Xesús Mazaira en 'De 0 a 100': «En 2017 Airas Moniz estivo a piques de pechar pero a confianza nos nosos queixos fainos hoxe máis fortes»

O administrador e responsable de vendas da queixería Airas Moniz de Chantada compartiu cos alumnos do IES Lama das Quendas da vila lucense as claves de éxito da súa empresa no programa que La Voz realiza en colaboración coa Consellería de Educación e que achega exemplos de emprendemento a centros de secundaria de toda Galicia. Xunto co seu amigo Ricardo, fillo de gandeiros, e as mulleres de ámbolos dous, quixeron en 2011 emprender un proxecto de valorización do rural: «Non entendemos Galicia sen vacas e queriamos posicionar os nosos queixos con orgullo para competir cos mellores do mundo». Centráronse en ofrecer un produto distintivo e para iso sabían que tiñan que formarse. O prestixioso mestre queixeiro José Luis Martín deulles algúns consellos e eles apostaron por ofrecer queixos de pastoreo con leite cru, pasando da gandería intensiva á extensiva e substituíndo as tradicionais frisoas por vacas de raza jersey. En 2017 materialízase o proxecto, que case morre de éxito aos poucos meses, despois de acadar a medalla de bronce no Salón Gourmet de Madrid: «perdemos o control da maduración dos queixos e tivemos que tirar todos os que tiñamos nas cámaras». Esa experiencia fixo a esta empresa con nome de trobador medieval máis forte: «ofrecemos un produto gourmet capaz de competir internacionalmente e que conquistou o padal de cociñeiros con estrela Michelin». Cada ano 25.000 kilos do seu queixo azul 'Savel' e 6.000 do de pasta branda 'Terra' son comercializados e xa están preto dos 30 premios acadados polo seu sabor.

06 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.