O actor Sergio Pazos: «Tiven a sorte de coñecer a Man de Camelle a finais dos anos 80»
CARBALLO
A remollo | Ourensán, afincado en Madrid, fixo rir ao público vimiancés cun espectáculo de humor
20 ago 2023 . Actualizado a las 23:04 h.Luis Sergio Pazos Huete, Sergio Pazos (Santa Ana-Sandiás, 1965), é para moitos o mítico Paspallás de Pratos combinados. A nivel nacional, moitos lembrarano por ser un dos reporteiros máis característicos coa súa melena longa e patillas pronunciadas. Suma outros moitos títulos, por suposto, agora ben, o que máis o define é o humor. Iso foi o que o trouxo este verán á Costa da Morte.
—Por onde anda?
—Estou no festival de Tarazona, que cumpre 20 anos neste 2023. Téñolle moito cariño despois de participar varias veces.
—Na Wikipedia pon que é de Ourense, en Google de Sandianes...
—Xa non llo discuto a ninguén porque para explicalo... Considérome un neno de aldea porque a miña infancia paseina asilvestrado en Santa Ana.
—Estivo por Vimianzo co espectáculo Risas ao sol. Que lle parece esa iniciativa de potenciar o patrimonio a través da cultura?
—Foi unha pena non poder actuar finalmente no Castelo debido ao tempo, un deses lugares que sempre ten unha maxia especial. Isto lévao facendo o festival de teatro de Ribadavia hai un montón de tempo e paréceme unha marabilla, súper bonito. Castro Caldelas tamén o fai.
—Escoitou falar do Asalto ao Castelo?
—Supoño que será da época dos irmandiños. En Xinzo temos a Festa do Esquecemento, dos romanos, en Ribadavia a Festa da Istoria... E a miña aldea ten unha torre derruída polos irmandiños.
—Gústanlle as festas gastronómicas de Galicia do verán?
—Eu xa escapo bastante das festas [ri]. Outra cousa é que me chamen para ir dar un pregón. Fai pouco estivemos no pregón na Festa da Lamprea en Arbo, na do bonito de Burela, na do polbo do Carballiño... Dimos festas por tódolos lados. Intento sempre darlle unha impronta de humor. Teñen que ser unha arenga de festa, de civilización, é dicir, hai que deixar as cousas limpas, non é só divertirse, e defender o produto local e a cultura que hai. Unha especie de comuñón que non debería perderse.
—Recorda algunha por esta zona?
—Eu ía moito a Camelle porque a primeira compañía na que empecei a traballar, que se chamaba Teatro Caritel, en Ourense, un dos socios era Daniel Piñeiro, que agora segue traballando na TVG. Pois súa nai era de Camelle. Entón, de 18, 19, 20, 21 anos, escapabámonos a Camelle, cando aínda Man non era tan coñecido e cando Camariñas era moi distinta. E desfrutaba nas festas. Creo que en Camelle había unha rúa e dous bares e a orquestra ao fondo, e ías cambiando dunha taberna para a outra. Teño ese recordo da Costa da Morte. Despois, tamén, a marea negra e todo o que pasou en Muxía. Tamén ía á Ponte do Porto e a Cabo Vilán cando aínda non había esas torres de hélices. Era unha zona que estaba practicamente inhóspita e era marabillosa, ir de noite cun Citroën 2 CV que tiña... [ri].
—Volveu por esas terras?
—Non, que va. A profesión é tan asfixiante ás veces, que resulta difícil escapar. Pero fun a Vimianzo e revolveume todo. Adoito visitar Ourense cando podo para ver á familia e aos amigos.
—Galicia é bo sitio para traer o humor.
—Sempre está esa dicotomía de que os andaluces teñen un humor especial e os do norte... Pero eu creo que os galegos temos un humor moi especial. Ata somos distintos nos monólogos. Non os facemos, falamos coa xente, espetamos os pensamentos! É moi bonito mantelo e desfrutalo. É máis: moitos dos que fago na Comunidade non os paso ao castelán.
—En que proxectos anda metido agora?
—Teño un espectáculo marabilloso sobre a axenda 2030, os famosos obxectivos de desenvolvemento sostible. É moi didáctico, pero explícao dunha maneira moi distinta, con humor. Tivo moi boa acollida en Madrid e espero levalo a Galicia este outono e inverno. Podería incluso moverse nos institutos.
—Que fai para «refrescarse» na capital e na súa terriña?
—Cando vou a Galicia escapo ao río de Allariz. Visitei ao compadre e á afillada en Portosín e fun á praia. Despois, teño un border collie marabilloso co que saio a correr e desfruto moito. Por iso estou deixando un pouco a bicicleta. O deporte axuda a controlar o estrés por ter traballo ou non telo.
—Estivo no FIOT de Carballo, na Xunqueira de Cee, na Feira das Nenas da Silva, na Laracha... Quédase con algún momento en concreto?
—Fun ao Cemiterio dos Ingleses. En Camelle bañeime nas praias cando nin sequera a xente se bañaba alí. Tiven a sorte de coñecer a Man a finais dos anos 80. Cabo Vilán é un dos acantilados máis bonitos que hai. Toda a natureza en xeral. Esperemos que non cambie moito e que non veña moita xente que a mude.
—Algún reto por cumprir?
—Seguir cumprindo anos e ser feliz.
Máis de cerca
Cando foi a última vez que comeu sardiñas con cachelos? Pois na miña casa en Madrid hai un mes. E eran de Galicia! Vivo no barrio de La Latina, diante do rastro, entón teño a sorte de que hai peixarías con peixe de calidade. Ademais, son un cocinillas! [Ri] Polo tanto, vou mantendo un pouco a tradición.
Onde está o Cemiterio dos Ingleses? Alí estiven.
Cal é o único lugar do mundo no que un río desemboca en fervenza? Iso é O Ézaro que, ademais, ten moito que ver co mundo do deporte e da bicicleta. Esa subida...
Probou os percebes do Roncudo? Son moi amigo de Miguel de Lira, que ten moita proximidade con esa zona. Eses son famosos, pero en Galicia, calquera se se deixa medrar é cojonudo.
E o longueirón de Fisterra? Sóame, pero alí vou menos.
A Eduardo Pondal si que o coñecerá. Home!
Bañouse algunha vez na Praia dos Cristais? Nesa si que non, aínda que a coñezo.
Cal é a catedral do megalitismo? Eu coñezo a praia das Catedrais [ri]. Levo dende o 96 vivindo fóra de Galicia. Por riba, son de interior. Entón, estou algo desconectado.
Con que solpor se queda da Costa da Morte? Fisterra é moi famoso, pero Muxía, Camelle... En Galicia son todas marabillosas nunha praia na que non haxa xente gritando. Na miña terraza en Madrid, tamén.