Miguel Marán, escritor de Lugo: «O deporte desata moitas paixóns e favorece facer tramas»

Félix Jorquera / L.L. LUGO / LA VOZ

LUGO

Miguel Marán
Miguel Marán Carlos Castro

O xornalista acaba de publicar a súa segunda novela, «Naranja y gris», co baloncesto como protagonista

06 oct 2021 . Actualizado a las 12:22 h.

O escritor, filólogo e xornalista lucense Miguel Marán acaba de publicar a súa segunda novela, Naranja y gris, co baloncesto como protagonista. O libro pode mercarse en librarías, na web da editorial Libros Indie e en plataformas dixitais. Marán estivo esta semana no programa Voces de Lugo, de Radio Voz.

-Esta é unha novela de ficción, pero que fala moito da volta ao pasado. A nostalxia mitifica todo un pouco, verdade?

-Si, indubidablemente. Ademais, a etapa miña nostálxica é a dos oitenta, que foi unha época peculiar. O baloncesto tivo un despegue tremendo porque foi cando chegaron as primeiras imaxes da NBA a España, houbo xogadores como Fernando Martín ou Epi, que marcaron unha época. En Europa saíron xogadores como Sabonis, Toni Kukoc ou Drazen Petrovic... Mitifícase un pouco, pero en todas as épocas hai cousas boas e cousas malas e cando miras con perspectiva si que as botas de menos moitas veces.

-O lucense xa leva no ADN ser amante do baloncesto?

-Eu empecei a xogar creo que con 11 anos e cambiou moito. O primeiro partido que xoguei eu foi a finais de outono: recordo saír pola tarde do colexio Maristas, que por aquel entón xa tiña a pista inclinada de agora, pero con fochancas... e chovía, era de noite, non había luz... pero xogamos igual, iamos moi contentos. E, dende entón, moitos anos xogando, despois moitos anos adestrando, ata que por temas laborais o tiven que aparcar un pouco.

-Como é o xerme deste libro?

-Quería facer algo de baloncesto por esa vinculación que tiven moitos anos, de xogar, adestrar, como afeccionado, cubrindo partidos como xornalista... e mesturalo un pouco cun libro que me gustou moito, O señor das moscas, de William Golding, que narra a historia duns nenos que quedan nunha illa deserta. Así mesturo, por un lado, a infancia do protagonista, que é cando chega á cidade e empeza a destacar no baloncesto e cimentar a súa carreira posterior, e despois a volta, trece anos máis tarde, con 27 anos, porque falece o que fora o seu adestrador. Entón, ese regreso 13 anos despois a unha cidade que non pisara nese periplo obrígalle a reencontrarse cos seus compañeiros, cunha cidade que cambiou moito... e ten que xestionar esas vivencias e emocións.

-Por que «laranxa» e «gris»?

-Laranxa é porque todos os que estamos vinculados ao baloncesto sempre vemos, ao final, ao fondo, unha cousa laranxa, que é o aro. A pelota tamén é moitas veces laranxa. E o gris é porque me gusta ambientar as novelas con ese ceo típico de Galicia nesta época do ano, de nubes grises.

-Hai personaxes reais?

-Son irreais todas, pero hai mencións a algún xogador da época.

-Cal era o seu xogador favorito de neno?

-Gustábame moito Fernando Martín, porque tiña moito carácter, e aínda agora me gusta ver algún partido del. E no plano europeo, Petrovic, quedei impactadísimo. Eu vino xogar por primeira vez nas semifinais dos Xogos Olímpicos do 84. E tras uns meses apareceu e aquilo era un espectáculo, era frustrante, metía todo, corenta puntos por partido...

-Tamén eran memorables as batallas entre Fernando Martín e Norris, do Barcelona.

-Con Norris coincidín cando fixen o curso superior de baloncesto porque el fixérao o ano anterior. E, ao final dunha das clases, achegueime e díxenlle: ‘Así que, segundo me contou Ricardo Hevia, os mellores estranxeiros da ACB cando ti estabas no Barcelona erades ti e Kenny Orange’. E quedou impactado, porque todo o mundo lle preguntaba por Fernando Martín, e de repente alguén lle preguntaba por un xogador do Breogán...

-Detrás do deporte, hai épica e literatura, sobre todo en América.

-O deporte préstase, desata moitas paixóns e favorece facer tramas.