José Tubío en «De 0 a 100»: «Non é posible acabar co cancro por completo, pero aspiramos a cronificalo»
DE 0 A 100
Investigador principal do grupo Xenomas Móbiles e Enfermidade no CiMUS, detallou aos alumnos do IES Arcepisbo Xelmírez II de Santiago no programa de La Voz en colaboración coa Consellería de Educación o seu traballo, ligado ao estudo da xenética das células tumorais e as súas mutacións para acadar mellores tratamentos contra a enfermidade
13 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O programa que esperta vocacións en centros de secundaria, De 0 a 100, achegouse a Santiago para que precisamente un compostelán, o biólogo molecular José Tubío, explicase a alumnos de bacharelato do IES Arcebispo Xelmírez II, como chegou a liderar importantes investigacións contra o cancro. Tubío é o investigador líder do grupo Xenomas Móbiles e Enfermidades no Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), «un traballo que agora encántame, aínda que eu ía para médico», confesou na biblioteca deste instituto.
Quizais para liberar de tensión a mozos que nuns meses teñen que decidir cal é o grao que estudan para definir o seu futuro, sincerouse ata o punto de recoñecer que foi «moi mal estudante, cheguei a ir a casa algún trimestre con seis suspensas». Tubío, que estudaría despois Bioloxía na Universidade de Santiago, completando a súa formación en Barcelona e Cambridge, incidiu en que nas aulas «tardabamos en chegar nas materias de ciencias a esas follas do libro de texto nas que se diseccionaba aos animais, onde se vía a súa anatomía, os seus órganos, que era o que a min me motivaba». ¿Como acabou entón un namorado da zooloxía obtendo en 2020 o Premio Nacional de Investigación en Cancro Doctores Diz Pintado? «Pois nese momento no que un ten que pensar en especializarse afectoume moito a morte do meu avó, que faleceu por mor dun cancro», sinalou. Así naceu nel a posibilidade de adicarse á bioloxía molecular.
Na procura de tratamentos personalizados e, polo tanto, máis eficaces
O equipo de investigadores que lidera Tubío tenta dar cos mellores tratamentos estudando a xenómica das células cancerosas, procurando evitar algo inherente a súa condición, que se espallen masivamente, a chamada metástase; e tamén estudando as súas mutacións, procesos polos cales co paso do tempo «o tratamento que valeu para unhas células, pode non servir para outras». «O cancro é un proceso biolóxico, un conxunto de enfermidades con base xenética, son mutacións as que o causan. Nós estamos nesa primeira liña de loita, identificar esas mutacións e os mecanismos moleculares que as provocan», explicou sobre o seu traballo.
As investigacións que dende o CiMUS fan neste sentido, permitirán acadar tratamentos máis eficaces contra o cancro, con novos fármacos que ataquen de forma específica a unhas células das que se terán detalles xenéticos ata agora descoñecidos. Avances e medicamentos cos que «aspiramos a cronificar a enfermidade». «Nunca acabaremos co cancro porque ao medrar e facernos vellos aumentan as mutacións e os danos nas células, pero sí será posible ter tratamentos cada vez máis eficaces, que xunto cun diagnóstico temperá reducirán a mortalidade. Morreremos de maiores, porque ademais do cancro, tivemos outra enfermidade».