Juan José López Escobar en «De 0 a 100»: «Non somos conscientes de todos os datos que facilitamos co noso móbil»

O enxeñeiro de telecomunicacións de atlanTTic, da Universidade de Vigo, incidiu no programa de La Voz en colaboración coa Consellería de Educación, na importancia dun uso responsable do noso «perfil dixital», imprescindible en todo caso para ter unha boa experiencia coma usuarios de internet. Aos alumnos de bacharelato do IES República Oriental do Uruguay de Vigo, este investigador explicoulles aspectos relacionados coa chamada internet das cousas (IoT) e as redes 5G e 6G. A primeira consiste na relación entre diferentes dispositivos electrónicos coa rede, facilitando unha relación personalizada con eles. «Un altavoz intelixente, o noso ordenador portátil, o do traballo e o móbil forman un todo, por iso dicimos a veces que "o móbil nos escoita"». López Escobar lembrou que iso non é exactamente así, e que sucede polos permisos que como usuarios outorgamos a aplicacións que empregamos a cotío, como por exemplo facilitando datos relativos á nosa ubicación e ás veces mesmo proporcionando acceso á cámara. «Cómpre ir moitas veces a axustes e ser precisos neste sentido, unha aplicación que serve para informar do tempo, non debería ter acceso ao micrófono, por exemplo», aconsellou aos rapaces. 
Como membro de atlanTTic, Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, axudou a debuxar o futuro das conexións inalámbricas. Destacou as smart cities, a transformación dixital das cidades, que mediante sensores conectados entre sí facilitando datos sobre tráfico ou calidade do aire, poden mellorar a calidade de vida dos veciños. Sen esquecer que nuns anos esta circunstancia ou a crecente presenza dos coches autónomos suporán ter que incrementar o ancho de banda das conexións, nas que cada vez hai máis datos. Se actualmente o 5G chega a 1 Gigabyte por segundo, «o 6G multiplicará esa cifra por 10».

17 oct 2024 . Actualizado a las 12:59 h.