Carme Adán: «A vida é tempo. Pararse a pensar ou a pasear pola praia tamén é filosofía»

VIGO

Dez anos despois de retirarse da política, a catedrática de Filosofía e ex deputada do BNG segue a mudar o mundo dende as aulas. «No cargo vas moi rápido. Tralas campañas, eu precisaba volver aos clásicos, a Séneca»
25 may 2025 . Actualizado a las 03:18 h.«Ás veces boto de menos a política, é ingrata pero dáche moito contacto coa xente». Carme Adán (San Sebastián, 1966) posa para a foto na ladeira do Castro de Vigo ao lado dunha das súas esculturas favoritas. Onde a maioría ve unha traballadora do Mar cunha cesta de peixe, ela imaxina a unha muller que leva o mundo na cabeza. «Entrei en política polo feminismo», aclara quen foi secretaria xeral de Igualdade do Bipartito e suma dez anos fora da política activa, os mesmos que exerceu como deputada autonómica no Hórreo.
A catedrática de Filosofía combina as clases no Instituto Politécnico de Vigo coa labor de documentación no Consello da Cultura, no departamento de Igualdade e Feminismo. Vén de despedir a un compañeiro, o profesor de Filosofía Daniel Rosende, que faleceu hai uns días e que era un firme defensor da utilidade do saber de saberes; a arte de saber pensar require dunha reflexión extinta nestes tempos. «Necesitamos tempo de calidade para pensar. A vida é tempo. A nosa xeración nos educaron para traballar, pero vivimos como si o Paraíso estivera noutro sitio, ‘noutra esquina’ como Flora Tristán escrita por Vargas Llosa».
Igual que a filósofa Tristán, considerada a primeira gran feminista e socialista, Adán reivindica o tempo como primeira necesidade nunha sociedade ensimesmada no individual e no produtivo. «Pararse a pensar, ou camiñar pola praia tamén é filosofía». Claro que o saber que Adán imparte nas súas aulas é algo máis complexo, non por iso, menos útil. «A filosofía é tan necesaria como na Grecia clásica, seguimos tendo os mesmos interrogantes. E tampouco é pensar como Rodin, é debater con outro. A filosofía naceu na polis, é construír conxuntamente».
Solución para os males presentes? Non, explica, pero si «axuda a entendelos». «Nos preguntamos por que os rapaces queren solucións tan rápidas para todo. Vivimos no hedonismo», en referencia á corrente que se basea na procura do pracer como ben supremo. «Di Nancy Fraser que vivimos sen instrucións, é certo, hai moita depresión. Non hai solución na filosofía, pero temos que entender que hai unha sociedade que nos demanda máis do que temos, moi monetarizada, na que se non che vai ben parece que é culpa túa, iso de ‘se queres, podes’. Pois non, igual non podes porque os condicionantes non cho permiten. Agora está de moda o estoicismo, ou Spinoza, manexarnos co que temos, co que existe porque hai moitas cousas que non van depender de ti», explica tratando de dar contexto histórico a moitas das inquedanzas deste tempo.
Activista na incorporación de máis filosofía nas aulas, bota de menos tamén como docente as leccións da lóxica, «practicamente desapareceu dos plans de estudio actuais. Hai que ensinar aos rapaces a razoar, e o que é unha falacia», lamenta. Nas aulas hai outros desafíos, como o tecnolóxico: «Estamos fascinados pola intelixencia artificial, claro que terá máis capacidade que nós, pero non nos fascinan outras intelixencias, como as animais, ou o mundo vivo». Outros dos grandes desafíos é a igualdade e como o machismo se volve reproducir nas xeracións máis novas. Para unha filósofa que leva escrito varios libros sobre a construción do pensamento sobre a perspectiva feminista e os feminicidios, comprender estas realidades sociais é un reto. «Como modificamos a estrutura da sociedade baseada na discriminación? Penso que é un traballo non só nas aulas, ten que educar a tribo. Cando hai un problema, fálase de crear unha materia, pero Aristóteles xa dicía que as virtudes non se educan, exércense».
«Entrei no BNG sen avais»
Adoraba as matemáticas e fíxose filósofa, logo profe e, despois, política. Filla dunha familia de emigrantes de Lalín no País Vasco, Carmen Adán foi unha boa estudante, preocupada polas bolsas que precisaba para acceder á universidade. Licenciouse en Santiago e, a principios dos anos 90, comezou a impartir clase en Redondela. Foi aí onde se iniciou na política. «Cando empecei no instituto, como xa era feminista e consideraba que as mulleres tiñamos que estar aí activas, un día fun pedir a alta no Bloque e me di quen estaba alí: ‘Quen te avala?’. Dixen: ‘Ninguén, non coñezo a ninguén’. Logo fixen amigos no instituto e empecei a ir ás asembleas. As miñas referencias eran Ana Gandón, Olaia Fernández Davila, tamén Encarna Otero e Pilar García Negro».
Hoxe, dez anos despois de deixar a política autonómica, participa no Consello Local e desfruta vendo como van tomando o mando novas xeracións. «Non somos políticos de profesión. Cando estaba en política lía moito menos. No cargo, as prioridades son difíciles porque vas moi rápido. Tralas campañas, eu precisaba voltar aos clásicos, a Séneca, e reflexionar. Non é que agora o mundo sexa complexo, é que a humanidade sempre viviu un mundo complexo».
A súa canción favorita
«Cedeira», de Guadi Galego. «Vivimos un momento estupendo na música galega. Guadi Galego é unha cantante magnífica e unha muller estupenda e xenerosa. Neste tema fai unha homenaxe á importancia de compartir con amigas un paseo pola praia no final do verán, desfrutar da música, da arte, a cultura...».