O MIHL retoma os espectáculos de contacontos en Lugo

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Carmen Domech pechará o ciclo o 25 de novembro
Carmen Domech pechará o ciclo o 25 de novembro xoan a. soler

Teatro Ghazafelhos abrirá o ciclo o día 23 con «A máquina do tempo», para cativos maiores de 5 anos

14 sep 2021 . Actualizado a las 11:27 h.

Os contacontos retómanse no MIHL a próxima semana, cunha programación de animación á lectura dirixida á infancia e que achegará aos lucenses cinco funcións ata finais de ano.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou as actividades que conforman a nova edición da programación de animación á lectura e contacontos. «Con estas actividades pretendemos achegar ás máis pequenas e pequenos á biblioteca e ao mundo da lectura e dos contos, prestando ademais especial atención ao fomento da igualdade de xénero», explicou.

«Do mesmo xeito que na última edición, realizaremos as actividades nas instalacións do MIHL, onde se poderá manter a distancia de seguridade interpersoal», explicou a edil de Cultura, que engadiu que «para asistir será preciso retirar entrada, de maneira gratuíta, no portal entradaslugo.es». As persoas adultas que acompañen ás nenas e nenos terán que retirar entrada, mais para dar preferencia ao público infantil, só se permitirá unha acompañante por unidade familiar, cun límite de tres entradas por persoa.

O ciclo conta cun total de cinco actividades, que comezarán o xoves 23 de setembro e continuarán ata o 25 de novembro. Cada unha delas está dirixida a unha franxa de idade.

O programa é o seguinte:

Teatro Ghazafelhos actuará o 23 de setembro
Teatro Ghazafelhos actuará o 23 de setembro MARTINA MISER

· Xoves 23 de setembro, 18.30h. Teatro Ghazafelhos, A máquina do tempo. A partir de 5 anos. 50 minutos.

Sinopse: A doutora Mon e o seu axudante Pe logran construír unha máquina do tempo coa que amosan a verdadeira historia das civilizacións, mandando a Pe e a algún «voluntario ou voluntaria» a distintas épocas da nosa historia.

· Xoves 14 de outubro, 18.30h. Inacio Vilariño (Fantoches Baj), Espantamedos. A partir de 4 anos. 50 minutos.

Sinopse: O medo protexe de multitude de perigos e é por iso que, desde sempre, os medos tiveron nome e imaxe. En Espantamedos propoñemos un conxunto de contos e cancións para enfrontarse a eses medos patrimoniais que perviven na sociedade galega dos nosos días.

A Xanela do Maxín presenta «U-la lúa» o 20 de outubro
A Xanela do Maxín presenta «U-la lúa» o 20 de outubro

· Mércores 20 de outubro, 18.30h. A xanela do maxín, U-la lúa. A partir de 4 anos. 35 minutos.

Sinopse: A igualdade e a non violencia son os alicerces dunha historia que mostra a realidade que padecen nenas e mozas en todo o mundo, ás que se lles nega o pleno desenvolvemento como persoas. A gatiña Lúa oponse a iso, sendo un exemplo de constancia e valentía.

· Mércores 10 de novembro, 18.30h. Palimoco Teatro, A historia de Carme e Xacobe. A partir de 5 anos. 60 minutos.

Sinopse: Carme e Xacobe van visitar a cidade para ver aos seus netos, aínda que lles amola ter que deixar a súa casa, xa que non queda moita xente na aldea para coidar dela. O que non esperaban, ao chegar a Lugo, é que todos estiveran tan ocupados que non teñan tempo para botar un conto.

· Xoves 25 de novembro, 18.30h. Carmen Domech, Contacontos de libros contentos. A partir de 4 anos. 50 minutos.

Sinopse: Os libros da casa tolearon por completo. A cada un aconteceulle un suceso incrible e viaxan nunha maleta de acá para alá querendo contar a súa historia. Hainos de todo tipo: tímidos, divertidos, intrépidos ou deliciosos.