Patrocinado porPatrocinado por

10-10-2025; non se sirve máis xeo. Fin dun preciado símbolo portuario de Burela

Herminia Pernas Oroza CRONISTA OFICIAL DE BURELA

PESCA Y MARISQUEO

M. Cuadrado

13 oct 2025 . Actualizado a las 19:49 h.

Hai uns días comuniquei por WhatsApp cun amigo para contarlle unha novidade. Non estamos xa en idade de wasapear, pero como a noticia era informal, aforrei tempo facéndoo así. Diante dun café conteille de que se trataba; acababa de mercar un coche novo. Porén, o seu entusiasmo non foi o que eu agardaba. Explicoume que, ao mesmo tempo que o meu wasap, recibira outro cuxo contido deixaba entrever algo moi formal e que, desde logo, non debería transmitirse por esa aplicación. Case de xeito fortuíto, soubo que quedara sen traballo por cese de actividade.

O asunto do coche pasou a un segundo plano. A medida que me relataba como se desencadearan os feitos, veu á miña cabeza aquela película de Clooney titulada «Up in the air», onde interpretaba un consultor de despedimentos especializado en minimizar o impacto emocional dos traballadores. Evidentemente, os xefes do meu amigo non viron esa película. E, se pasamos do cinema á música, tamén podería acompañar o momento a letra dun coñecido tema de Amaral: «Carlos me contó que a su hermana Isabel la echaron del trabajo sin saber por qué, no le dieron ni las gracias…».

Ao meu amigo chegoulle antes a indemnización que a explicación, na que tampouco lle deron as grazas. Non daba creto. Tan inaudito me pareceu como que un 10 de outubro de 2025 pechase a fábrica de xeo de Burela, xusto cando estaba a piques de cumprir 60 anos (a concesión das obras produciuse outro 10 de outubro pero de 1968). O método de despedimento dos tres traballadores non foi o axeitado, pero seica non era ningún segredo que a prestación deste servizo resultaba deficitaria pola diminución das vendas.

Estamos ante o final dunha etapa e o comezo doutra na que, por desgraza, as funcións tradicionais dunha confraría de pescadores xa non están tan claras. Non por falta de motivación dos seus representantes, senón porque hai tempo que veñen soprando ventos modernos que, como furacáns, ameazan con desmantelar estas centenarias institucións.

No que ao noso porto se refire, hoxe hai menos frota, e esta pode faenar menos tempo. A confraría, desde a creación de ABSA, deixou de xestionar a venda das capturas; e agora, tampouco subministra xeo. Significa isto unha conta atrás para a súa propia supervivencia? Está claro que, sen os fondos que tiña antano, non pode continuar co labor filantrópico que viña desenvolvendo en prol da vila e, sobre todo, da xente mariñeira. Terá que reformularse un cambio nas súas funcións, porque as que figuran nos estatutos semellan quedar xa obsoletas.

A construción

Facendo unha lectura retrospectiva, atopamos que a fábrica de xeo foi construída nunha parcela de 235 metros cadrados cedida polo Ministerio de Obras Públicas. Baixo a presidencia de Modesto García González iniciáronse as obras, que quedarían totalmente rematadas en 1972. Nese mesmo ano, o novo patrón maior, José García Fra, afirmaba que o custo da instalación fora de 23 millóns de pesetas, mentres que o volume de produción, a pleno rendemento, acadaba as 73 toneladas cada 24 horas. Sinalaba tamén que a súa construción viría solucionar os «crebacabezas» da frota pesqueira, obrigada a permanecer inactiva por falta de subministro nos períodos de maior consumo. Ademais, subliñaba que a nova fábrica suporía un aforro considerable, ao evitar ter que importar o xeo desde portos asturianos ou desde A Coruña.

Posteriormente, as instalacións foron ampliándose dentro do papel dinamizador que por entón desempeñaba a Confraría. A primeira ampliación tivo lugar en 1986 e a segunda, en 1991. Xa o 20 de maio de 2005, o daquela conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, inauguraba as novas dependencias, reformadas e modernizadas, cun investimento de 915.156 euros. Nove anos máis tarde (2014) foi necesario subir o prezo da tonelada de xeo para, segundo o patrón maior e o cabildo, «adaptar gastos a ingresos». Naquel ano, o 80 % dos ingresos do Pósito procedían da fábrica de xeo; pero ao diminuír o consumo, os gastos de funcionamento e mantemento intensificáronse. Porén, o subministro de xeo é fundamental para as frotas de altura e grande altura, e para seguir ofrecéndoo, a confraría decidiu incrementar a tarifa. Catorce anos máis tarde, por motivos económicos, decide prescindir deste servizo.

Que lles agardará aos portiños pequenos cando o noso porto, tan relevante, chegou a esta situación? Xa o di o refrán: cando as barbas do teu veciño vexas cortar...