
Haberá actividades deportivas, culturas, musicais e gastronomía
12 jul 2017 . Actualizado a las 10:03 h.Venres 14?•?A partir das 17.00 horas?•?Club Fluvial de Begonte?•
Begonte estreará Festa da Xuventude este venres, con actividades pola tarde e pola noite para os máis novos. Esta primeira edición comezará ás 17.00 horas no Club Fluvial de Begonte, con actividades deportivas e culturais dirixidas a todas as idades, como xincanas e xogos tradicionais. Ás 21.30 horas terá lugar a cea de confraternidade, na que se poderá degustar empanada, churrasco e bebida, por 3 euros. Os interesados poden mercar os tiques para xantar no Concello de Begonte e na recepción do Club Fluvial. A xornada rematará coa verbena, a cargo das orquestras Clan Cero e Cinema, ademais dunha discoteca móbil.
O deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, e o concelleiro de Cultura e Deportes de Begonte, Luís Luaña Castelo, presentaron esta programación no salón de actos do Pazo de San Marcos. O goberno da Deputación é a única administración que colabora co Concello na organización desta cita, achegando 6.000 euros. Prevese a participación dunhas 1.500 persoas nesta xornada, que contará con actividades deportivas, culturais e musicais, ademais de degustacións.
Potenciar a Terra Chá
Vidal Baamonde destacou que «este tipo de iniciativas dedicadas aos máis novos das vilas son un revulsivo económico e turístico para a comarca da Terra Chá, pois espérase que preto de 1.500 persoas se acheguen este venres ao fermoso enclave natural do Club Fluvial de Begonte para participar nesta primeira edición da Festa da Xuventude. Dende o executivo provincial investimos na presente anualidade 330.000 euros para a realización de 71 eventos turísticos, feiras e mercados, en máis de cincuenta concellos lucenses, cos que dinamizamos a vida dos nosos municipios, especialmente no rural lugués».