Morre José Ramón Sierra, director musical de Los Satélites e arranxista nos discos de Ana Kiro

CULTURA

Nado en San Cibrao das Viñas, é pai do abogado coruñés do mesmo nome. Achegou a formación ás características dunha «big band», con influencias de Glenn Miller ou Cole Porter. Un amante da música que impulsou en A Coruña o que hoxe é a Orquestra Sinfónica de Galicia
21 may 2025 . Actualizado a las 16:52 h.José Ramón Sierra Peña (San Cibrao das Viñas, 1937), foi músico cando non había case música. Nado en plena Guerra Civil, na provincia de Ourense poucas radios se escoitaban e para a chegada da televisión a España faltaban aínda dúas décadas. Pero ao neno naceulle a vocación nos campos da festa. Vendo a outros tocar e entreter. E escoitando cancións nos tocadiscos dalgún veciño. Ese foi o xérmolo do artista en que se convertería, co apoio dunha familia que, como tantas outras adicadas ao agro na posguerra, viu con bos ollos que o neno quixera algo distinto.
No propio blog que Sierra Peña impulsou coa súa biografía en 2013, dá conta dos seus comezos na música, percorrendo 30 kilómetros entre ida e volta a Allariz, a vila máis próxima na que había banda de música e se daban clases. Joaquín Sánchez, clarinetista e director da Banda Musical da vila ourensá, foi a súa primeira influencia, para na década dos 50, empezar a escribir as súas propias notas. Xirou por España e polo norte de África co Circo Mexicano. Os cartos que gañou servíronlle para mercar os seus primeiros instrumentos: un clarinete, un saxofón e un violín. Aos 16 anos o xa multiinstrumentista instálase na Coruña, pasando de animar actuacións circenses á formación Ases del Jazz.
Membro dos Satélites
Durante o servizo militar, ao igual que outros integrantes da mesma orquestra, ingresa en Los Satélites, achegando o seu estilo ás big bands americanas. «Era un namorado da música instrumental das películas estadounidenses, e a orquestra tocou Patrulla americana e En forma, dous dos seus maiores éxitos, porque ese estilo ao Glenn Miller ou Cole Porter, o resto de bandas no o daban acadado. Foi un signo de distinción», sinala o coñecido presentador Paco Lodeiro, quen dirixiu o documental Os Satélites, unha orquestra de lenda, no ano 2006.
Esta é para Lodeiro a meirande aportación de Sierra como director musical da formación, aínda que sería despois cando chegaría outro dos rasgos diferenciais da coñecida orquestra, a publicación de discos con Luis Rodríguez Fixoi, chegando mesmo a acadar da man da discográfica EMI, o disco de ouro. Sierra, na década dos 60, entra en contacto tamén coa escea madrileña de «música ligera», tocando tamén en grupos como Sabor Hit ou Los Brujos.
Da Banda Municipal de Música de A Coruña á Sinfónica de Galicia
Vivindo en A Coruña, o músico accede por oposición á Banda Municipal de Música da cidade como clarinetista, un traballo polo que tivo que deixar a orquestra Los Españoles. Como non gañaba moitos cartos, complementaba os ingresos collendo o taxi do seu sogro e, a finais dos 70, tivo moito éxito coa orquesta de música lixeira Os Breogáns. A progresiva profesionalización dos músicos da banda coruñesa levan ao su director, o ponteareán Rogelio Groba, a formar unha orquestra, que contaría con Sierra neste caso como violinista. Esta «Orquesta de La Coruña» foi o primeiro paso que deu o que hoxe é a Orquestra Sinfónica de Galicia.
Director e arranxista
A finais dos 80 e comezos dos 90, José Ramón Sierra vive un destacado momento na súa carreira. Aínda que carece de título de director, faise coa batuta da Banda Municipal, arranxa discos de artistas tan destacadas como Ana Kiro e mesmo compón temas propios, como foi Ruta Azul. «Un pasodobre galego de 1992 que está adicado á AP-9», contou a La Voz José Luis Represas en 2020, quen traballou con este «grande da nosa música». Os dous estrearon en 1992 este tema, «un encargo pola mediación dun concelleiro e da empresa concesionaria» cunha actuación no Teatro Rosalía.
Nunha entrevista publicada en 1989, Sierra definía así o seu traballo: «Para preparar los conciertos ensayamos diariamente unas tres horas, aunque si la actuación es muy complicada prolongamos los ensayos el tiempo que sea necesario hasta que todo quede a punto». «Nos hemos ganado un buen prestigio en todo el país», amosábase orgulloso desta labor, que durou un par de anos ata que volveu a formar parte de novo como clarinetista da banda ata a súa xubilación.
O músico é pai do avogado penalista coruñés José Ramón Sierra Sánchez, quen rexeitou no seu día seguir defendendo a El Chicle no caso Diana Quer e que representou recentemente a Kaio Amaral, condenado a 20 anos de cárcere polo crime de Samuel Luiz.
O Mestre Sierra está a ser velado no Tanatorio Servisa da cidade herculina, estando prevista a misa-funeral para as 19.15 horas desta tarde de mércores. A cremación será ás 20 horas.