máis acolledora.