Carlos Folgueira, O Rei das Tartas: «Sempre me sentín máis 'príncipe' que 'rei', que era meu pai»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía MONDOÑEDO / LA VOZ

SABE BIEN

XAIME RAMALLAL

Este xoves dará o pregón das San Lucas en Mondoñedo lembrándose especialmente do seu famoso proxenitor e do doce que é todo un símbolo local coma os cabalos

15 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Non parece doado dar un pregón. E menos rodeado de toda unha seña de identidade local dende neno. Mirando a Carlos Folgueira, o actual Rei das Tartas, vemos tamén a seu pai, o que iniciou a empresa e deu fama fóra das fronteiras ao icónico e calórico doce, feito con améndoa e cabelo de anxo. É difícil deixar Mondoñedo sen probalo, como é difícil non sentirse atraído pola cidade cando máis brila, nas case milenarias As San Lucas. Arrancan este xoves, entre outros actos, co pregón de Folgueira ás 21.00 no auditorio municipal. Con 59 anos di que ainda non ten a cabeza na xubilación: «Disfruto o negocio e gústame moito. Para min é como unha pequena homenaxe que lle fago a meu pai estando cada día alí. O que fixo el foi importante, porque empezou de nada e chegou onde chegou».

—Debe ser un orgullo dar o pregón dunha festa coma esta.

—Cando mo propuxeron dixen si de corazón, ainda que lles lembrei que quen tiña o carácter extrovertido á hora de falar era meu pai. Estou moi agradecido. Non me poño expectativas...

«Cando mo propuxeron dixen si de corazón, ainda que lles lembrei que quen tiña o carácter extrovertido á hora de falar era meu pai»

—Nin hai que compararse con outros pregoeiros. As San Lucas son os cabalos. Como se leva con ese animal que aí é un tótem?

—Non se entenden as Feiras das San Lucas sen os cabalos. Dende hai uns anos faise a baixada. Se antes As San Lucas gañaban moito, agora máis porque é un espectáculo precioso que gusta a xente nova e xente maior. E nun entorno como a catedral de Mondoñedo... Mellor imposible!

—Mondoñedo ten algo especial, sen dúbida. Pero sendo realistas, que falta por revalorizar?

—Mondoñedo ten un casco histórico precioso. Nos tempos nos que estamos hai outras cidades con máis comercio. Aquí hai que explotar o que temos, que é realmente distinto ao que teñen outras cidades cercanas. Por exemplo, este casco histórico e o entorno, melloralos. E a nivel comercial. Falo tamén do polígono industrial, que pouco a pouco vai medrando en empresas. Vexo que hai xente, tanto de España como de fóra, que está comprando casas antigas en Mondoñedo, reformándoas, amañándoas. Non estamos pegados á praia pero estamos cerca, e coa tranquilidade que ten o pobo de Mondoñedo.

—A veces dá a impresión de que o valoran máis os de fóra...

—Nos pobos pequenos, penso que iso pasa moitas veces. O de fóra ve outras cousas a diferencia do que leva aquí toda a vida. Mondoñedo foi capital no Antigo Reino de Galicia, e penso que ainda queda esa marca. Dende aquela foi evolucionando, pero non só da historia se pode vivir.

«Mondoñedo foi capital no Antigo Reino de Galicia, e penso que ainda queda esa marca»

—Falemos da famosa tarta... Do legado que lle deixou seu pai.

—Cando morreu, eu era un picarín, con 25 anos. Como fillo único, sen irmáns, quedábame esa dúbida de que facer. Era ou quedarme nesa tenda onde podería seguir vivindo dos turistas no verán porque no inverno había moita menos xente, ou intentar facer cousas novas. Equivocándome, ou non. Ao ano de morrer el, na mesma rúa fixen un pequeno museo fotográfico cos recordos de meu pai. cando se falaba da variante de Mondoñedo, que ía por fóra da cidade, pensamos en facer algo nunhas terras. Fun mirando e dando voltas. En Pedrido vin unhas fincas. Negociamos e fixen alí a cafetería. Ao ano e pico, ou dous, quitei o obrador do pobo ainda que segue habendo neste a propia tenda [na Praza da Catedral, con cafetería]. Nos anos que funcionou a da carretera nacional, onde por detrás puxemos o obrador, a verdade é que moi ben moi ben. Agora, duns anos para aquí a autovía, queiras que non, quitou moito tráfico, ainda que sigue habendo, grazas a Deus, moito cliente propio que vén. A última aposta (penso que poucas máis haberá así tan forte economicamente) foi a área de servicio da A-8 que custou moito facer, moitos permisos e moitos problemas, porque abrimos ao final de 2019 e uns meses despois chegou o covid, a pandemia. Co co cal para un negocio desas características, e cunha inversión a base de ir aos bancos, veu aquilo tan pronto e o pau foi gordo. Incluso psicoloxicamente. Despois diso, cada día que pasa, cada ano que pasou, fomos mellorando moito. Para min é un orgullo. Gústame ir alí, estar tranquilo e atender a xente.

—Síntese máis ‘rei’ ou ‘príncipe’?

—Dígollo a moita xente dende que morreu meu pai, que sempre me sentín moito máis ‘príncipe’ que ‘rei’. O Rei das Tartas era meu pai. E punto. É como se a min me dá por deixar eses mostachos... Ese carácter extrovertido era innato nel. Daba igual que falara con alguén importante como cun obreiro. Era cariñoso con toda a súa xente. E si, era un showman [lembra o seu paso polo famoso concurso 1,2,3]. Penso que intentar copiar iso sería inutil, aparte de que a min non me sae.

—Foi un dos grandes embaixadores de Mondoñedo.

—Acórdome que cando acabei no instituto aquí fun estudar Relacións Públicas, tres anos, a A Coruña. Combinaba os estudos con traballar e metinme nunha confitería para aprender o traballo forte e facer outros produtos. Moitos profesores do centro dicíanme: ‘Carlos, vas a aprender aquí unha técnicas pero o mellor relacións públicas que tes en Galicia é teu pai. Entón, pégate ben a el, aprende del’.

—En resumo, o seu pregón...

—Vai ter catro liñas principais que son meu pai, a tarta, a historia das San Lucas e os cabalos.