Ibuprofeno dá os últimos retoques no auditorio de Catoira á obra «Reconversión»

La Voz CATOIRA / LA VOZ

CATOIRA

MARTINA MISER

A compañía ofrecerá este domingo unha preestrea no concello viquingo, de balde para os seus veciños

30 ene 2025 . Actualizado a las 15:33 h.

O vindeiro domingo, o auditorio de Catoira acollerá a preestrea da obra Reconversión, de Ibuprofeno Teatro. A compañía leva semanas traballando no escenario viquingo, que foi a súa base de operacións durante a posta a punto da montaxe, estreando así a residencia artística na que o Concello de Catoira quere converter o seu auditorio. Onte mesmo, a equipa de Ibuprofeno Teatro seguía a traballar no auditorio, afinando todo para a hora de atoparse co público.

Reconversión é unha peza que oscila «entre o íntimo e o político». A obra foi escrita e está a ser dirixida por Santiago Cortegoso, e supón un exercicio de memoria histórica arredor da reconversión no sector naval na Ría de Vigo. Céntrase na peripecia vital do pai do autor, que traballou no estaleiro Ascón durante 30 anos. Nesa figura sintetízanse as vivencias de toda unha xeración, que sufriu o paro e viviu as mobilizacións dos anos 70 e 80 do século pasado.

A peza inicia en Catoira a súa andaina polos escenarios cunha preestrea o domingo en Catoira da que o Concello está máis que orgulloso. Neste caso, será unha representación de balde para toda a veciñanza, con entrada libre ata completar cabida. O espectáculo arrincará ás sete da tarde.