Xesús Alonso Montero, o home dos mil rexistros intelectuais

Celia Riande García
C.Riande RIBEIRA

BARBANZA

Xesús Alonso Montero recollerá o premio Barbantia da Cultura Galega no Pazo de Goiáns, en Boiro.
Xesús Alonso Montero recollerá o premio Barbantia da Cultura Galega no Pazo de Goiáns, en Boiro. XOAN CARLOS GIL

O académico recibiu o sereo da Cultura Galega pola relevancia da súa figura

11 dic 2022 . Actualizado a las 10:44 h.

Xesús Alonso Montero non precisa de presentación. É catedrático emérito da literatura galega, membro do Consello da Cultura Galega e foi presidente da Real Academia Galega entre 2013 e 2017. Os galardóns e recoñecementos que recibiu ao longo da súa vida son incontables, entre os que figuran o Premio Laxeiro 2023 ou o seu propio documental, realizado por Xan Leira: Cidadán Alonso Montero, o señor das palabras.

O seu labor como académico, pedagogo, e figura destacada en tantos rexistros intelectuais, creativos e persoais, vén de ser recoñecido polos premios Barbantia: Xesús Alonso Montero recolleu o sereo que corresponde ao premio da Cultura Galega no Pazo de Goiáns, en Boiro.

Malia a cantidade de merecidos recoñecementos que o vigués leva recollidos na súa vida, o certo é que segue recibindo este tipo de novas con sorpresa. «Tratándose dun premio local, ten unha especial emoción. Hai xente detrás poñendo moito esforzo para levar adiante un traballo cultural e acordáronse dun home neofalante de 94 anos», conta o catedrático entre risos.

Aínda que Xesús Alonso Montero continúe denominándose como neofalante, o certo é que o seu labor para a cultura e lingua galega é tan relevante que, na súa aldea, Ventosela, conta cunha placa conmemorativa na casa onde comezou a falar a súa lingua. Unha lingua que, como sinala o académico, continúa a estar nunha situación desfavorable: «Hai excepcións, pero a maioría da xente que fala o galego pertence ás clases menos acomodadas. Tanto, que moitos non queren saber nada do idioma pola aporofobia. Todo o que cheira a pobre, é algo que detestamos».

Sobre o seu percorrido, o certo é que Xesús Alonso Montero mantén sempre unha sincera modestia. Admite a abundancia da súa obra oral, máis que a escrita, pero mantén que a prolificidade da súa carreira ten unha clara explicación: unha vida dedicada ao traballo. «Son unha persoa que falou en público moito,pero xa me gustaría ser a centésima parte do que foi, por exemplo, Otero Pedrayo no mundo da oratoria», afirma o investigador.

Ideario e compromiso

En canto ás súas inquedanzas, o profesor vigués admite estar preocupado pola lingua, a cultura, o socialismo, a democracia e mesmo a revolución: «Todo ese universo de postulados de ideas que teño son ás que eu dediquei, dentro e fóra da aula, o meu tempo. Cando estudo a Curros Enríquez ou a Roberto Blanco Torres, estou facendo un recoñecemento á súa valía como escritores pero tamén ao seu ideario. Os intelectuais viñeron ao mundo para melloralo».

Postura crítica

Malia a súa actitude positiva e o seu sentido do humor, o mundo no que lle toca vivir hoxe en día a Alonso Montero non é da súa devoción: «Estamos na peor época da humanidade. No fondo, vivimos da miseria de millóns doutros seres humanos. O capitalismo está destruíndo o noso mundo: é planeticida».

Outro campo co que se mantén crítico o académico é o descenso da lectura que, asegura, estamos a vivir: «Neste momento, a cultura crítica é mínima, predomina o espectáculo. Para nós, ler era a única maneira de escapar da prosa do vida, de fuxir do facho. Hoxe en día, os clásicos son arcaicos para os rapaces, porque son máis fillos da sociedade que fillos dos seus pais».

Tras unha vida dedicada á cultura e unha brillante traxectoria profesional, o certo é que resulta difícil pensar en algo que Alonso Montero teña pendente. Neste aspecto, o académico sinala a Ortega e Gasset e a súa teoría do humano como ser que proxecta: «Eu teño a vida mutilada, e xa non fago grandes proxectos, senón pequenas previsións. Cando morreu Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, a miña segunda muller, pechouse un ciclo e reformuloume as perspectivas».

Malia este sentimento de «home esmorecido», como sinala o propio emérito, Alonso Montero ten a sospeita de que vai vivir «canto menos uns anos máis, para escribir un par de cousas de certa entidade. Mentres tanto, como dicimos os vellos rockeiros, saúde e república».