Eva Iglesias: «Na vida vou ser capaz de facer un sketch sen que me dea a risa»

YES

CEDIDA

Cada semana consegue con Roberto Vilar e Touriñán que choremos da risa. Empezou cantando na orquestra Marbella e ese contacto coa xente deulle «táboas» para o directo. O personaxe de Concha leva toda a vida dentro dela: «Así imitaba a miña nai»

21 abr 2018 . Actualizado a las 17:20 h.

Eva Iglesias (Rianxo, 1987) non necesita moita presentación porque a estas alturas todos os espectadores saben que forma parte dese trío mítico -con Xosé Touriñán e Roberto Vilar- que cada semana nos fai rir en Land Rober. Está tan afeita ao seu personaxe de Concha que xa responde por ese nome cando a chaman pola rúa, un papel que iniciou por casualidade, como a súa aparición na televisión. Un día Vilar chamouna para cantar, outro deulle unha frase nun sketch e así, pouco a pouco, foi prendendo no público. «Roberto di que teño algo especial, pero aínda non me dixo o que», bromea. Talvez sexa ese sorriso enorme e a súa naturalidade para escachar a rir polas improvisacións constantes dos seus colegas.

 

 

-Provocades a risa cada semana e non é nada fácil. Ensaiades moito?

-En realidade quedamos o xoves pola mañá e botamos todo o día ensaiando, paramos para comer e iso, pero soamente o xoves.

 

?-Neses ensaios hai momentos en que teredes que parar por tanta risa.

-Eu creo que o meu de non aguantar a risa xa se está convertendo nun problema, pero en fin. Nos ensaios dáme a risa, pero logo tanto Touriñán como Roberto Vilar cando chegamos ao directo sempre fan algo que non estaba ensaiado, entón é imposible que non me dea a risa.

 

-Eles improvisan sempre, non?

-Si, si. Eu intento cinguirme sempre ao guión, pero na maioría das veces é imposible.

 

-Ti empezaches cantando, como foi ese paso cara a actriz?

- Foi unha historia un pouco rara, empecei cantando, botei dez anos nas orquestras, e un día de casualidade chamáronme de Land Rober a min e mais a unha compañeira para unha actuación. Fomos cantar, repetimos nalgún programa, e un día metéronme nun sketch para dicir unha frase; outro día outra vez, e así pouco a pouco.

 

-Non te puxeches nerviosa?

-Eu xa nacín nerviosa, eh? Sempre estou nerviosa, pero o que me di sempre Roberto Vilar é que hai algo de min que atrapa. El di que teño algo, que eu aínda non sei o que é, pero espero que algún día mo diga.

 

-Esa forma de rir...

-Si, si, tan contaxiosa.

 

-Para ti, cal foi o mellor momento da historia de «Land Rober»?

-Creo que para min é evidente que o mellor foi a reportaxe da miña voda, foi unha cousa súper bonita da que me lembrarei toda a vida.

 

-Ese momento en que che piden matrimonio como en «Love Actually» pasando os carteis...

-A ver, o matrimonio xa mo pedira [ri], iso foi unha declaración. Foi espectacular, na vida imaxinei que Roberto, o meu marido hoxe, fose capaz de facer iso na televisión, pero cando o vin saír quedei tola, e esas cousas son as que consegue este programa.

 

-Respecto aos sketchs hai algún que ti dixeras: ‘Isto é insuperable’?

-Pásame con todos os sketches de Xubilados polo Mundo, eu sei que na vida vou ser capaz de facer un sketch sen que me dea a risa, é co que máis me parto normalmente.

 

-A xente chámate «Concha» pola rúa, non?

-Si, si, si. Eu agora mesmo xa entendo tanto por Eva como por Concha. Se me chaman Concha, vírome.

 

-De onde che vén esa vis cómica?

-Non teño nin idea, din que meu pai era algo pallaso, pero non hai ninguén na miña familia que sexa cómico [ri]; en principio creo que son eu a primeira.

 

-Baséaste en alguén á hora de interpretar a esa Concha?

-A ver, o personaxe de Concha eu creo que toda a vida estivo dentro de min, porque cando eu falaba coas miñas amigas e imitabamos a miña nai cando nos berraba eu xa a imitaba así. Un día escribiron un sketch e había dous personaxes que se chamaban Concha e Manolo e non falaban así nin nada, pero coa parvada Touriñán e mais eu empezamos a falar dese modo e así quedou. A partir de aí xa foi crecendo; de feito, no primeiro sketch nin Concha se chamaba, creo que era Rosa. Despois sempre foi Concha.

