Francisco Narla, escritor de Lugo: «Teño a sorte de que o público segue buscando as miñas novelas»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Francisco Narla
Francisco Narla Agostiño Iglesias

Acaba de publicar unha edición especial de «Ronin», un dos seus primeiros relatos históricos, que chegou a máis de 150.000 lectores

19 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor e comandante de línea aérea Francisco Narla (Lugo, 1978), afincado en Friol, acaba de publicar unha edición especial de Ronin. La venganza del samurái azotado por el viento, unha das súas primeiras novelas históricas, que chegou xa a máis de 150.000 lectores. Tralas edicións de Temas de Hoy (2013), Círculo de Lectores (2014), Booket (2015) e mesmo unha tradución en China, o autor ofrece con Edhasa unha nova edición deste long-seller, completamente revisada e actualizada, incluíndo un novo prólogo.

O premiado escritor, éxito de vendas, presenta unha novela ambientada na época medieval en Xapón, que narra a aventura vivida pola expedición de samurais que desembarcou en España no século XVII e irmanda as épocas medievais do territorio oriental e a coroa española.

—Por que decidiu lanzar esta nova edición?

—É unha forma de manter viva a novela. É algo que xa se fixo con outras obras anteriores e a verdade é que son afortunado porque todos os meus títulos seguen vivos. Eu non son María Dueñas, nin Stephen King, pero teño a sorte de que o público segue buscando as miñas novelas.

—Que tal acollida está tendo o seu último libro?

—A miña última novela foi Fierro, que está tendo moito éxito. Este ano publiquei con Edhasa De hombres y ríos. Los secretos de la selección española. Trucos, artificios y técnicas, pero non é unha novela e o obxectivo céntrase en dar a coñecer e facer unha pequena homenaxe á selección española de pesca con mosca, un deporte pouco coñecido e con moitos logros. Nos últimos seis anos, a nosa selección leva tres ouros e tres bronces, ningún outro deporte obtivo cifras semellantes. Así que falei con 14 membros da selección, que elixiron cada unha un escenario, unha técnica e unha xornada nun lugar distinto da xeografía, que me levou a facer case 100 horas de entrevistas gravadas e 15.000 quilómetros.

—Que pode adiantar da súa próxima novela?

—Publicarase en febreiro e, de momento, non ten título. É unha novela histórica e de aventuras porque eu non son de pelexarme co público e este xénero é o que máis lles gusta. Vai ser unha novela un pouco diferente, vou dar un paso adiante e falar dunha historia de roubos e de ladróns, concretamente, de roubar un barco das famosas flotas de Indias.

—Estará tamén presente Galicia neste novo libro?

—Sempre falo de Galicia nos meus libros. No caso da nova novela, haberá tres personaxes galegos, pero tamén se falará doutros aspectos de Galicia, como o viño da Ribeira Sacra. Eu botei moito tempo vivindo fóra de Galicia e son dos que creo que aquí temos moita riqueza que hai que potenciar e coidar. Penso, por exemplo, que poderiamos ser un paraíso para o turismo rural, ou para actividades ao aire libre, e que debemos dar prioridade á conservación do noso patrimonio, coma os castros, ou da nosa flora autóctona, coma os castiros ou os carballos.