Aurora Baranda, pulpeira: «O de mergullar o polbo tres veces é un teatro que facemos as pulpeiras»
![Jorge Casanova](https://img.lavdg.com/sc/JYkT0BC5zXDCiUObC4N7c3dkHpA=/75x75/perfiles/1421844600687/1422312189051_thumb.jpg)
SABE BIEN
![](https://img.lavdg.com/sc/plPPVDMG7_8qeezVi6YRA2ybXYc=/480x/2019/09/12/00121568316486690186772/Foto/GS13P8F1_212716.jpg)
As mans de Aurora Baranda (O Carballiño, 1945) coceron e picaron pulpos para repoboar as rías galegas varias veces. Pero o verdadeiramente rechamante nesta muller non son as súas mans, senón os seus ollos brillantes e moi vivos. Tomamos un café no Carballiño, vila que, pese a estar a 70 quilómetros do mar, todos consideran capital do pulpo, e na que Aurora é toda unha institución.
-Poña que son de Arcos, que é o puebliño dos pulpeiros.
-Alí están todos no tema.
-A maioría. Cando eu nacín, todos na familia xa eran pulpeiros.
-Así que tiña o destino escrito.
-Os pais sempre buscan que os fillos non se dediquen ao que se dedican eles. Eu incluso aprendín a bordar, pero non era o meu. Daquela, os pulpeiros tiñan un oficio moi duro, pero non quedou outra porque, ademais, casei moi nova. Así que pulpeira si ou si.
-Que idade tiña cando casou?
-Vaste asustar: 16 anos.
-De penalti, claro.
-Non, non. Para nada. Eramos tres irmás e as outras dúas casaron. Eu non ía quedar aí. Non tiñamos máis que para comprar o imprescindible. Pero dixemos de casar e casamos.
-E ían ás feiras co caldeiro.
-Daquela as feiras eran outra cousa. Eran máis abundantes en todo. Hoxe vas a unha feira e vas gastar; antes, unha señora que durante a semana tecía uns calcetíns de la íaos vender. Agora os que vendemos somos catro pelagatos.
-Botará de menos aqueles anos.
-Anhelo moito os vellos tempos. Cando me din que melloramos, eu contesto: «En que melloramos, ho?». Pero non me faga moito caso porque son medio morriñenta.
-Vostede ten unha pulpería en Lugo, pero aquí non ten.
-Aquí tívena 32 anos. Nós iamos ao San Froilán dende pequenos. Meus pais ían e quedaban tres meses, e os meniños non quedaban na casa, claro. A min mandábanme a Lugo a unha academia para non perder o curso. Sempre lle tiven un cariño especial a Lugo.
-Igual en Lugo non é onde mellor fan o pulpo, pero si onde mellor o comen.
-Comen moitísimo pulpo e saben comelo.
-Seguro que foi unha nena terrible.
-Moitas trasnadas fixen, si.
-Conte unha.
-Pois unha vez veu a profesora a falar con miña nai e díxolle que non lle ía cobrar a academia porque eu non ía á clase. Ao día seguinte fun e díxenlle á profesora: «Tiña moita présa por levarlle o recado a miña nai. Pois hoxe veño, pero non vou facer nada». E nada fixen, ha, ha.
-Por que ten tanta fama O Carballiño con respecto ao pulpo cando están tan lonxe do mar?
-Fálase dos frades de Oseira, pero iso non o recordo. O que si recordo é que miña avoa ía á feira de Monterroso e mandaba aos fillos comprar: a un fabas, outro touciño, outro polos... E collían o carriño e íano vender aos portos de mar. Pero había que aproveitar a viaxe, entón era cando traían o pulpo de volta e, co pulpo, ían facer outra feira.
-Pois veña, agora ten que dicir como fai vostede o pulpo, a ver se me sae ben dunha vez.
-Ha, ha. Chámeme e xa vou facelo eu.
-Iso non mo podo permitir.
-É moi sinxelo. Cando ferva a auga meta o pulpo. Non fai falla metelo as tres veces. Que ferva quince minutos; poña o lume ao mínimo e outros quince minutiños. E xa está listo para comer. Depende da calidade, claro.
-Agora matoume. De verdade non hai que mergullalo tres veces?
-Non, home. Iso é un pouco de teatro que facemos as pulpeiras para darlle un pouco de xeito.
-Vostede faino?
-Depende do público que teña.
-É verdade que é mellor o pulpo de Marrocos?
-Ímolo aclarar. Entre ti e eu. Mellor que o pulpo das rías non existe. Pero hai moi pouquiño e é moi delicado. Pela moi fácil. E á xente non lle gusta se pela, aínda que teña un sabor espectacular. O de Marrocos non pela e ten moi bo sabor.
-E tamén é máis económico.
-Iso non. Aprenderon moito.
-Vostede vai por aí e pide pulpo?
-Por suposto. Se me coñecen, xa procuran poñelo ben, ha, ha. Mire, eu, o pulpo, comeríao sen nada. Nin aceite, nin sal, nin pemento.
-Defínase en catro palabras.
-Rabuda, son moi rabuda. Traballadora, por suposto. Humilde e morriñenta.
-Celta ou Dépor?
-Eu fixen o carné do Deportivo estando en Caracas, na Irmandade Galega. O meu marido era do Celta e había uns problemas de carallo, ha, ha. Non vexo fútbol porque me poño moi nerviosa. Sóbeme a tensión.
-É futboleira.
-Home, teño dous canciños, un chámase Iker e o outro, Messi.
-En que pasa o tempo fóra do traballo?
-Pinto uns cadros preciosos. E fago moitos labores: gancho, bordar... Antes lía moito. Gústame estar ocupada.
-Dígame unha canción.
-Ui, eu non che son nada romántica. Unha de Rocío Dúrcal.
-Qué é o máis importante na vida?
-A familia.