 

-O sketch con David Perdomo, o de McDowells, foi o máis votado polos espectadores, elixido o mellor de todos. Que máis é o que te sorprende aínda hoxe dos teus compañeiros?

-Eu é que estou con dous cracs da televisión, a súa forma de improvisar, a forma de saír das cousas, ao mellor esquecen o guión e sempre saben como facer. Eu ata aí aínda non cheguei, sen o guión xa me bloqueo. Pero tanto Roberto, como Touriñán, como Perdomo son tres monstros e aprendo moitísimas cousas.

 

-Touriñán fóra da pantalla di del mesmo que «é un toxo».

-É verdade, si, si. Fóra de cámaras, é unha persoa súper tímida, parada, e despois non sei, poslle diante unha cámara e convértese no que se converte.

 

-Ti tamén participaches nalgunhas series, fixeches «Augasquentes», estás en «Viradeira», como foi esa experiencia?

-Ben, foi distinta, porque sempre fixen de actriz de sketchs, pero moi ben, foi moi bonita, a min gustaríame seguir traballando nisto e ampliar a miña faceta como intérprete por suposto, e aprender máis.

 

-Roberto acaba de fichar por unha tele nacional. Ti que pensas, terá o mesmo éxito?

-Eu alégrome moito por el, por esa oportunidade, que a merece. Nós seguimos aquí, no programa Land Rober, que segue. Eu creo que é perfectamente asumible porque el é un crac aquí e en Hong Kong, meréceo como persoa e como profesional.

 

-Que é o que aprendiches máis del? O que che resulta máis complicado?

-Aprendín todo, eu viña de cero, nunca fixera de actriz nin de nada, todo o que estou facendo e fixen aprendino del e de Touri. Para min o máis complicado é facer de min mesma, se me daban un personaxe facíao, pero cando me mandan saír de Eva custáme moito, dáme vergonza.

 

-Dás o aspecto dunha persoa graciosa e espontánea, ou pásache como a Touri?

-Non, non. Eu son súper espontánea e de tímida teño pouco. De feito, sempre fun no grupo de amigas a que pintaba a mona. E na orquestra igual, non son coma Touri, eu creo que son igual a cando me poño diante dunha cámara.

 

-Esa experiencia na orquestra tivo que darche moitas «táboas» de cara ao público. Botas algo de menos dese tempo?

-Si, si. Estás exposta ao público e dáche moita experiencia, claro, pero a vida dunha orquestra é moi dura, e bonita á vez, pero son moitos quilómetros, no verán case non ves á familia. E ao final os compañeiros convértense na túa familia. E agora, que queres que che diga, estou mellor. Si que boto de menos o escenario e cantar. Eu son cantante e de cando en vez vou ao Luar, chámanme dalgúns sitios e fago algunhas actuacións.

 

-Quen che gusta? De quen es fan?

-A min gústame moito Isabel Pantoja, non sei se porque na orquestra cantaba as súas cancións, e vía tantos vídeos en YouTube que me acabou enganchando como artista. Encántame tamén Pasión Vega e todo ese estilo.

 

-Polo «Land Rober» pasou moitísima xente, desde Julio Iglesias, Feijoo, Maxi Iglesias... Tes o recordo especial de alguén?

-Teño varios. Eu a Julio Iglesias non o coñecín, foi só Roberto, pero sorprendéronme moitos e teño relación con algúns: Elena Furiase, a filla de Lolita; Kiko Rivera... De feito os meus compañeiros de Land Rober pola voda regaláronme un concerto de Isabel Pantoja en Sevilla, e falara con Kiko para ver se podía estar con súa nai e foi supermajo. Moi ben, teño moi bo recordo. Ao final, non me puido presentar a Isabel, pero foi encantador.

 

-Ti que dirías que é o que lle fai máis graza á xente?

-Cando a nós mesmos nos dá a risa, cando sae a improvisación, cando pasa algo, cando se comete un fallo a xente pásao mellor. Cando a mesa do cruceiro rompe e cae, por exemplo... [ri] Porque a xente ve que é todo natural e moi espontáneo.